XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 2 de marzo de 2023

Rolda de prensa en Compostela. Suma e segue de adhesións.

Penso poder expresar o orgullo e a satisfacción do conxunto das asociacións eco-naturalistas que no día de ontes, mércores 1 de marzo, dende a sede do Consello da Cultura Galega, tivemos a oportunidade de ofrecer en rolda de prensa a presentación en sociedade, do prósimo nacemento do Día do Naturalismo Galego. Orgullo e satisfacción que se acompañan do agradecemento á presidenta do Consello  dona Rosario Álvarez e o presidente da Real Academia de Ciencias de Galicia, don Juan Lema, por nos acompañar e escudar nese acto sinxelo e sinceiro e por iso fermoso por verdadeiro. 

Estaban presentes Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural; Ramsés Pérez representando a ADEGA; Santiago Vázquez, vicepresidente de Hábitat; Antía e  Verónica Torrijos por parte da FEG e Joao que veu representar a VERDEGAIA. Deunos a benvida a presidenta do Consello e ofreceu unhas sentidas e moi bentraídas palabras de apoio e recoñecemento;  leeu Cosme Damián o comunicado conxunto das asociacións eco-naturalistas e logo  este escribidor, e cada asociación e o presidente  da Real Academia de Ciencias, houberon de dar o seu parecer, que por breves, precisos e alumeadores fixeron  fluir o tempo coa lixeireza propia dos actos que discorren sen pretensións, a favor da liña da verdade espida de adobíos innecesarios. Deu gusto; abofe que si. Un acto ben  natural, como era debido. 

Estaban entre o público Xosé Patiño, ornitólogo de respeto, naturalista da cerna, que denunciou con claridade, contundencia e firmeza o anuncio, en fatal coincidencia de datas, da implantación do inmenso parque eólico mariño frente as costas do noroeste do Noroeste; e asemesmo estaba presente  Manolo Dios, membro da Fundación Cultura de Paz en Galicia quen non só nos falou con propiedade do vencello entre Paz e Natureza senón máis aínda foi e é o autor das fotos do acto que ilustran estas palabras. Graciñas Manuel. 

Non podo máis que agradecer a todo o mundo a súa disposta disposición pra colaborar ao fin común de facer callar e relumbrar o Día do Naturalismo Galego, na convicción firme que daquela o meritorio labor dos naturalistas e a memoria do seu padriño Martín Sarmiento, han de revivir cada 9 de marzo no corazón de Galicia e as súas xentes. Sexa.

Suman e seguen, un día con outro, as adhesións ao Día do Naturalismo Galego.

Cada día uns poucos máis.


Recibimos con moita satisfacción o comunicado persoal do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, expresando os seus parabéns e a adhesión da Academia Galega; de Fran Saborido e Pepe Pintado presidente e vicepresidente do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, dependente do CSIC, non só adheríndose a concelebración do 9 de marzo senón comprometéndose a realizar os actos vindicativos e divulgativos oportunos de tal efemérede; a Fundación Cultura da Paz en Galicia, con palabras de Manolo Dios expresou a súa adherencia e igualmente dá o seu apoio a asociación científica e naturalista Drosera Morcegos de Galicia en comunicación que nos fai chegar Roberto Hermida; e con moito gusto alisto á Asociación Galega do Custodia do Territorio que tan exemplar e magnífica tarefa está a levar adiante, con sabeduría, constancia e humildade; non quixo quedar sen dar o seu apoio  -e canta ilusión me fai- a Asociación de Acordeóns de Cedeirasementeira de arte e disciplina; igualmente Lois Pardo, axente cultural ourensán; Robustiano Labraña, mestre xubilado... e a túa, ben o sabemos, ha chegar a non tardar. Non hai presa.


Sede bos que guapas xa sodes.



(Todo pasa en Compostela. A cidade aldeá de pedra graíña, esa vila que  quixeron desbaratar con horror entre extrañas paredes de vidro verde que ves aparecer de repente mentres camiñas entre as vidas perdidas na xuventude e aló, riba dos ollos, sen pensalo, sen pedirche permiso,  erupciona unha parede de vidros verdes, inmensa, lisa, plana, esbaradiza, por onde a ollada patina inestable, atemorizada de estamparse contra as paredes de firme pedra gris compostelana, que a entrepechan e vai deslízandose sen os frenos da prudencia por esa parede de megaurbe moderna, transplantada de Xangai, Berlín, Londres,  Abu Dabhi ou París e colocada cos forceps dunha argumentación intelectual vacua, pretendendo convencerte de que está a dialogar cos edificios veciños,... e a verdade é que na noite eu sentinos relear a berros, con gridos de razón pura, simple, elemental,  daquela  razón natural, inmediata,  infantil que descubriu ao rei espido... e o que ves é o que hai... e é verdade que  aí está e ti non sabes quen eres, nen por onde andas, nen por onde vas, nen imaxinas onde andará aquela pantasmal institución asustadora de Patrimonio que che caeu no lombo por malpintar unha fiestra no teu rueiro da aldea onde vives...  e deliras e alucinas pesadelos e malsoñas vivir en Santiago de  Madristela e acordas en Compóstela Como Puedas.  E é o que hai. Megaurbanismo de arquitectos ensoberbecidos. Megaurbanismo de políticos anananizados. Megaurbanismo de cazos comunicantes)




PAZ   E   PALABRAS



6 comentarios:

  1. As pantalliñas son o meu, querido alumno.

    ResponderEliminar
  2. Parabéns pola iniciativa!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas...veña a concelebrar o Día do Naturalismo Galego!!

      Eliminar
  3. Grande a iniciativa, por interesante e necesaría e grandes os impulsores. Parabéns.

    Avante toda!

    Fernando

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Avante!!! O barco está feito. Mañá ha ser a botadura. Compre darlle entre todos unha longa e venturosa singladura que leve mar adiante a defensa da naturaleza galega, que é a responsabilidade que nos toca Estou ben contento. Abofé. Graciñas Fernando.

      Eliminar