XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 20 de setembro de 2021

A voz dos outros



    O meu pequeno mundo é un ser vivo, mutante de intre en intre,  diferenciándose de si de segundo en segundo, sen acougo. Onde non había, apareceron tártagos. Seis, nen máis nen menos. Como de repente, dous aguacateiros levántanse ás portas do curruncho. Un xa me pasa ao alto. Son fillos ventureiros de sementes que coa pel e outros restos biolóxicos, pelas de pataca, restos de verzas varias, as cascas dos ovos, froita botada a perder,  vou deitando baixo das altísimas roseiras -xa se montan no tellado da caseta- pra que lles aproveite de esterco, mesturado todo con restos de herbas, follas e polas que o laboreo do tarreo dá de abasto. Outra cousa de comer non lles dou.


 

    Hai moitos anos, un amigo regaloume catro ou cinco mancheas de tilandsias, esas plantas epifitas que viven do ar. Hoxe son un carro delas e vounas acomodando por un lado e outro coma vou entendendo. Debería de desfacerme delas, dinme, e eu non sei moi ben porqué. As malpocadas son moi azosas: onde as poñas parecen estar a gusto, e dan en criar anovos e no seu tempo flores de dúas clases: ás que son branco malviñas e ás que son blaugranas; blaugranas intensas, lindísimas. E pra máis son unha colmea de arañeiras que ben axudan a controlar o mosqueirío. Pero gustar non lle gustan a casi ninguén; a ninguén se me escudades a min. Que non me namoran, pero non me disgustan.

    Estes días de setembro tamén axudaron a rebaixar o mosqueirío os papamoscas que estaban de paso pra a súa invernada ao sur do Sahara. Que ledicia volver a velos. Sintes que o teu pequeno  mundo é unha célula cosmopolita do grande mundo de todos. Este ano viñeron en greada, e durante tres ou catro días fixeron estación, parada e fonda nos arredores do tarreo. Daba gusto escoitalos piar pousados nas pólas dos acibros, velos voar ao alto dos valados, asexar, zouparse a cazar e brincar pra os limoeiros veciños agachándose alí nas pólas baixas. Foron tres ou catro días de piares e voares, de trafegos mantenciais  inacabables, ora papando moscas, ora peteirando brucos. Sábense benvidos. Sábeno polo moi abondoso infeliz mosqueirío que o meu pequeno mundo lles recría.

    As augas de setembro, que  chegaron moi adiantadas a San Cosme, causaron, coma sempre, unha mataganza doente entre os pequenos residentes do meu pequeno mundo. Apareceron cadavres de mosquiñas, de arañas, de abellós, de coleópteros...etc por todas partes: na terra das macetas, encima da mesa, no banco, no chan... unha desfeita natural; un cadavre por acó outro por aló, e  aínda nas augas retidas entre as axilas das plantas, podíanse aprezar  afogados  algún habitante pequerrechiño do meu pequeno mundo. A existencia salvaxe paga coa vida  o exercicio da  liberdade natural.

    Parece que hai menos velutinas; non sei porqué, pero non hai tantas. Sei que o ano pasado e o outro atrás, en empezando as uvas a madureceren aparecía un grupiño de velutinas, esas comedetodo, a poñerse pegas de uvas tintas. A uveira, que naceu coma un milagre vexetal dunha pola que levaba meses cortada esperando ser algún día lume ou brasa, nunca dera uvas con xeito. Esta anada, dunha póla que fun deixando medrar a favor de sol, saíu un paxe de acios apretados que foron madurecendo amodo; e as uvas coa caloriña de agosto negreceron demodo. Inesperadamente non son acedas rabechas, que va, sairon doces e saborosas dándome cada tarde o gusto infantil  de ilas espenicando unha a unha: as que vou vendo que van ser máis gostosas. Ao mellor tamén é por iso polo que vexo menos velutinas: por que non lles quedan uvas doces pra dispoñer.

    

    Arañeiras de diadematus hai unhas poucas e na hora son grandes, ben feitas e relocintes se a luz se presta.  Eu déixoias estar, aínda que por veces arramplo con elas sen querer nen saber, por accidente: de darse o caso andaren entrelladas de banda a banda do meu pequeno mundo, ese tarreo estreito. No curruncho do curruncho, unha esquina baixa gardada dos nortes onde o sol cae a páxaro morto, por riba duns cactus e un aloe maltratado, agarda unha araña de cores laranxas e melocotón: por máis dun ángulo pasa inadvertida coa cor de tella das macetas do fondo.  Sen querer xa lle desfixen a arañeira un par de veces. 

    Suspendida entre as frondes dun felgo e as madeiras do valado que acortella o curruncho, vive outra diadematus: esta é escura, apardada, con penquiñas negras que a fan aínda máis discreta, simulándose daquela co taboado  que forra o chan, e coa humidade  das sombras. Un amigo do rueiro, que con brincos de corziño xentilmente vén algunha vez a visitarme, ao percatarse dela, preguntoume... esta araña,  co ollo esquerdo mirabaia ao natural, co dereito xigante na pantalla... non che pica porque é  túa amiga?. 

 

     Picar. Un verbo que parecendo simple, mesmo pobre, inocente, aínda poidera alimenticio, transporta no seu pico un abismo de poderosos venenos indefinidos, de maladías pantasmais, de espantosos dores incertos, de abóboras fofas e vexigas hinchadas, de febres ardentes, de   bioquímicas iñoradas, temibles, terribles. Unha outra santa compaña coa que nos espiritan dende  o berce creando en nosoutros o aborrecemento, a enemistade, o arredo, o noxo e o medo pánico, atávico, paranoico, ao mundo animal. Os bichos. Ese inimigo de sempre, anterior aos herexes, á masonería, ao comunismo, ao integrismo dos outros, ao nacionalismo dos outros. Picar, por iso, unha voz cuasi ideolóxica, de combate contraNatura, unha espantabichas, fóra meigas da miña casa. Unha palabra que carreta unha xustificación do biocidio, unha incitación á venganza. 

Ao inimigo,  exterminio. Primeiro mandamento da Lei do Xenocida.

    Bichería. Unha vella voz con arrolos de noxo, onde cohabitan exércitos de pollos e lendias, armadas de pulgas e pulgóns, escuadróns de abellas, abellóns, avésporas e avesporóns; batallóns de velutinas; guerrillas de moscas, mosquiños, moscóns e mosconas; compañías de cempés, milpés, dezmilpes e cenmilpés; invasións de carrachas, carrachos e carrachonas; pragas de chicharras, saltóns e carricantas; marabuntas de formigas; cuadrillas de sacabeiras, sapos e pezoñas, choivas de cobras; enfíadas de vermes, eirugas á cachón...bichos... millaradas de seres vivos diminutos, tantos inalcanzables ao ollo humán, estigmatizados de  noxentos, agresivos e aínda de homicidas; sobrevivindo de pena e de milagre, as matarrasas das súas patrias, ao desbroce inmisericorde das súas terras, ao asolagamento dos seus vals, á secación das súas lamas; á suplantación das súas árbores; ao sulfatado das súas parroquias. 

    Bichos. Víctimas da tecnoloxía biocida ultramoderna, aniquilados por segadoras, desbrozadoras, amoladoras, ultrasóns, avións fumigadores... todo un requintado equipamento, avalado por douscentos anos de desenvolvemento  tecnolóxico e químico, posto ao servizo da campaña de exterminio biocida dos últimos seres libres, os artrópodos milformes, os de corazas de cores e azas de iris, os micro seres vivos, os mesmos  que esixen o seu dereito á cidadanía da Terra, que tamén é súa, o seu planeta, e dende a súa maneira de explicar as cousas, pra quen quere escoitalos e entendelos, reclaman a fin das Políticas de Exterminio, esixen entender o seu dereito a existir e vivir ceives sendo natureza. E teñen razón. Toda a razón. O que non teñen son dereitos: abducíronllos as mascotas.

    Ao abeiro dos últimos poucos currunchos sen urbanizar e humanizar, sen axardinar, están empeñados, contra pronóstico de augures infalibles, en resistir e sobrevivir ao presente exterminio diario e permanente de diversas vidas irrepetibles, únicas. A extinción dun rexistro xenético que á evolución costoulle toda a vida construilo. Nesta Guerra Universal, cobardemente non declarada nen recoñecida,  a Humanidade Biocida non dubida en empregar modos e métodos de contrainformación e distorsión da linguaxe forxados nas elaboradas campañas de intelixencia das tagheas. Velaí os arteiros e hipócritas plans de Adecuación Medioambiental promovidos polo cínico progresismo  furnocrático gobernante: ese que chama limpar a facer un biocidio exterminador a matarrasa de animais e vexetais, destrozando as rebordelas das pistas, promovendo  un invasor paseo fluvial, un sendeirismo de pisada de bota, unha andarela de taboíñas ou... un curso de recoleccion das plantas menciñais silvestres da localidade. Por se eran poucos.

    Pura peste destructora.

    Vale todo, a única esixencia: arrasar e destrozar o maior territorio co menor coste esperando apañar o beneficio electoral buscado.

    O meu pequeno mundo, por iso, é o que é: un santuario, un refuxio, un territorio liberado onde se está orgaizando unha célula de Resistencia, un exilio  no que se reproducen  algunhas pequenas colonias deses futuros seres salvaxes, libertarios, cidadáns das fragas e das campeiras, vidas sen leis escritas, sen burocracias, sen horarios laborais, sen outra Constitución ca un código xenético primordial: os fillos da terra, do sol, da choiva... as herbas, os bichos, os teus veciños.

     Habería que coñecer aos outros, pra aprender a convivir con eles. 

    Né verdá?

    Apertiñas totus meus.



PAZ  E  PALABRAS



Ningún comentario:

Publicar un comentario