/
Un tesouro botánico en perigo de extinción
O Ministerio do Medio Ambiente editou no ano 2004 o “Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España”. Nel, aparte da ficha individual de cada taxon, faise unha baremación botánica das zonas xeográficas, en orde a súa trascendencia cara a conservación da biodiversidade. A nosa comarca, a chamada Costa Ártabra, (dende Cabo Prior a Cabo Ortegal, Serra da Capelada incluida) acada unha das máis outas puntuacións. En concreto a 5ª, entre todos os territorios da Península e vai ser considerada entre aquelas poucas zonas, (¡a única de Galicia¡) que mereceron oficialmente a categoría de importancia excepcional.
Os criterios obxectivos para obter tal calificación final atendían tanto á presencia de rarezas ou endemismos (plantas que unicamente se dan nesa zona), canto á súa situación de vulnerabilidade ou perigo de extinción. A Costa Ártabra, tanto pola súa posición xeográfica coma pola orixinalidade dos seus solos (o Complexo de Cabo Ortegal, formado por materiais ultrabásicos e serpentínicos, escasos na Península), é especialmente rica en plantas cuia área de distribución mundial restrínxese exclusivamente á nosa bisbarra, e que sobreviven as máis das veces en condicións críticas, mor da brutal alteración do hábitat que sufriron nos últimos coarenta anos.
Pola súa banda a Xunta de Galicia, con competencias plenas na materia, publica no 2007 o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, facendo oficial a súa clasificación e asumindo a responsabilidade da súa protección. Mágoa que a lei, sen políticas concretas e accións executivas claras que a respalden, non sexa senón tinta en papel. O caso ben coñecido da Christella dentata (descuberta no ano 1988, incluída no Catálogo Nacional de Especies Amenazadas no ano 1990 e dada por extinguida no ano 2006) debería de servirnos de advertencia.
Sería tristísimo, e nalgúns casos pode pasar, que algunha destas xoias desapareza para sempre da faz da terra sen tan sequera chegarmos a coñecela.
Crepis novoana, exclusiva da Ría de Cedeira
Tal podería ser o caso da Crepis novoana, que ten o seu límite mundial de distribución acoutado á Ría de Cedeira, estimándose nuns poucos centos os pés desta planta que aínda sobreviven. Cifra ao meu parecer extraordinariamente eufórica, pois nos derradeiros anos a desaparición de numerosos exemplares é evidente. Quen queira ver fácilmente esta planta pode facelo nos muros e arredores do Castelo da Concepción, onde resiste unha escasa e heroica poboación que debe ser inmediatamente recoñecida e protexida. Estes pés de Crepis novoana son o maior tesouro que garda o castelo. Atópase catalogada oficialmente “en perigo de extinción” e o seu estado é certamente crítico. Cedeira non debería verse lixugada coa deshonra de deixar morrer ao máis persoal do seu patrimonio natural: unha alfaia en flor, única no mundo.
Linaria aguillonensis
Nos muros do Castelo da Concepción hai tamén unha importante colonia de Linaria aguillonensis, máis coñecidas coma paxariños, un endemismo das costás coruñesas, en situación de “vulnerable”, que debe o seu nome aos Aguillóns de Cariño, reducíndose a súa distribución mundial ás costas do noroeste galego. Constitúen, tanto pola súa fermosura como polo seu valor natural, un reclamo turístico que non pode ser nen fumigado nen segado. Hoxe en día somos moitos os que estimamos a observación dunha especie única, tanto coma outros a da máis requintada obra de arte. Nas paredes do noso castelo existe, espontáneo e natural, un museo botánico a disposición de indíxenas e forasteiros. Compre saber poñelo en valor.
Centaurea borjae
Exclusiva das penedías costeiras da Serra Da Capelada é a Centaurea borjae, descuberta nos altos da Candieira. Catalogada “en perigo de extinción”, de momento presenta unhas poboacións apreciables en puntos moi localizados que viven á ventura de calquera obra, xa pista, xa mirador, que se proxecte sen proxecto..., ou dos expoliadores, como puiden sospeitar ao ver desaparecer da noite para a mañá unha colonia de centaureas nun sitio moi accesible.
Erodium maritimun, nos muros de San Andrés de Teixido
Caso preocupante é o da xeranácea Erodium maritimun, pertencente ao xénero que por aquí chamamos agulliñas, escasísima a nivel europeo e da que os únicos exemplares ibéricos atópanse en...¡ San Andrés de Teixido! Existíu, ata hai poucos anos, uhna colonia arredor do faro das Illas Cíes pero foi sepultada sob do empedrado que alí fixeron. Témome que o estado da colonia de San Andrés logo das obras e reformas estea, arestora, seguindo un camiño parecido. Calquera obra de limpeza ou desbroce que se execute nas paredes ou muros de San Andrés, debería de ter en conta a esta pequena agulliña que sobrevive nas regañas dos seus muros. Velaí onde teñen outra reliquia os de San Andrés.
Anthirrinum majus linkianum entre as dunas de Pantin
Os Sistemas Dunares da Costa Ártabra conforman un mundo riquísimo en biodiversidade e valores naturais. Xunto cos ribazos dos cantís e algúns retallos de fraga, son o último refuxio dunha ecoloxía enxebre. Neles medra o espectacular Anthyrrinum majus linkianum , por aquí chamado boca de can, que ten restrinxidas as súas poboacións aos areais ártabros; Doniños, Santa Comba, Valdoviño e Pantín teñen unhas poboacións estables de varios centos de exemplares. En Vilarrube hai unha pequena colonia que representa o límite norte de distribución.
Omphalodes gallaecica na plaia de Ponzos
Case exclusiva dos areeiros ártabros é a discreta e lixeira Omphalodes gallaecica que apenas é percibida polos paseantes que a ven florear no mes de abril. Os areais de Ponzos e Santa Comba gardan as mellores, e nunca moi numerosas, colonias desta especie, considerada “prioritaria” pola Directiva de Habitats da CEE. Na Costa da Morte e na Barbanza, cítanse outros dous pequenos enclaves. En perigo de extinción, e con poucos núcleos de escasos individuos, está tamén a endémica Rumex rupestris, a que chaman a labaza das areas. Medra nas riveiras dos regatos que dan as plaias, e nos peiraos do cantil, entre as pedras, sempre que teña un aporte de auga doce. As outras poboacións coñecidas están en Gran Bretaña e Francia.
Woodwardia radicans, pervivencia da flora tropical da Era Terciaria
A Serra da Capelada posúe 34 variedades de felgos, o que a convirte na máis rica de toda Galicia; Ancares con 33 e Fragas do Eume con 28, andan tras dela. A maior parte dos felgos da Capelada son relictos da época Terciaria, destacando aqueles que son restos da flora tropical que cubría os arredores do Mediterráneo e que aínda hoxe compartimos coas Azores, con Madeira, coas Illas Canarias e co monte Gurugú en Marrocos. Esta presencia viva dun tempo tropical pasado é un patrimonio de orixinalidade e personalidade botánica que debemos preservar para as xeracións vindeiras. Woodwardia radicans, Culcita macrocarpa, Davallia canariensis ou Dryopteris guanchica son bós exemplos de felgos tropicais que resisten en escasos e agochados currunchos da Capelada.
Espectacular exemplar de C. macrocarpa, límite norte mundial.
Da extraordinaria riqueza en pteridoflora da Capelada comentaremos as dúas especies que están consideradas “en perigo de extinción”, a xa citada Culcita macrocarpa e o Hymenophillum wilsonnii. É este un felgo diminuto que se asemella máis a un brión, e medra entre as pedras dos ríos fervedores. A única poboación coñecida da Península Ibérica, que se supón consta só de 21 indviduos, sobrevive entre as escumas do Río Seixo e os seus afluíntes, entremedias dos concellos de Cedeira, Cariño e Ortigueira. Os exemplares máis prósimos hainos que ir buscar a Bretaña francesa. A Culcita macrocarpa, pola contra, é un felgo enorme (as súas frondes, lembrando as súas orixes tropicais terciarias, poden acadar os 4,5 metros), e ten as súas poboacións mundiais repartidas pola Macaronesia, por contados abeiros de Portugal, da Cornisa Cantábrica e na Serra de Grazalema en Cádiz. Na Capelada, concretamente nas riveiras do Rego Forte, na súa orela cedeiresa, está o exemplar de culcita situado máis ao norte de todo o mundo. As poboacións da Capelada que hoxendía aínda resisten, viven en condicións precarias e co risco de seren aniquiladas e tumbadas canda os eucalitos que desgraciadamente as arrodean. Non é unha fantasía: tal xa pasou coa poboación de culcitas do Río Casón que fora descuberta polo gran naturalista ferrolán Soñora.
Remato neste punto estes breves comentarios sobre as especies consideradas legalmente “en perigo de extinción” e presentes no noso rueiro xeográfico. Non son as únicas que teñen problemas. Outras entran dentro da categoría de “vulnerable”, e moitas, non presentando un estado crítico, ven diminuir alarmantemente os seus números.
O grande, grandísimo, patrimonio botánico da Costa Ártabra e da Serra da Capelada non ten garantida a súa supervivencia futura. Piscifactorías, campos de golf, paseos turísticos, parques eólicos, chabolismo ilegal e desequilibrios ecolóxicos (monocultivo do eucalito, plantas invasoras, praga de porcos bravos) son sombras dunha peste que anda a voar sobre a flora autóctona do país.
Os perigos que a acurran son moitos: a iñorancia e o descoñecemento case tanto como a alteración dos hábitats.
Pola súa importancia, personalidade e riqueza, a flora ártabra e da Capelada debe ser vindicada con orgullo natural, protexida, conservada e transmitida aos espacios futuros. As xentes vindeiras, os penedos da serra, as areas do areal e... a nosa conciencia, hánnolo de estimar.
Rafael López LoureiroRemato neste punto estes breves comentarios sobre as especies consideradas legalmente “en perigo de extinción” e presentes no noso rueiro xeográfico. Non son as únicas que teñen problemas. Outras entran dentro da categoría de “vulnerable”, e moitas, non presentando un estado crítico, ven diminuir alarmantemente os seus números.
O grande, grandísimo, patrimonio botánico da Costa Ártabra e da Serra da Capelada non ten garantida a súa supervivencia futura. Piscifactorías, campos de golf, paseos turísticos, parques eólicos, chabolismo ilegal e desequilibrios ecolóxicos (monocultivo do eucalito, plantas invasoras, praga de porcos bravos) son sombras dunha peste que anda a voar sobre a flora autóctona do país.
Os perigos que a acurran son moitos: a iñorancia e o descoñecemento case tanto como a alteración dos hábitats.
Pola súa importancia, personalidade e riqueza, a flora ártabra e da Capelada debe ser vindicada con orgullo natural, protexida, conservada e transmitida aos espacios futuros. As xentes vindeiras, os penedos da serra, as areas do areal e... a nosa conciencia, hánnolo de estimar.
Maio 2008
Para a redacción destes apuntes tiven moi presentes os traballos de A. Bañares “Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España” ( MMA 2004), Mª Inmaculada Romero Buján “ La Flora vascular amenazada de Galicia. Catalogación y protección de especies”, Luis G. Quintanilla et al. “Análisis biogeográfico de la pteridoflora de la sierra de la Capelada” e naturalmente o Decreto 8872007 do 19 de abril polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas publicado no Diario Oficial de Galicia, nº 89, 9/05/07.
Ningún comentario:
Publicar un comentario