sábado, 1 de outubro de 2011

Garzalba por Vilaboa

Anda na hora o vraociño de San Miguel deslumbrando de luces e calores as terras do noroeste do Noroeste. Aprovéitanse as poucas horas de lecer que deixan os trafegos dos días para aventar as preocupaciós da vida na contemplación simple, irreflexiva, do mundo. Mirando por ver.
Así andando sen buscar, só por que había tempo que non ía ao encoro das Forcadas, deixeime caer por Vilaboa. Por ver se se miraba algo.
 E mira si, había algo. Hai algo. Unha Egretta alba, unha garzalba pra os amigos, andaba pola beira, despreocupada do mundo, rebuscando bichería variada polas augas, demasiado verdelladas de xebra, da parroquia de Vilaboa.
Cando lle pareceu oportuno remontou por riba das árbores e foi indo cara a nordés, e eu tras dela. Dúas mulleres, en mirándome con prismas e cámara, endereitáronme. "O páxaro grande e branco foi para o campo de fútbol" "Ese por acó nunca se veu". Eu son da mesma idea. De non o ter mirado nunca por Vilaboa. Pro seguro que xa outros o teñen mirado. Hai moito oculoxista.
E alá andaba a garzalba, de centrocampista cortador. Sen deixar pasar bichería. Un escáncer, e ao mellor outro, e algo patudo,  algo así coma unha rá, fóronlle entrando no papo. Parece mentira, pro en aquel campo de xogo, pillou máis mantenza que en todo o tempo que a vin andar polas augas do encoro. Se coñece que ben sabía a onde ía. Unha profesional da bichería, que dúbida caibe?. 
Naquel medio tempo de mañá que botei á sombra das gradas do campo de Vilaboa, sen pensar e sen querer, desfrutei dun dos encontros de primeira máis interesantes dos últimos meses. Unha partida cara a cara cunha das garzas que menos se deixan ver por estas terras. Certo que todos os anos cae unha ca outra, pro tan encima da xogada, poucas veces.
E cando ela quixo,  foise indo aos poucos cara a sebe, colleu aire, remontou os eucalitos e foise pra outra campeira. E alí acabou a conversa,  e encetou a rematar tamén estoutra. Quen queira botar unha parrafada de olladas coa garzalba, vaia  dare unha voltiña por Vilaboa. Malo será que non ande aínda por alí.

E co agradecemento de sempre por estardes noutro lado do telón de teclas, miñas e meus, imos ir deixando xear por hoxe.
Que dure o vraociño de San Miguel.
A mandare.

VideosMínimosDoNoroeste TV

video

Garzalba nas terras de Vilaboa


Nota marxinal: Non había só algo polas Forcadas. Había moito. Anda por alí a aguia peixeira, os mergullós cristados, parrulada de alavancos e zarcetas, chíscalas en abondosía, beirarríos, o pequeno e o grande, Miguel Fernández debeu dar a cita, falcós pequenos, polo menos tres, unha becacina, o rei martín que chaman picapeixe en parella, e tamén un  Chylidonias niger e un Chylidonias leucopteros este último con pouquísimas citas na Galizia, según se comenta na páxina de Pablo Gutiérrez con fotos de moito mérito como é costume. E algunhas fochiñas, e mergullonciños e moita libeliña e unha temperatura deliciosa. Para volver agora mesmo. Imos logo. 

2 comentarios:

  1. Fermosas as fotos Rafael, xa teño xogado unhos poucos partidos nese campo pero dende logo a garzalba luce moito mellor no campo.
    Nunca vira esta especie pola zona e casualmente fai dous días atopeime con oito exemplares pasando por riba miña na ría do Barqueiro, non pararon por acó, igual por Ortigueira ou pola túa zona non sei.
    Un saúdo Rafael.
    Toñito

    ResponderEliminar
  2. Boas Toñito...agradecido pola información. Por acó non pararon, eu non as vin digo, pro andan a especular pola rede que se andan a mirar dabondo chegadas de leste.
    Seica tamén andan os mascatos moi arrimados a costá, e mesmo no Barqueiro algúns inmaduros descansando pola plaia e o malecó. unha oportunidade de lles facer uns retratos.

    Saúdos.

    ResponderEliminar