XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 21 de novembro de 2015

Esprendor da neve nas xebras.

Un outro ano máis arribaron xa ás nosas terras algúns poucos escribidores das neves, Plectrophenax nivalisConsiderados  en tempos pasados  ​​unha rareza visual, hoxendía catalóganse de invernantes regulares, ben que cun numéro certamente escaso de individuos: disque non  han ser máis de dous centos os que veñen invernar ao norde ibérico cantábrico dende as súas lonxanías criadoras nos espazos árticos de Groenlandia, Islandia ou Laponia. 

Un veciño invernante circumpolar, velaí. 



Nesta arribada anual  dende as súas terras de nacemento ata as nosas ribeiras, os escribidores das neves escollen con preferencia os marouzós dos areeiros, non sendo raro dar con eles  polas abas da Herbeira. No ano 1996 José Miguel Alonso Pumar detectou unha bandada de 53!! exemplares revoando polos turbos chaos capelados. Cifra certamente extraordinaria e que couta un fito difícil de superar.



Informado polos xenerosos amigos paxareiros, gracias Toñito e Ricardo, de que un pequeno grupo aparecera pola Herbeira subín ao monte pra tentar facerlles unhas chiscadelas e volver disfrutar coa beleza nórdica destes lindos escribidores da neve, que, doutra volta, retornaban a pasar o inverno con nosoutros.



Gracias a Ricardo, sempre de garda na garita, que tiña localizado un exemplar nas pozas de auga da canteira abandoada de cima Teixidelo, poiden contemplar os indovindos alimentarios dun lindo macho: sexado polo mestre Hebia, sexo seguro. Ese nivalis  é o mesmo que vai iluminando este  escribir.



O mestre e o aprendiz de naturalista camiñaron amodo o reborde do cantil buscando ao pequeno grupo de escribidores que días atrás andara petiscando entre o punto xeodésico e a mámoa. Nen  a primeira pluma lles miramos. En troques, esta pica das campas, Anthus pratensis, si se nos deixou ver.



Mais o percurso deu pra falar de becacinas, unha levantóusenos ao pé; tordos de papo branco, que hai días pasaran xa; picas alpinas, hai un grupo de seis ou sete parellas que cría pola Herbeira adiante, azulentas da neve, que andarían próximas a arribar; pimpíns, choias, buxatos, miñatos, nos días seguintes documentaría un miñato rei, Milvus milvus, pola mesma Herbeira, e, se tempo houbese, repasaríamos o catálogo completo da máis comprida guía paxareira, sen que tivesemos a sensación de que non hai ave que voe mellor có tempo: era xa  a hora  das doce e daquela habería que ir xantar.



Entre verba e conversa, aínda lle botei un ollo a esta pedreira: Oenanthe oenanthe, pra os amigos paxareiros do mundo enteiro. 



Ao día seguinte baixei á Praia da Madalena por ver de mirar e rexistrar algunha lavandeira escura entre o verdello de xebras que apousara a extraordinaria marea viva desa noite. 



Nada mais chegar, xa o vin: pola praia andaba un lindo exemplar de Plectophenax nivalis!!. Albaricias!! A escribenta das neves petiscando entre xebras. Opa!.



Xa non tería que subir  a Herbeira pra miralo. Alí estaba, no medio e medio da vila, resplandecendo co seu albor de neve entre a frescura  da ensalada de verzas de mar, vizosas e  húmidas, do areal da Praia da Madalena.



Unha gozada. Disfrutei coma un cativiño cunha lambada na mao. Certo que non sempre andou moi perto de min, pero por veces achegábase ao muro da Praza Roxa e daquela prefería miralo de fronte e por dereito, sen o intermedio do visor da cámara.



Parar non paraba nunca. Arrequecíalle o peteirar. Dalle que dalle buscando entre carroufeiras e verzas as sementes que arrombara a marea, as que, eu non o dubido, haberían de ter o salgado sabor dun apetecible aperitivo .



Os nivalis cóntase que gustan de andar en greada, teñen sentido gregario, sendo o máis normal velos en grupos compactos, non rexeitando mesmamente a compaña doutras xentes: verderolos, gorriós, liñaceiros... Curiosamente das catro oportunidades conscientes que tiven de ser observador da especie, tres delas foron de individuos solitarios. Casualidades.



Non sei se máis alá dun amigo da infancia, criador de paxaros en gaiolas xigantes, quen se parou a falar comigo e inquirir que paxaro era ese ao que eu andaba a apuntar, haberá algùn outro cedeirés que chegara a saber que un fermoso e exótico escribidor das neves recalara na Madalena, a descansar e repoñer forzas logo dunha viaxe épica dende as tundras árticas. 



Por amplar a nómina dos ceareiros desta fermosura e esperando que exista, alén da parroquia habitual dos lectores fideis deste blo, unha sensibilidade natural solidaria e acolledora, espaleo polos abismos bitales o testemuño gráfico da presencia na plaia da Madalena, entre xebras e luces verdes, do esprendor branco dun pequeno príncipe da tundra ártica, o paxariño das plumas con felepas de armiño: o molido escribidor das neves dando fe de querencia. 



Velaí diante de nosoutros mesmos un anaco íntimo da historia natural do noroeste do Noroeste: o paxaro que máis ao norde cría de todo o mundo, un outro inverno mais, petiscando en Cedeira sementes salgadas á xebra.

Cousa linda, abofé.


Pasei toda a maña entretido ollando pra el, e estaría un fisco máis sosegado se non fose andar eu ocupadísimo en seguir o seu deambular, dun lado pra outro do areal, sempre axocado por algunha bicefalia perrumana coa educación medioambiental tan confusa como desenfocado está o seu presumido, direiche de que careces, amor aos animais: a extensión perruna da miña personalidade, ten dereito a asoballar, maltratando con sobredose de terror persecutorio, a canto animal silvestre, débil, pequeno, lixeiro e ceibe ande repousando ou alimentándose en calquera dos areais aos que levo ao meu can a defecar con indisimulado disimulo. Porcomanos.

Miñas donas, meus señores, se o sentimento ecolóxico non lles alcanza, ogallá lembren a cristiana obrigación misericordiosa  de sermos hospitalarios coas almas peregrinas, e se tampouco, tal vez comprendan que co elemental exercicio cidadán do respeto, da educación e da hixiene, abondaría.

Digo eu.



Quédase acó por hoxe o conto. 

Agardando que os vosos pés non esbaren en calquera das cen mil deposiciós caninas que andan a causar unha perversión  hixiénica e ecolóxica de dimensiós aínda non avaliadas, e  ata o de agora nunca vistas nen ulidas, este aprendiz de naturalista vai polo de agora deixando xear. Agradece de todo corazón a vosa presencia e complicidade nesa outra parte do espello de silicio e prega aos ceos pra que as feces do disgusto, non vos avolten a ledicia que regala o pracer  de contemplar a vida salvaxe ao natural, capaz de arrexuntar nunha mañá de outubro o esprendor da neve polar coa verdura mariñeira das xebras cedeiresas. 

Ao noroeste do Noroeste, iso si é posible.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.



Notas marxinais:

Admítense varias subespecies de escribentas que asegún a zona de cría presentan pequenas diferencias taxonómicas: nivalis, propiamente falado, por Norteamérica e Escandinavia; insulae, por Islandia, Illas Feroe e Higlands escocesas; vlasowae, por Manchuria e Xapón;  finalmente townsendi, por Alaska, Illas Aleutiana e costás de Sibeira, enfronte do Estreito de Bering. A espera de calquera corrección dos especialistas, os protagonistas desta entrada son, ao meu parecer, da subespecie insulae. Saberase.

Efectivamente, meus amigos, o alcume galego do Plectophenax  nivalis é escribenta das neves  e non escribidor das neves, nome este co que si se corre en lingua portuguesa. Eu no texto uso un ou outro, asegún lle vai parecendo ao meu  diletante sentido estético. Puro capricho. Mais que por preferir elexiría escribidor por puro rigor histórico: o oficio de  escribidor foi esencial no sostén burocrático do Antigo Rexime Feudal durante séculos, os mesmos nos que nunca houbo noticia de ningunha escribenta. Un tour de force non sei se feminista progresista ou progresista feminista.

Se alguén tirou a conclusión de que considero a todo posuidor de mascota cánida, un porcomano, vai moi confundido. Os porcomanos son unha particular subtribu perrumana, perfectamente diferenciada dese subxugado cidadán, responsable, bolsa en peto, correa na mao, can ao meu lado, do que non deixa de sorprenderme tanto a súa civilizada categoría cidadán, tan rara de ver, canto a súa lealtade fiel ao can, que pra calquer ollo atento pode ser dificil de diferenciar dunha escravitude sacrificada. Non os confundo, non.

Abismos bitales non é erro ortográfico nen lapsus de teclado, pois esta verba, da miña colleita, non vai referida á vida, se non aos bits, unidades mínimas de información coas que se constrúe todo o universo, abismal e insondable, da internete, a rede de redes na que tantos enmallamos.




Achegos:

1) A breve nota da Wiki.  (Ler sí querer)

2) Ficha de SEO Bird Life.   (Premer)

3) "El escribano nival en la Península Ibérica". Documentado PDF de José A. de Souza na revista Ardeola do ano 1991. O que se sabía da especie ata o daquela. Pura historia naturalista. (Adentro). Imperdible.

4) Dous vencellos a anteriores entradas neste mesmo bló sobre a escribenta das neves. Con perdón.((*) e  (**))
    
PAZ   E  PALABRAS 

6 comentarios:

  1. Extraordinario post meu. Parabéns. Recomendar tamén a leitura do artigo do 2013 de Rik Winters na revista Dutch Birding 35 (páxinas 7-14) sobre as subespecies do escribidor das neves.
    Unha aperta, Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa Damián...alédame que che gustara e moito obrigado polas loubas, tanto como pola recomendación do artigo de Dutch Birding. Vou rezar pra que non ande redactado en alemán!!.Vémonos. Xa sabes onde andamos.

      Unha aperta.

      Eliminar
  2. Respostas
    1. Gracias meu amigo, pero pra foto bonita o mencer de Cedeira que colgaches no teu bló. Cousa digna de ver, realmente.
      Saúdos.

      Eliminar
  3. Fermoso coma sempre; na forma e no contido. Esta vez fasme pensar en cantas veces miramos sin saber que estamos vendo, xa o di miña mai: - o que non sabe é coma o que non ve.
    Parabens Rafa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Obrigado...fago o que podo por dar a coñecer o que eu vou aprendendo...e se chega á vosoutros...freixós con mel.

      Saúdos.

      Eliminar