Só entendidas coa xenerosidade e amplitude de ollada suficiente estas palabras que agora se van a ensarillar, haberán de considerarse apropiadas pra seren inxeridas nun blogue que se pretende de divulgación naturalista. Ben sei que esa xenerosidade e amplitude de criterio é cualidade que adobía aos poucos lectores deste o meu voso blogue. Tantas veces mo demostrástedes. É ese coñecemento o que me ofrece a seguridade e o atrevemento necesario pra poder expresar hoxe a miña ledicia e satisfacción por saber que ao fin unha das obras máis extraordinarias que escribira nunca un galego, senon a máis, vai ver por fin, douscentos e moitos anos despois, a luz pública do sol dos seus lectores.
Estoume a referir, xa haberá quen o teña adiviñado, á magna Obra de 660 pregos, De Historia Natural e todo tipo de erudición, que o meu moi admirado pontevedrés Pedro Xosé García, Perucho, alcumado a si mesmo como Martín Sarmiento e coñecido por todos como Padre Sarmiento, empezara a escribir en 1762 e rematara en 1766 cando xa os seus anos se contaban por setenta e un.
Non é esta a hora de laiarme, dabondo teño rabeado, pola tardanza secular en conquerir que obra de tal magnitude, cinco tomos callados de erudición oceánica, chegara ás presentes maos dos seus devotos lectores e ás futuras olladas dos seguros entusiastas que han de vir. Non, non é a hora dos lamentos. É a hora da ledicia, do engado, da ilusión e da espranza. Sei das moitas dificultades, algunhas imaxínoas, que unha obra de tal extensión e cualidades presentaría pra quen tivera o atrevemento de resgatala do fondo do alzadeiro de asegún que biblioteca, arquivo ou museo.
Haberá que dar parabéns, mercedes e milagres a aqueles que fixeron posible que este prodixio da edición bibliófila sexa verdade física, lexible, tactante, ulinte, acariciable, gozante.... e descargable de balde!!!!!!.... e á velocidade dun lóstrego!!!!! dende a páxina do Proxecto Sarmiento dependente do Consello da Cultura Galega. Galicia funciona!!!!
Vaian os agradecementos deste blogue, e da veciñanza de bichiños que o fornecen e adobían, ao Consello da Cultura Galega, o Centro Superior de Investigaciones Científicas, ao editor Henrique Monteagudo, mestre de sarmientistas e, por que non, ás moitas persoas pra min descoñecidas pero que seguro están, teñen que estar, detrás e fóra de foco dunha obra desta envergadura, entre as que presinto a capacidade, intelixencia e bó facer do editor, latinista e tradutor Xosé Antonio López Silva quen soubo darlle unha reviravolta revolucionaria á vella páxina do Proxecto Sarmiento que agora luce, reluce, cunha fasquía nova, moderna, clara, limpa e funcional, tremendamente funcional: descarga os centos de páxinas da Obra de 660 pregos nun alustre.
Vaian con eles as miñas mercedes por me ter aceptado a participar no recente Simposio Martín Sarmiento celebrado nas salas do Consello da Cultura Galega co gallo da presentación da edición da Obra de 660 pregos. Abofé que me sentín ben honrado e mellor acollido. Poder intercambiar opinións, dúbidas e requerir e recibir información aclaratoria sobre algún punto pra min escuro por parte dalgúns dos mellores especialistas internacionais da obra de Sarmiento vai ser, pra este amador afectado de sarmientite, unha honrosa lembranza que gardarei agradecido na arca da memoria. Quedo en débeda, por tanto. Máis se coubera por permitirme, con cariño e elegancia, facer apoloxía da comenencia de adicar o día 9 de marzo, día do nacemento de Sarmiento, ao Día do Naturalismo Galego, pois, quen ten dúbidas, que dalgún modo ao nacer Perucho nacimos todos os naturalistas con el.
Teima vella deste que escribe e mantén este blogue, que puiden expresar tamén o día 25 venres de novembro, no salón da SGHN de Ferrol, que me escoitou coa coñecida pacencia dos olláparos da vida natural e cunha abundancia de público atento, temo e escúsome, que tamén agotado de tanto ardor sarmientiño. Degoiro que levo expresado en diversos foros e tentarei seguir comunicando, se sempre con cortesía temo que sempre con paixón, alá onde se me permita ou autorice a facelo.
Teima a favor da que, un día con outro, vou recibindo apoios puntuais de institucións, orgaizacións, xente da cultura, naturalistas, amistades... que se algún día todo dá en callar no que eu entendo un acto de xustiza pra con Frei Martiño -e de intelixencia e comenencia pra o naturalismo galego- poderemos e haberemos de facer público todos a una.
Miñas ben queridas e poucas xentes, sede bos que guapas xa sodes.
A mandare.
Gracias por llamar la atención sobre el padre Sarmiento, un gran hombre
ResponderEliminarXabier Viana Tomé - xornalista (apoio para o 9 de Marzo como Día do Naturalismo Galego)
ResponderEliminarMargarita Ledo Andión, cineasta e escritora, catedrática USC
ResponderEliminarVitor Vaqueiro, escritor e historiador da fotografía
ResponderEliminarMiña ben querida xente, non sabedes o honrado e feliz que me facedes sentir ao percibir ao meu lado o voso ánimo. Abofé que fai levedar as miñas espranzas e me permite camiñar bastante máis seguro, sabendo, agora, que xa somos moitos, bos e xenerosos os que imos facendo roteiro cara o Día do Naturlaismo Galego. Honra miña camiñar con vós. A mandare.
ResponderEliminar