Meu ben querido amigo Pita de Moeche hai moitos anos que me regalou un marmeleiro xaponés, Chaenomeles speciosa, que asentei ao pé das lindes do tarrreo dándolle o labor de facerme de sebe; e alí foi medrando espaleado, en línea horizontal, apoiándose no cierre de canabeira. Hoxendía, moitos anos despois, ao chegar a primeira primavera dá en callarse de flores laranxas de maneira que dá xenio velo. Non hai chousura máis lucida e iso que en Galicia, cada sebe un paraíso, cada gavia un edén.
Ben entende calquera que con ambute de flores alumbrando á vez, o fungar e o zunir revoante de abellós, vésporas, abelliñas e moscas, deitadas no adentro de néctar ou pousadas nos aramios dos estames, armara o rosmor dun fondo de ondas vivas, un rumrrum baixiño, monótono, antigo, que viña brincando daló, dos campos da infancia que eu memoraba embobado naquel regreso ao adentro das lembranzas, montado nas alas dun marmurio do aire refeito dun fungor perdido, un ruxerruxe das horas que pasan e non saben volver.
Non foron poucas as ocasións nas que andei ao seu redor pasmado pola moita xentiña que se chegaba cada día a cada hora a rechuchar zumes de zucre en flor. Algunhas veces facía fotos, outras deixaba ir os ollos a onde quixera ir a ollada. Imaxes gravei moitas, miradas gravei máis. As que acompañan este discorrer son algunhas moi poucas de entre tantas que se quedan nas memorias.
Ben sei que este marmeleiro é especie exótica, unha desas de flores grandes e rechamantes que tanto gustan e chaman da atención, pero a súa abundancia de mantenza pra bichería alada é tanta, que moito gusto me dá verlle extender seu mantelo laranxa pra convidar a almorzar, xantar, merendar e cear, a mesa posta, á xente do meu pequeno mundo e os seus arredores. Eu encantado. A bichería ben mantida e feliz, leda, moito leda.
Xente diversa que non está rexistrada nestas imaxes viña de cotío á festa de cor e sabor do meu pequeno mundo. De toda ela, a que máis ilusión me fixo foi unha esfinxe colibrí (lembrar) que tentei reter impresa nos circuitos da tarxeta de memoria. Algo poiden facer: un exercicio de captura, pero as fotos non foron gran louzo. Aínda así non me queixo. Se algunha vez volve pode que xa saiba algo máis de como poder retratala con xeito. A ver que vos parecen.
Aí vos queda a esfinxe, que de cando en vez sempre hai quen a confunde cun bicaflor verdadeiro.
Aí se vai quedando a cousa por hoxe. Curtiña e de pouca parola. Outros labores de escritura e edición, dos que pode que en breve vos poidades enterar, estiveron ocupando as miñas horas, que cada día son vintecatro e ningunha máis.
Coma sempre, e de todo corazón, quedo ben agradecido por vos achegar a visitar este pequeno mundo, hoxe fardado con flores grandes e rechamantes, casa de pasto dos asombrosos insectos, eses aliados da vida, desprezados e temidos polos humanos iñorantes. Que son esmagante maioría. O que hai que vivir.
Sede bos que guapas xa sodes.
A mandare.
PAZ E PALABRAS
Ningún comentario:
Publicar un comentario