XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 17 de febreiro de 2013

Larus cachinnas, en Cariño.

De paso que me chegaba a Mera pra fotografar a Polygonum capitatum nepalí recén comentada, dei en mandarme por Cariño, coa lixeira e vaga espranza de poder botarlle un ollo a algunha gaivota branca que se deixase caer pola súa praia. 

A Concha cariñesa, sáibase, pasa por ser un paraíso pra os afeccionados ás gaivotas. Houbo anos de caeren tres e catro groenlandesas xuntas; e  de non ser brancas polares, seguro que algunha ca outra cousa podería encher a cunca da ollada. 

Cariño ten días onde o extraordinario parece ser cotián. 

 
A miña iñorancia extrema non foi quen de ollar nada extraordinario. Na marea as gaivotas de sempre andaban a repousar ao pé do rego e á súa beira a media ducia de garavitas que están de garda invernal permanente na area acompañábanas cun aire aburrido e o seu aquel  esgarecido.

Cariño, parecíamo a min, non tiña nada digno de ver, non sendo a figura sen par do Mestre Ricardo Hevia que se acomodaba entre as ammophilas pra mellor ollar sen ser ollado as posibles novidades da marea. Hoxe parece que non hai nada, Ricardo, digo. Pouca cousa, dime, unha Larus canus, unha Rissa tridactila que anda lonxe pola marea e a Larus cachinnas que leva unha tempada repousando pola zona e cando non anda por Pantín ou a Frouseira anda por Cedeira ou por Cariño. Palabra de Ricardo, palabra de deus verdadeira.



Larus cachinnas, a gaivota do Caspio, é unha particular especie gaivoteira que pra  servidor é unha simple cuestión de fe admitir e recoñecer que posúe alguha diferenza coas noviñas de Larus michaellis, as gaivotas claras nosas de cada día. 

Gaivota non moi  frecuente, a poucos coñezo eu que sexan capaces de emitir un dictame preciso e diferenciador con Larus michaellis, tan prósimas entre si en tantas cousas, que hibridan con extrema facilidade.  Un deles, o mestre ferrolán Antonio Gutiérrez que dá clases diarias gratuitas de discernimento dende o seu bló Gaviotas y Anillas.(Visitar).


Pra máis non tiña nengún rexistro consciente desta especie e de repente a posibilidade de poder apreixarlle imaxes e aprender a diferenciala das outras gaivotas (e pra maior gloria na voz sabia, amable e tranquila do mestre paxareiro, arruallo do noroeste do Noroeste, Don Ricardo Hevia) transmudou aquela griseira e apagada tarde de nada, nunha interesantísima lección maxistral ditada por un cadeirádego amigo.


Ricardo pídeme que poña atención na cabeza branca, no seu peteiro  recto e bicolor, na "bufanda" de prumas escurecidas coa que se engola, no porte elevado, sobresaínte, que a fai destacar entre o grupo...e algunha ca outra explicación coñecedora sobre coberteiras ou infracoberteiras que adubaba con precisas aclaraciós técnicas sobre este ou aquel outro detalle, que na súa opinión podían dar a entender que aquel individuo ao mellor non era un exemplar puro, e que podería ser que tivese algo de mestizaxe con michaellis. Eu prestaba moita atención á lección coa espranza de que finalmente, na miña cabeciña de testán, algo se fora apousando. E ao mellor si.


Ricardo cóntame que esta cáspica leva unha tempada pola bisbarra, e que gusta de facer desprazamentos continuos dun lado pra outro; e que mire a ver se son quen de pillarlle a anela, pois está anelada en amarelo con PKLC na pata dereita e cun pequeno anel metálico na esquerda.


O Mestre Antonio Gutiérrez, naturalmente, tiña dado xa conta dela informándonos no seu bló, que se anelou sendo poliño en Kozielno (Paczków) no lonxano sur da Polonia eslava, o 25 de maio do 2012, onde se atopan as colonias de cría desta especie máis prósimas a nosoutros: 2000 km. de nada.

(Mapa prestado de Gaviotas y anillas de Antonio Gutiérrez. Obrigado, por tanto, mestre.)

Polo seu extraordinairo bló gaivoteiro sabemos que este exemplar fai a súa primeira aparición coñecida por terras ibéricas na Isla Cristina, en Huelva, o día 13 de agosto (e queda polo menos ata o día 26), onde a fotografa José Manuel Méndez. Antonio Gutiérrez dá con ela meses despois, na Frouseira o Día de Reis deste ano 2013, dando noticia de terse atopado o Día de Nadal, e tamén na Frouseira, con outra cáspica (PLNT), que casualmente fora anelada na mesma colonia polaca de Kozielno e no mesmo día que esta cáspica PKLC, que hoxe protagoniza esta entrada.


Eu só podo deixar constancia gráfica de que o 7 de febreiro do ano 2013, quinta feira, aínda andaba por Cariño. (O que agora se confirma acó, pra dar fe, e corrixir o estúpido erro deste despistado servidor de todos vostedes que no videomínimo escribiu xaneiro do 2013 coma a data de gravado da peliculiña. En fin. Desculpas, prego.)



Cóntame Antonio que Larus cachinnas parece estar en expansión e que cada vez e menos raro dar con exemplares divagantes desta especie fóra das súas áreas habituais. Mesmamente, dime, este ano apareceron  40 exemplares por unha zona de Holanda o que ilusiona aos paxareiros gaivoteiros holandeses con poder observar a constitución dunha colonia de cría nas costás dos Paises Baixos. Se así fose, eu non dubido de que o  extraordinario traballo científico, con amplos contactos internacionais, de seguimento rigoroso de toda bichería anelada que cae dentro do ollo do seu telescopio permitiranos a todos nós, miñas e meus, desfrutar dos coñecementos destilados por tan seria coma valiosa actividade de seguemento científico, da que tiro tanto proveito e  que nunca saberei agradecer como se merece.

A sociedade si debería de saber valorarllo, con algún recoñecemento diferente ao de espantarlle as gaivotas da praia co incesante trafego diario, por certo prohibido, de perrumanos polas areas.


Rabeo por volver a botarlle un ollo a unha gaivota cáspica, pro agora xa sendo eu quen de diferenciala por min mesmo. Terei que andar con maior frecuencia repasando o gaivotal da marea, tema ao que nunca fun moi afeccionado. Agora cando menos, aínda que polos caracteres físicos siga sentíndome incapaz de diagnosticar unha Larus cachinnas, se dentro do ollo da cámara, ou do ollo do prisma, aparece unha anela amarela con catro letras maiúsculas das que a primeira é unha P, hei dar un brinco de ledicia e anagarame unha maretada de agradables endorfinas: e se fose o caso de poder ler PKLC temo que os ollos se mollen coa brétema de bágoas que acompaña á ledicia emocionada do encontro coas vellas amistades diloidas no tempo, ese ronsel esvaido das faragullas das horas.

Non sei, debo andar infectado xa polo sentimento vírico das aneliñas de cores, que ao parecer, o mestre Antonio advertíramo, non ten cura coñecida.

Hai maladías da alma ben peores; ben o sei.



Vai agora a despedida, miñas e meus, con todo o agradecemento e a obrigación debida á vosa permanente fidelidade nese outro lado do  vidro de silicio, que sen a vosa presenza, quencedora e  garimosa, sería fríxido painel de nada conxelada, este o voso seguro servidor mándase calar pra que o rezo creativo do silenzo encha o baleiro do retiro voluntario.

Apertiñas totus meus.

A mandare.



Despós de data : O mestre gaivoteiro Antonio Gutiérrez ten a amabilidade de enviarme uns comentarios e imaxes, con permiso de edición, que por parecerme moi interesantes e completar axeitadamente esta entrada, e con todo o rigor científico do que eu son incapaz,  paso a engadilos a continuación, agradecendo a Antonio a súa amabilidade e confianza. Velaí van:


"Imagen del ave en cuestión durante su estancia en Huelva. En esta imagen vemos cosas que nos indican que el ave presenta características poco esperables en una Larus cachinnans:

  
  • Cabeza poco redondeada, no “huesuda”.
  • Pico muy bicolor (tipo “herring”, no con el difuminado típico de cachinnans). El gonix no se aprecia en esta foto, pero es algo más marcado de lo esperable.
  • Bastante “ojera” oscura.
  • Escapulares muy marcadas, aceptable para cachinnans, pero no “de libro”.
  • Grandes cobertoras no típicas, si encaja con argéntea. 
La cola, es típica de cachinnans, así como el diseño de las alas. La estructura también es buena para la especie que indica su anilla; fuerte, pecho prominente y patas alargadas".

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

Gaivota do Caspio, na Plaia da Concha, Cariño.
Fe de erros: xa se advirtiu no texto que no videomínimo, erro imperdoable, datei o gravado en xaneiro do 2013, cando realmente se grava en febreiro do 2013, concretamente o día 7, quinta feira, precisamente, ás 6 horas do serán. (A todo isto se o arquivo exif da cámara vai mellor que a miña memoria. Que debería).


¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario