XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 29 de novembro de 2009

Dos fungos, do fungar.


Se miña bisavoa, a señora Olegaria, resucitase e na hora mirase a seus netos comendo xebras, ortigas, caricolas ou...¡ paraugas dos sapos!, de certo volvería a morrer de noxo: ou de tristura pola fame que imaxinaría teríamos que estar pasando para comer porcalladas á maneira.

E se percebese, coma así é, que for por vicio levariamos un lintornazo e rebentando de carraxe berraríanos aquilo tan vello e cedeirés de " ¿ Corpo qué queres? ¡ Raia curada!. Tanto se mandaron mudar os tempos.

Confeso ter sido daqueles que xa hai moitos anos principiaron a andar ás setas para facer unha pantagruélica setada gastronómica. Daqueles que volvían do monte coa traseira do coche acogulada de cogomelos que non sempre daban comido. Un daqueles depredadores degoados e maleducados.
Afortunadamente hai tamén moitos anos que deixei de andar a elas, non sendo un par de veces por tempada e pillando tan só unha ración xusta para a cea: sempre de especies ben coñecidas, que de cantos eidos hai no mundo natural, o dos cogomelos paréceme o mais difícil de recoñecer. E o máis perigoso para os comichonciños.

Civilizándome, -naturalizándome- cambiei o carabel pola cámara dixital. A día de hoxe, cando o outono ven anagar as terras e a dar ouro e laranxa as follas dos castiñeiros, non retorno do monte con outras setas que aquelas que veñen rexistradas na tarxeta da máquina. O meu espíritu de cazador degoado séntese así plenamente satisfeito e a miña civilizada naturalidade máis comprida.
Non extrañará que a moderna e desaforada pasión polos cogomelos, e o asombroso e inesperado negocio económico en carto negro, -misteriosamente opaco aos ollos depredadores de loberno da Facenda Pública- que nas últimas tres décadas xeneraron os fungos da Capelada, provocase un deterioro brutal dos micelios virxinias que durante milenios se conservaran intactos, mor do noxo histórico que sempre nos provocaron.

Funcionarios, campesiños, mariñeiros, comerciantes, amas de casa..., a práctica totalidade do espectro social, (salvo os cegos, é de creer ) viviu un acceso febril inusitado a percura dos agora saborosos cogomelos e en tantos e tantos casos na rebusca do carto fácil - nunca regulado e sempre ceibe de impostos - que xeneraba a extracción salvaxe das setas da Capelada.

O resultado natural está á vista: a extraordinaria cantidade de fungos veuse reducida drasticamente ata niveis ínfimos non imaxinados: e tan só no alustre dun lóstrego. Como me dixo xa hai anos un percurador profesional das Somozas: "... na Capelada xa hai máis xente que setas."

En numerosos concellos da provincia de Soria, posuidores nos seus enormes piñeirais dunha riqueza micolóxica extraordinaria, tense establecido xa unha regulación da extracción das setas que evite a aniquilación das especies.

Cotas de captura, carnets de setero, imposto diario de extracción, esixencia de cursos formativos ( que eviten envelenamentos ou extracción de especies non comerciais) están a protexer, manter e conservar a súa riqueza micolóxica.

Se aquí se fixo cos berberechos, non se entende que coas setas, produto de maior rendemento económico, non se faga. Non ten lóxica. Nen económica nen ecolóxica. Seguir a permitir o caos do economicismo liberal no monte e condenalo a súa desaparición.

Pero mentres tal apocalise non chegue, nada máis natural para o afeccionado naturalista que fotografar fungos no outono. ¿ Qué se non? Sen flores ata a primaveira, rareando os froitos, agachados os bichiños, sempre difíciles os paxariños e case imposibles os mamíferos, nos paseniños de outono os paraugas dos sapos son unha tentación permanente para o ollo da cámara.

Teño centos, por non dicir miles, de fotos de cogomelos. A grande maioría sen clasificar nen recoñecer. E non por que non invertise horas e horas de placer detectivesco en tentar averiguar quenes eran. Senon por non ser eu quen de dar co seu nome científico. Parécenme dificilísimas. E en casos sen recurrir a unha análese microscópica das esporas, imposible.

Para máis os meus escrúpulos xainistas ( raramente lles aparto as herbas para lles ver o pé, nas arrinco xamáis para verlles mellor as láminas e o seu xeito de se inxirir co toro e dende logo nunca as laño para analisalas por dentro) axúdanme pouco para ir sabendo delas.

Pero non me queixo ( a coartada do coñecemento científico non me parece eximente suficiente, no meu caso, para xustificar unha violación do seu devir natural) e confórmome con disfrutar da súa beleza salvaxe e armoniosa e da súa fotoxenia poética e inxenua que intento atrapar entre os bits da miña compacta para disfrutar, e compartir con vós, da beleza que cría o monte ao noroeste do Noroeste.

Gozo tamén percurando os nomes tradicionais de tan extraños seres, pero sendo os galegos xente tradicionalmente micofóbica poucos nomes de seu se han de atopar e a rebusca pouco aporta. Por acolá ían todos despachados, de que eu me recorde, co xenérico paraugas dos sapos, que xa mencionei cima de acó.
No moi interesante bló Verin Natural ( http://verin-natural.blogspot.com/ ), sempre preocupado polos aspectos etnográficos da natureza no Val de Monterrei, ofrécense unha xeira de nomes tradicionais da súa bisbarra que me atreverei a transcribir a continuación como proba da riqueza léxica oculta da lingua galega: montesiña e campesiña ao fin e sempre.

Velaí veñen: cornizó (Claviceps purpurea), tortullo ( Tricholoma equestre), cogordón, roca, roque, paraugas dos sapos e patamela ( Macrolepiota procera), cacabinas ( Agaricus sp.), ovo dos prados (¿ Bovista plumbea? ), peido de lobo ( Lycoperdón perlatum), as que se engaden o evidente préstamo moderno de revellón ( Lactarius deliciosus) e o máis tradicional de nízcarro ( Boleto edulis).

Préstamos e modernas adquisicións lingüísticas que asemesmo arribaron as terras e xentes do noroeste do Noroeste para poder explicar con mellor precisión as súas novas afecciós e actividades económicas. Cantarela, níscalo, boleto ( de primera, de segunda e negrillo), amanitas, lenguas ou lepiotas son voces que xa se sinten pronunciar con total naturalidade polas xentes do monte.

As rebuscas no Dicionario de Dicionarios ( esa xoia impagable da lexicografía galega coordinada por Antón Santamaría, que está colgada na rede e da que este bló se fornece para cada unha das súas entradas e que recomendo encarecidamente ) ofrecen sustanciosos achádegos que teño o gusto de acercar a vos.
Para a voz tortullo ofrece esta entrada tirada de Eligio Rivas Quintas (2001): Frampas, contribución al diccionario gallego (inédito ata a 1ª ed electrónica neste dicionario) : "Clase de seta. Medeiros de Monterrei, Our. Así le llaman también en la serranía de Huelva: Allí hacen tortilla de cogumelos y tortullos. Tanto cogumelo como tortullo son voces de influjo gallego en el Sur. (FrampasIII)". Non está nada mal.

De cornizó informanos que ven sendo o castelá cornezuelo del centeno e presenta as seguintes variantes da mesma: cornizolo ( no Eladio Rodriguez e no Franco Grande), cornello ( no Carré Alvarellos e no Constantino García) e cornicelo e gornicelo somentes no Constantino García. De cacabina ofrece ( Eligio Rivas 1978) o sinónimo cacabana e dí dela que é comestible e de cor xardoso ( pardo, marelo suxo e ao mellor con xardas: "pecas" en castelá).


Cogordón en troques semella palabra xenérica para chamar a todo tipo de fungo, así se desprende ao meu parecer da lectura da entrada correspondente no José María Pereda Álvarez (1953) (Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega, en Douro Litoral (5ª série, VII-VIII, pp. 19-52)) : .A la variedad matacandiles, grises y obscuros, le llaman en gallego rocas; a la de boletus, nízcarros; a la de amanitas, que son encarnados, con puntos blancos y son venenosos, también rocas. El vulgo sostiene la creencia de que un hongo no suele darse solo, sino que nacen aparejados; por esto, cuando los chicos encuentran uno, buscan al lado otro, cantando: Cogordón chaucheiro, búscam'o teu compañeiro, hongo chaucheiro (que está en el chau, en el suelo) búscame tu compañero. Verín. En Vivero a todas las variedades le llaman pan de sapo En otras partes cogorda.

Patamela, parece máis ben definir as macrolepiotas, dise no Franco Grande: "cogordón en forma de paraguas abierto" e ainda se precisa no Eligio Rivas Quintas (1978) (Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca): "Seta comestible ya completamente abierta. Aún no abierta y en forma de maza, la llaman cachote (Estevesiños). El dicc. registra cogumelo, seta grande en forma de paraguas". Ampliando este mismo autor en 1988 que patamela é patela de mel e aínda "clase de seta o choupín (Valdeorras)". E como todo o mundo sabe choupín non siñifica senon foguete.


Seta, pola súa banda e un adquerimento encharte ( noviño do trinque: para os de fora de portas) da lingua galega tomada do castelá e ao ronsel da moderna moda lambona e larpeira. Seta, en galego vello, e a parte alta de terra, entre sulco e sulco, que fai o arado ao facer os regos. Daí meseta: terra chao nun alto, ou mesiña pequena. Tamén se lle di seta ao conxunto dos panais dunha colmea.


Fungo é termo que de pouco para acó vimos utilizando como xenérico, facendoio equivalente, en moitos casos, ao castelá hongo. Pro en orixe fungo, se atendemos as descripcións e definicións dos estudiosos máis antigos só se corresponderia con determinadas especies dos xéneros lycoperdón e escleroderma; os mesmos que hoxendía coñecemos mellor polo moi popularizado alcume de peidos de lobo.

O primeiro de que eu saiba en telo estudado é Juan Sobreira Salgado (1794), (Ensayo para la historia general botánica de Galicia, que deberá comprehenderse en el Diccionario o Glosario General de la Lengua Gallega, ed. de J. L. Pensado (en Opúsculos lingüísticos del siglo XVIII, Galaxia, Vigo, 1974, pp. 227-240)), que o define así: "Hongo. El duro macizo y de la hechura de un puño cerrado, que por tanto llaman zarrote, por no decir cerrote, tomándolo del verbo zarrar que es cerrar. Este cogordo da tinte castaño al hilo de lino. Ensayo 1794"

No Eladio Rodriguez ( 1958-61) escribese del o que segue: "Bejín, hongo que contiene un polvo negro para restañar la sangre y para otros usos. Es una especie que nace en el campo, adquiriendo a veces el tamaño de la cabeza de un hombre; y cuando lo oprimen o se rompe después de seco, suelta un polvo como humo que bien hervido en agua tiñe el hilo de un color rojo, más o menos obscuro. Este hilo solían usarlo antes los sastres de nuestras aldeas en cosidos de paño tosco".
Unha outra lección de etnografía do mestre D. Eladio.


Pro xa case cen anos antes Francisco Javier Rodríguez (1863) ( Diccionario gallego-castellano, ed. de Antonio dela Iglesia González, A Coruña) regálanos esta entrada para definilo :"Bejin, especie de excrescencia que nace en el campo y despues, de seca, si le rompen, suelta un polvo como humo. Este polvo bien hervido, tiñe el hilo de rojo más ó ménos obscuro de que usan los sastres por las aldeas para coser paño. En ital. y lat. id., port. fungam. El nombre debe venir del polvillo que se parece al tabaco de polvo que llaman funga y al tomarlo fungar. V". Definición da que, sen dúbida, coma do porco, aproveitase todo.

E non é o que menos gusta saber que ao rapé, ese tabaco en pó que se tomaba polo fuciño recibía o nome de funga e que ao acto de aspiralo, de esnífalo diríase hoxe, decíaselle fungar. Vede por onde.
E chegados acó, e non tendo moito máis que dicir, vai sendo hora de ire rematando este monólogo. Non vaia a ser o caso de que estes fungos, rebozados en follas de dicionarios, non presten como sería debido e rematemos todos cun cólico miserere doente ou con esa maladía da cabeza a que chaman empanada mental.


Desexando que ao fin destas liñas gocedes da mesma excelente saúde coa que encetástedes a lelas, polo de hoxe despídome de vos agradecéndovos, máis ca nunca, que aínda sigades aí.


A mandare, totus meus.


Apertiñas.



Despós de data: ¿ Corpo qué queres? ¡ Raia curada! Daquela curábase o peixe. Poñíase a secar ao aire do vrao e logo gardábase para todo o ano. Tamén se salgaba, claro, pro o peixe curado era moi habitual. A raia, hoxe un manxar aprezado, era un dos peixes, outro o bacallau, de consumo da xente máis pobre e necesitada; e a raia curada un dos de máis baixa estofa. Así es que se contaba que os fillos dos ricos, afeitos a todo manxar, cheos de todo, foles de vicio, non sabendo xa o que haberían de comer ( nunca tiñan fame, se acaso "apetito") o que lles pedía o corpo era a comida dos pobres máis pobres: raia curada. Puro vicio.

13 comentarios:

  1. Vaia Rafael, tiña preparada unha entrada con setas que atopei estes días, pero despóis da túa, gardareina para outra ocasión.Os meus parabéns polo moito que nos ensinas a todos cos teus comentarios. Gracias. Un saludo.
    Pepe Vizoso

    ResponderEliminar
  2. Gracias polas túas palabras...e anímate a ensinar as setas...que sempre da gusto velas...unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. O asunto da extracción das setas na Capelada hai tempo que tiña que estar regulado. Falouse moitas veces de como, quen e canto se podía apañar, pero de momento no hai nada. Mesmo estaba reflexado en algún (ou pode que máis) programa electoral dos que optaban á alcaldía de Cedeira, non recordo como está a cousa en Cariño, e en Ortigueira creo que nin se menciona.
    O principal problema da Capelada é precisamente este: tres concellos e tres xestións (ou non xestións) diferentes. O das setas, e o da madeira, e o do gado e o do medioambiente pasaría por un único ente xestor da Capelada que regulara todo isto, dixera canto se pode explotar, onde e por quen. Sobre todo o que máis me preocupa é "por quen", pois habería que ter en conta a esas familias que aínda viven en e de A Capelada, con montes aforados desde 1700, que logo mercaron, que sufriron desamortizacións de varias administracións, que viron como un novo invento (os concellos) situados a 10 km -dos de antes- e gobernados case sempre por descoñecedores da realidade da Capelada pasaban a manexar o que sempre fora o seu medio de vida, e rapartindoo con criterios que...en fin, deixémolo así.
    Como me enredo, ao tema das setas: foi outro exemplo de facer mal as cousas e deixar pasar unha oportunidade de negocio, foron esquilmadas por xente de fora (recolectores e compradores), sen ningún tipo de control de cuotas, medioambiental, sanitario ou fiscal, asaltando tanto montes de propiedade municipal como particulares sen pedir permiso a ningún deles. E eu tamén teño sacado un bo xornal nunha maña andando polo monte co caravel, pero as cousas non deben ser así. E como ti dis, poderíase facer algo parecido ao do marisqueo. Pero habería que poñer moita vixilancia, e dudo que saíra rentable, por iso penso que esa vixilancia podería ser usada para outras cousas, que tamén teño abordadas no meu blog e que serían largas de explicar aquí.
    As fotos están moi chulas, eu tamén teño unhas cantas no disco duro pendentes de estudio e clasificación, pero están moi abaixo na lista de cousas pendentes...
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  4. Ola Tojeiro...un tema moi interesante que da para debatir e comentar polo miudo, tanto o da ¿xestión? tripartita da Capelada canto o da setas...un único órgano non seria mala idea, mesmo parece moi boa, pero qué administración vai deixar de querer gobernala e mandar ( ou desmandar)...en canto a quen podería ir as setas pareceme que se podería artelar un sistema mixto, entre profesionais con carnet e uns topes de captura ( coma no percebe) e aficionatas que pagasen unha cota monetaria polo día que saisen a buscar ( así se fai por Soria) e asimesmo cuns topes de captura...e dende logo nos montes particulares só ten dereito o propietario...vixiancia? claro que faría falla, habería que ver á maneira...se a Xunta ten vixiantes do marisqueo, por que nos pode poñer da riqueza do monte ( tamén das desfeitas ecolóxicas)...ao mellor habería que críar unha Gardeiría da Natureza...o Serprona parece non chegar...tema complexo... a idea da entrada era poñelo na mesa e empezar a falar en público e en claro.

    Saúdos

    ResponderEliminar
  5. Pois xa que sacamos o tema do governo e a vixiancia da Capelada:
    Non sería tanto como deixar de governar como governar doutra maneira: nos concellos sempre viñeron pesando máis os votos dos miles de habitantes das vilas que as poucas ducias dos veciños da serra, e ante un presuposto limitado (case) sempre van pesar máis os miles. Habería que ponderar isto para certas decisións.
    Crear un "ente" , unha especie de mancomunidade da Capelada con representación municipal, veciñal, empresarial, etc...non son experto nisto para precisar máis, pero por ahí deberían de ir os tiros.

    A vixiancia: tema complicado de tratar aquí por min, non podo nin quero cambiar de pai, e calquera cousa que diga podería levantar suspicacias, pero sen profundizar moito digamos que as autoridades competentes e sancionadoras en gran parte da materia son os alcaldes, e xa teñen policias locais, con competencias medioambientais atribuidas por lei, que chegaría con especializar e potenciar para controlar todos estes temas.
    ¿Fácil? Non , ¿Barato? tampouco, ¿rentable? a medio prazo seguro que si.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  6. ... e a todo hai que engadir os montes en man común que queden...aí os comuneiros terían algo que dicir...ao fin e ao cabo son propietarios usufructuarios e xa deberían de ter iniciado unha xestión da explotación do monte ben diferente...en todos os sentidos...

    ResponderEliminar
  7. Unha entrada moi bonita e interesante; A biodiversidade micólogica dos bosques autóctonos é unha riqueza que pouco se valora, hai especies foráneas que están colonizando, suplantando e desprazando ás de aquí sobre todo en eucaliptales, por desgraza moi frecuentes en toda a costa. Desde fai uns anos estase a crear unha lista de especies en perigo de extinción, pero as listas fanse sen pór os medios necesarios para o seu cumprimento. A regulación é absolutamente necesaria e urxente.
    Algunhas especies que fai anos deixábanse ver con relativa frecuencia, agora é difícil atopalas
    Saúdos

    ResponderEliminar
  8. O mesmo penso eu...cada día é mási difícil atoparse non xa coas especies "comerciais" senon con outras que efectivamente estanse vinso a menos...doe ver como a micofobia segue presente mesmo polos "¿afeccionados?" rebuscadores que aplastan as russulas, as amanitas ( en caso rubescens, confundidas con panterinas)só por que lles dixeron que son venenosas, etantas outras, abondan con que non sexan comerciais para que as aplasten...no só ,e urxente ,e necesaria aregulación da extracción seno a esixencia de cursos de formación para quen queira ir a Natureza a aproveitarse dela.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  9. Ola Rafa, na miña terra (Sober, Lugo), á Macrolepiota chámaselle zarrota cando está aberta, e monxo cando está pechada, pero si nos desplazamos O Saviñao, a só vinte kilómetros, cando está aberta chámaselle zarrote e cando está pechada cogollo. Tamén hai a creenza de que sempre salen, polomenos, de dous en dous e os nenos
    cantábamos "zarrotiña zarroteira, dime onde tes a tua compañeira". Nada mais, só engadir que tanto nun sitio como noutro, só se comen as Macrolepiotas ao resto dise que son velenosas e chámaselles "zarrotas dos cas" ou "zarrotas dos sapos". Una apreta.
    Nati

    ResponderEliminar
  10. Boas Nati...que ledicia...moi bós datos para todos...amplian e confirman moito do que se dixo na entrada...a palabra "monxo" nona oira nunca aplicada a unha seta pro busqueina polo dicionario de dicionarios e Eulogio Rivas ( 1988) di que en Valdeorras lle chaman así a unha "especie de seta ou choupin" O teu dato propio de Sober ( ¡ qué viño tedes, qué viño¡)precisa moito máis...Eulogio rivas dí que debe derivarse de "monxe" e efectivamnete cando pechada amítase a un monxo encarapuchado.
    Monxo gustame máis coma feminino de monxa, aínda parece que leva a súa "guasa".
    Un saúdo e non perdas as mañas.

    ResponderEliminar
  11. Foi un novo pracer coñecer esta entrada: ao disfrute das fotos (varios dos cogumelos que amosan, ademais de impresionantes, sonme totalmente descoñecidos) hai que agradecer o enriquecemento lingïístico e o non menos interesante debate suscitado sobre a situación da explotación dos cogumelos e a falla de regulación. Ogallá cheguen os ecos a algunha administración e comecen a adoptar iniciativas nese asunto. Namentres, parabéns para ti e para os comentarios que completan o teu traballo.

    ResponderEliminar
  12. E que efectivamente un bló non é un periódico...é algo mellor: un espazo onde todos aprendemos de todos e todos nos enriquecemos con todos...para máis para min e unha honra moi grande o nivel de educación e formación dos amigos do bló...que enriquecen e melloran en cada unha das súas aportacións...
    Ogallá as autoridades quixesen tomar cartas no asunto e arbitrasen medidas para protexer o monte do desmadre do liberalismo depredador.

    ResponderEliminar
  13. O nome correcto en galego non é setas:
    é cogomelos ou cogumelos.
    Polo resto, parabéns polas fotgrafías!

    ResponderEliminar