XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 28 de febreiro de 2023

Comunicado conxunto das asociacións eco-naturalistas co gallo do Día do Naturalismo Galego.




Comunicado conxunto.



 Das asociacións eco-naturalistas.


9 de marzo

 Día do Naturalismo Galego



Para as entidades abaixo asinantes, é unha auténtica honra participar neste acto de homenaxe e de reivindicación.

De homenaxe porque o vindeiro 9 de marzo se conmemora o natalicio en 1695 do primeiro sabio estudoso da natureza de Galiza: Pedro José García Balboa, isto é, o Padre Martín Sarmiento, a quen podemos considerar o primeiro naturalista histórico galego.

E de reivindicación porque o estudo da natureza de Galiza precisa de maior recoñecemento social e político, para garantir a súa inclusión nos currículos escolares e universitarios e nas políticas comúns. 

Non de balde, o Padre Sarmiento, como xa sinalara o botánico Miguel Colmeiro, foi devanceiro na España do século XVIII en clamar pola necesidade dos estudos de Historia Natural. 

Desde este 2023, o día 9 de marzo non debería ser unha xornada máis: desexamos que sexa o primeiro Día do Naturalismo Galego, o día de Sarmiento, e instamos a que figure en almanaques e nos programas escolares, que apareza nas redes sociais e na prensa, e que sexa un día para achegármonos á natureza e para que a natureza se achegue a nós.

O Padre Sarmiento valoraba a natureza e era consciente da importancia que posuía o seus coñecemento científico para a saúde pública e para o comercio. Así nolo deixou testemuñado nos seus escritos, moitos aínda inéditos, que destilan unha erudición infinita non exenta dunha enorme capacidade de observación, análise e síntese. Ciencia de calidade nuns tempos difíciles.

Agora, no século vinte e un, grazas en parte ao traballo de divulgación do mestre Rafael López Loureiro dende o seu blogue Ao noroeste do Noroeste,  Sarmiento e o seu labor naturalista volven saír á palestra.

E merecidamente: Sarmiento e o estudo da natureza están de actualidade, nunha época escura e triste para a conservación do noso patrimonio natural, que día a día perde hábitats e ve deturpar biotopos, machucados por centos de parques eólicos, milleiros de quilómetros de fíos de electricidade, millóns de eucaliptos e un case infinito descoñecemento social da biodiversidade que nos rodea. Lamentablemente, e doe dicilo, Galiza é un país sen educación ambiental. 

Esperamos que o 9 de marzo, como Día do Naturalismo Galego, sirva para iniciar un proceso de coñecemento do noso medio, que encete novos e máis profundos estudos naturalistas e científicos. Con esa información, rigorosa e de calidade, ogallá logremos protexer o que aínda se conserva e lograr restaurar o xa estragado.

Este ano e sempre.

Viva a Natureza! Viva a Ciencia! Viva Sarmiento!



SGHN... ADEGA... HABITAT... VERDEGAIA... AMIGOS DA TERRA... FEG... SGO.



PAZ  E  PALABRAS



5 comentarios:

  1. Parabens,a toda la gente que ayudó a que sea una realidad,y de manera muy explícita al profesor Rafael

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas...agora labor de todos darlle contidos. Apertiñas

      Eliminar
  2. Totalmente xusto e necesario. Doe ver montes e paraxes cheos de lixo. Galicia, doce e fermosa, merece outro trato.

    ResponderEliminar
  3. Fai falta moita educación ambiental, sen recargar ós mestres de primaria, e facer posible a convivencia cos adelantos técnicos. Certamente , no é traballo fácil

    ResponderEliminar