XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

mércores, 16 de decembro de 2009

Biluricos ou beloricos.

Acobillados ao carón dos pelouros do peirao de Ortigueira, uhna bandadiña de Tringa totanus (biluricos ou beloricos se mellor gustades), andaban a disfrutar das últimas e mornas raiolas do sol do día, nun destes seráns refriados.

Arestora o espazo intermareal Ladrido-Ortigueira e un repousadoiro agarimoso para miles desas xentes de augaire, (parrulos, chíscalas, chorlitos, mazaricos, pildoriñas...) que chegadas de mundos boreais decidiron, coma todos os anos, pasar o inverno na Doñana do Norde: a nosa querida e fermosísima Ría de Ortigueira.
Aínda que para disfrutar da súa contemplación a ollo cheo conveña levar uns bós prismáticos ou un telescopio terrestre medio decente, por veces se un se acompaña tan só da sua presbicia ou da súa miopía acelerada, pode, tal é a cantidade e a confiada calidade de paxareiría, gozala de lo lindo só con non andar moi despistado e botar medio ollo ao derredor.

Tal nos pasou estoutro día, cando esta bandada de repousados biluricos chamou da nosa atención co seu chíar mazariqueiro: se conoce que querían saír neste o seu bló e non viron mellor maneira de explicarmo que dicirmo claramente.

Os biluricos eran unha teima non cumprida. Nestes anos de rexistros dixitais nunca poidera dar con eles na confianza da proximidade adecuada. Non fixeramos moito trato, que se diga. E ben que quería saber eu deles, pois sempre me acordaban, e me acordan, a un deses alumnos inesquencibeis que tratei na Ría de Noia, na Barquiña, e que corría co nome de guerra de O Bilurico.

Bilurico, ou belorico, son por iso nomes manexados polas Rías Baixas. Por alá son palabras moi de a diario e alá foi onde por primeira vez as sentín entoar, na xilgareira fala meiriña. Aplicadas as máis das veces a xente miúda e rebuliceira, como era o meu inesquencible alumno.

Estoutros biluricos, desta fríxida serán de Ortigueira, non se amosaron por iso moi inquedos nen fuxidizos: claro que se realmente querían verse retratados neste o seu bló, non lles conviña moito moverse para poderen saír na foto.

E así foi que se deixaron fotografar amodo, acomodados e quedos, para que eu non tuvera queixa deles e poidera facer o meu labor con toda a tranquilidade que a ocasión deste primeiro coñecemento mutuo requería.

Fixen o que poiden e o que sei. Se as fotos non sairon mellor é cousa que eu só debo explicar, os biluricos pola súa banda portáronse con toda a educación natural que só a xente criada nas civilizadas terras nórdicas europeas posúen.

E coas poucas habelencias fotográficas aprendidas neste quinquenio dixital, procurei que poidese parecer un fotógrafo: gracia coa que non quixo dotarme o ceo. Os resultados deste desvelo, polo que toca os meus queridos biluricos, xa van explicados nas fotos que anteceden e para mellor comprender podedes mirar as fotos que veñen.


Que ogallá vos agradasen e vos fixesen pasar un anaquiño da vida coa lixeireza da auga que corre a canda o rego maino: sen sentir o seu pasar.
Agradecido, totus meus.

2 comentarios:

  1. Hola:
    Non sexas tan modesto que as fotos non teñen ningunha duda.
    Certo que os modelos saben comportarse, eu puiden disfrutar deles e das suas poses hai dous meses, nese mesmo sitio, o posiblemente os mesmos indiviuos (podes ver unha foto no meu blog do 24 de outubro). Deixanse retratar de boa gana.
    A abrigarse, que por aquí(Lugo) de vez en cando cae unha nevada.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Boas...o único mérito foi gañarme a súa confianza para me deixaren poñer, en casos, detrás deles...poiden apoiar no petril, eu ando sempre sen trípode, e fotoxó fixo o que puido coa pouca luz que entraba.
    Saúde e sorte.

    ResponderEliminar