XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 6 de outubro de 2011

A lagarta da serra.

As lagartas, tamén  os lagartos, con ese aire xurásico certo e esa ollada tenra e case suplicante, son sen dúbida das miñas xentes favoritas para tentar contemplar e mesmo  fotografar. Confeso terme quedado engaiolado co seu indovindo lizgairo, áxil, ingrávido, que me aleda a face de sorrisos admirativos e incrédulos, e malamente me permite ocuparme en   lles facer algunha foto.
Todas, elas e eles, lagartas e lagartos, xentesauria dunha fotoxenia salvaxe, evocadora de exotismos tropicais  antigos,  remexen no común das  ánimas, se  cucarandainas máis, conmovedoras pasiós terroríficas, e no ánimo do olláparo naturalista, en troques, levedan maretadas de lediciosos praceres perdidos, tal, poder desfrutar do antigo discorrer natural da vida espida, sen aditivos, sen colorantes...sen humanizantes.
Iberolacerta monticola, a lagarta da serra, vén hoxe a este bló fardada con todas as honras e maxencias esixidas as humildosas xentes do monte pra seren consideradas dinas de figurar nos máis prestixiosos catálogos conservacionistas dos tesouros  da biodiversidade. As poboaciós de lagarta da serra na Capelada, se coubera, máis aínda.
A lagarta da serra é un endemismo do noroeste ibérico que viña sendo considerado na súa área de expansión coma unha úneca especie que aparecía pola Galizia, Cordal Cantábrica, Sistema Central, Pirineos, Serra de Gata, Montes de León e Serra da Estrela en Portugal. A afinación dos estudos a nivel xenético e proteínico, deu en validar a diferenciación das diversas colonias, case que noutras tantas especies.
Deste xeito a poboación dos Pirineus definiuse como Iberolacerta bonnali, cos tres subespecies de seu, as poboaciós de Gredos e Guadarrama denomináronse I. cyreni, as de Serra de Gata I. matinezricai e as da Serra da Estrela, cantábricas e galegas, entre as que loxicamente entran as da Serra da Capelada, ficaron co apelativo tradicional de Iberolacerta montícola.  Considerando pra máis que as portuguesas son da subespecie I. monticola monticola, e as galegas e cantábricas I. monticola cantábrica: cousas da axitada ciencia da taxonomía, en estado permanente de definida indefinición.
A especie presenta un claro dimorfismo sexual, sendo os machos máis grandes e de aspecto máis robusto e teñen o dorso de coloración verde contra os tons pardorroxados das femias,  xardado en ambos casos con pencas negras que poden formar bandas polos laterais, aínda que os machos noviños teñan tamén a espalda parda. As crianzas, unha cucada, presentan un rabo azul e un aspecto fráxil incondundible. Característicos son os ocelos azuis laterais e axilares dos machos que lle confiren unha  farda linda e fermosa.
As poboaciós da Serra da Capelada presentan nos machos a distinción propia da coloración azul da gorxa, e por veces da cabeza. Característica esta única e especial, que define a raza propia das lagartas da Capelada e convérteas, aos meus ollos, nas máis fermosas das iberolacertas, e por outra banda diferéncianse tamén por ser quen de vivir na mesma ribeira mariña. Máis arriba vai a imaxe documental dunha femia adulta esculcando entre as madeiras do paseo da Plaia de Espasante. Neste mesmo bló xa se publicou a foto  doutro exemplar entre as pedras do peirao do cantil de Cortes: rebuscaba bichería entre as xebras da marea. Iberolacerta monticola cantábrica: a lagarta mariñeira. Na Serra da Capelada, si.
Especie considerada típica de alta montaña, gosta das pedreiras abondosas e amplas, estando especialmente adaptada para sobrevivir entre as regandixas e os coreños espazos entre elas. Xa neste  bló apareceu a imaxe dunha femia fotografada entre as morrenas glaciais de Os Tres Bispos, nos Ancares. Na nosa bisbarra ocupa unha diversidade de habitats: pola Capelada gosta das penedías entre uces, Os Carrís e Penedo Escuro por exemplo; dos areeiros da costá, ao abeiro dos paseos de madeira, tal na Plaia de Espasante; das ribeiras mariñas do cantíl, penso no   Peirao das Bolas da Enseada de Cortes, e asimesmo  vellos muros dos bosques de ribeira, na Illa do Río Mera por caso, e non faltan nas verticalidades destemidas da costá: teño fotos de exemplares pola banda da Espiña dos Gatos, baixando ao Cadro. Acolá ao parecer, por onde elas queiran.
Pesia a que non son moi difíciles de observar, para máis son moi curiosas e relativamente confiadas, cada día parecen ir diminuindo en número. Ao igoal que  con toda a vida salvaxe, a imparable extensión da influenza vírica humana anda ameazando a súa supervivencia. Parques eólicos, o desmadre das "actividades en contacto coa natureza" tal o sendeirismo iñorador, desaforado e salvaxe e o montañismo masivo; a construcción tola de infinitas e inútis pistas forestais; as repoboaciós masivas sen estudo previo; o furtivismo mineiro (...si, furtivismo mineiro, xa falaremos)... e tantas, tantas outras humanidades, o lume por caso, andan colocando a pervivencia  desta fermosa alfaia dos penedos nunha situación preocupante, que ameaza gravemente a sosegada vida tradicional  das fermosas lagartas da serra no Mundo Feliz da Capelada. Richini Richinoff, dixit.
Non extrañará saber, xa que logo, que está estrictamente protexida polo Anexo II do Convenio de Berna, que a Directiva Habitats declaraia especie de interés comunitario que require protección estrita e a lexislación estatal española consideraia "de interés especial", consecuencia todo este nivel proteccionista da declaración de Categoría Mundial UICN como "vulnerable" e na Categoría España UICN como "especie casi amenazada" no ano 2002. Saberemos conservar o noso patrimonio natural?
A mesma Xunta de Galizia, tan conservadora non tan conservacionista, advirtindo que algunhas das poboaciós recoñecidas de lagarta da serra viñeron declinando perigosamente, en casos mesmamente ate desaparecer, veuse na obriga de incluilas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas 2007 e otorgarlles a consideración de vulnerabeis. Moito máis vulnerabeis se pensamos que algunhas das poboaciós, Cabeza de Manzaneda por caso,viven illadas  e malamente poderán contactar e intercambiar xenes entre sí.
Servan estas letras e estas imaxes, case todas elas dun macho novo fotografado este ano, para lanzar un brindo á espranza. Un brindo a berros polo futuro das lagartas da serra. Un brindo a gorxa chea pola súa sobrevivencia. E fagamos algo máis.  Defendamos e protexamos os seus habitats: os penedos da malpocada Serra da Capelada, cada día  máis esbandallada e alterada. Brindemos, máis que sexa co viño amargo das horas, por elas, as lagartas da gorxa azul.

A de ir rematando no punto esta entrada lagarteira. Ogallá, coma as mareas do setembro, chegue riba de riba do voso corazón xeneroso, ao que  lle ei de quedar agradecido por acoller nel, co doce agarimo que sinto ao lonxe, estas  palabras bremanzosas.

Ata outra mellorada, miñas e meus.

A mandare.



Nota marxinal: van baixo do videomínimo unha  xeira de achegos nos que poderedes acceder, se queredes saber moito máis  das nosas lagartas, a un coñecemento científico rigoroso da súa bioloxía e problemática, da mao e a prosa dalgúns dos mellores especialistas do tema. Leitura proveitosa,  sen dúbida, animarvos.


VideosMínimosDoNoroeste TV
O petisco da lagarta.

Un achego a Enciclopedia Virtual de los Vertebrados de España, con rigorosas, amplas e actualizadas informaciós sobre a lagarta da serras, en premendo.

Estoutro a ficha en pdf do Atlas y Libro Rojo de los Anfibios y reptiles de España, pra achegar, premer.


E estoutro do Boletín da Asociación Herpetolóxica Española de decembro do 2006, no que Pedro Galán, herpetólogo do máximo prestixio, comunica a existencia das comunidades de Iberolacerta monticola da Serra da Capelada, nas que os machos presentan coloración azul na cabeza. Un documento imprescindible do naturalismo ao noroeste do Noroeste. Se intresa, premer.


Acó un artigo, do mesmo Pedro Galán e do ano 2005,  nun curso do IBADER, (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) sobor da situación e as ameazas da fauna herpetolóxica na Galicia. Simplemente a opinión dun dos máximos especialistas. En premendo. 

E un outro interesante artigo do mesmo Pedro Galán en MUNIBE, suplemento Nº27, sobre "Caracterización de las poblaciones de Iberolacerta monticola en el noroeste ibérico" si premedes.

7 comentarios:

  1. Fermosas fotos Refael, é unha especie fermosa que encadila a un, poido pasar unha chea de tempo mirandoas se cansar. Parabéns Rafael polo homenaxe a esta lagartixa, e graciñas polos achegos.
    un saudiño.
    (Toñito)

    ResponderEliminar
  2. Os agradecementos van de volta Toñito. Os achegos a min tamén me parécen interesantes e alédame que poidan servir pra ir tendo un fondo informativo e científico dos temas da natureza ao noroeste do Noroeste. Sempre que se pode van engadidos os artigos no que me fornecín pra redactar a entrada. Por educación e respeto, naturalmente.
    Saúdos. Mirámonos no monte.
    Rafael

    ResponderEliminar
  3. Meu benquerido soñador de SATRÓLITROS: eu non son Xosé, o xudeu interpretador de delirios faraónicos,pro si é verdade que vou vendo, cada día de desidia máis, unha albarda grande, repoluda e redonda onde gostaría de ver retallada unha elegante cinturiña de avéspora.

    Segue de olláparo. É unha honra.

    Moito obrigado polas lindas palabras e aledado ao saber que este bló é do teu gosto.

    (Escusádeme, prego, por este críptico comentario particular dirixido a un amigo da ialma que me mandou un texto tan persoal que me da rubireza o publicalo. El sei que o entenderá.)

    ResponderEliminar
  4. Ola Rafael,
    hai días que nos enlaces do meu blogue e outros vexo que subiches unha nova entrada:
    Gonipterus sacutellatus versus Anaphes nitens

    O caso é que se premo aparéceme a Lagarta. Non sei se aos demáis pásalles o mesmo ou é problema meu, que destas cousas da internete non che entendo moito.
    Unha aperta
    Paco

    ResponderEliminar
  5. Moi boas Paco...
    ..xa me dacatara da circunstancia que comentas...o certo é que foi un erro persoal...

    ...coméntoche a ti e depaso para os demáis ao tempo que pido mil desculpas: teño unha xeira de entradas a medio facer no espazo de bloger adicado aos borradores, algunhas son ideas, outras traballos xa adiantados...

    ...o caso é que teño unha chamada tal coma se anda publicitando sen querer, xa que nun intre de despiste, cada día máis numerosos, deille a publicar esa entrada cando quería pechala e pasar a outra cousa, e sendo así que blogger deuna inmediatamente coma publicada, eu decateime do erro ao momento e de novo volvín a gardala coma un borrador, pro xa andaba nas referencias da rede como se en realidade estivese publicada...

    ...en fin sinto moito o erro e as inconveniencias que poidera causar, en canto teña imaxes de Anaphes nitens, que non teño nengunha, refago a entrada e publicoa...

    ..ata o daquela e sempre un saúdo e mil perdós.

    ...a mandare.

    Rafael.

    ResponderEliminar
  6. Hola Rafael:
    Levo tempo perdido en ocupacións varias, e nin atendo o meu blog nin case sigo os dos amigos. Eu tamén teño o vicio de quedar apampado mirando pra estes lagartos. Moi chulas as fotos.
    O do furtivismo mineiro non ten nome, é un autémtico abuso e fan o que queren onde lles peta, agora andan facendo catas frente á Garita, cerca da Cruz dos Torreiros,e xa invadiron un pastizal, dubido que teñan permiso e se o teñen..en fin, aínda non hai moitos días que dixo un "cargo" no periodico que por Landoi abaixo xa so quedaban "algunas arenas" no fondo do río, e non lle cae a cara de vergonza. Podíamos facer unha conferencia do tema. Entre estes, os dos eólicos e as procesadoras da madeira+camión atranca pistas teñen a Capelada repartida para eles.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  7. Ola Juanma...certamente botámoste de menos, máis coma blogueiro ca como comentador, sen despreciar ren,....

    ...certamente a nómina de desfeitas coas que ultimamente acosaron os poderes, políticos e económicos, ambos a mesma burra, a natureza da nosa bisbarra andan rebordando a nosa capacidade crítica e de denuncia...

    ..teño fotos, deixa a ver se tempo pra unha entrada, das extraciós ilegais de pedra na Punta da Meda: toda unha desfeita perfectamente orquestada...

    ...das catas arredor da Cruz dos Torreiros non teño máis noticias xa que pouco tempo teño ultimamente para subir ao monte, pro así andamos de dsfeita en esbandalle...

    ...ao parecr diso se trata: de razoar que a saída da crise sérá en parte á conta da esplotación por uns poucos do único ben común que nos vai quedando: a natureza enxebre...

    UNha aperta

    Rafael

    ResponderEliminar