XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

mércores, 18 de xaneiro de 2012

Branca hiperbórea en Cedeira


Seguimos de recalada invernal. Habería de editar unha entrada sobor dunha mobella, Gavia inmer, que leva uns días pescando entre as barcas do porto de Cedeira. Pro hoxe ao saír do traballo xirei, coma sempre, os ollos ás areas da praia por ver se había algo. Un borrón albarizo, grande, entre as gaivotas e gaivotos de a diario enchoume o corazón de ledicia: ¡O demo me leve! ¡Unha branca!¡Por fin!

Subín a todo meter polas  rúas encostadas de Cedeira. Cheguei á casa. Pillei a cámara e baixei con présa e medo de que se tivese botado a voar: sempre hai un perrumano que no ten nada mellor que facer que andar axocando gaivotas, pra vana satisfacción orgullosa do seu esclavo, que, necio, se pensa seu dono.


Murphy, por unha vez, estaba xantando, ou nas verzas,  e os perrumanos con el. Que lles aproveite. A praia andaba abondosa en gaivotas e, non sendo unha neboeiriña mesta, baleira de estorbos. Aínda parecía que algunha outra gaivota máis fora chegando. O albo borrón ledicioso estaba alí e algúns gaivotos, catro, completaban as marabillas do día ofrecendo un contrapunto de lousa emprumada á brancura de saraiba do froixel da gaivota.


Entre todos eles destacaba este, todo un home, que cando se erguía parecía que todos se facían máis pequenos ao seu lado. Non direi medo, pro respeto si que impoñía.


Todas e todos estaban na praia pra repousar e amañar a prumaxe. Quen máis quen menos, andaba a despacharse amodo, movéndose mansamente, refolando, estirándose, alisando as prumas, recompoñéndose dun xeito ou doutro. O mundo, coa gris discreción do día e o arrourrou quedo da marea, parecía un lugar pacífico e a Praia da Madalena, ulindo a xebra e a néboa, unha  parcería  do paraíso prometido. Un Ceo na Terra. Hai intres así. En Cedeira, si.


Servidor non tiña ollos máis que pra gaivota branca. Levaba todo o inverno desexando encher os ollos coa metáfora  de felepa alada dunha gaivota do xeo, unha desas  que chegan ate as nosas plaias dende as extremas latitudes polares. Pro este ano, e ate o de agora, non se me deixaran ver. O inverno pasado e o anterior, tampouco.


Uns anos máis ca outros, un número indeterminado de brancas gaivotas polares achéganse a recalar ás nosas praias, dende as súas lonxanas zonas de cría e pervivencia nas terras e mares que arrodean o Círculo Polar Ártico. O ano 2009 marcou ao parecer un fito importante no número  de gaivotas brancas que  chegaron. O eximio paxareiro e excelente fotógrafo, Pablo Gutiérrez, Travelling birds, chegou a falar da "autopista Galicia-Groenlandia".

O mestre Antonio Gutiérrez, Gaviotas y anillas, leva conta e razón de todas elas e de seguro en acabando a tempada ofreceranos polo miúdo os recontos de todas elas. Anticipamos gracias. A el me endereitei, abusando da súa amabilidade e extrema educación, pra inquerirlle a confirmación exacta da especie que esta entrada vai protagonizando, xa que servidor dubidaba entre Larus Glaucoides, gaivota polar ou branca de Groenlandia, e Larus hyperboreus, o gaivoto hiperbóreo. Un sabe o que sabe: que sabe nada.


Larus hyperboreus de 1º inverno, sen xénero de dúbidas foi o diagnóstico certero do mestre. En poucas verbas aprendín que se hai que fixar no peteiro e no seu extremo ganchudo, na súa cor rosada a canda o das patas,  no ollo pequeno, no aspecto repoludo e fortachón, nesa curvatura do ventre e peito: todo o diferencia claramente dunha glaucoides, máis lixeira, máis elegante, máis pequena. Pra máis, aprendín que se o iris do ollo é escuro, e non claro e case transparente, indica con certeza que estamos ante un individuo no primeiro inverno da súa existencia.
Os que saben, saben e deles aprendemos; e por iso chamámoslles mestres. Obrigado, por tanto.


Un gaivoto hiperbóreo pois, anda arestora pola Ría de Cedeira. Aproveitar, meus queridos lectores pra poder botarlle un ollo. Anda a canda as outras gaivotas, moi ao pé da praia e  do malecó, moi doado de distinguir pola súa farda de albura rechamante. Ao que tal por se lle queredes facer unhas fotiñas sen lle dar a lata, acodados simplemente as barandas do paseo; e perfecto pra observalo con todo detalle e proximidade cuns largavistas calquera. Unha rara ocasión. Aproveitádea. Disfrutaredes.



Especie ártica e circumpolar,  considerada unha rareza en toda España, a única zona ibérica onde se lle pode botar un ollo, sempre e exclusivamente nos meses de inverno, son as   costás cantábricas e galegas. Somos, para isto,  uns privilexiados. Claro que ao cambio temos que poñerlle o peito aos temporais de noroeste que nolos tran arrastro.


Por se fose o caso de non terdes ganas de saír da casa, que vai o tempo refriando, ou en saíndo, non ter a coincidencia de dar co gaivoto branco, vou deixar no que a seguir vén unha pequena xeira de fotos, das moitas e moitas que lle fixen, pra que cando menos poidades desfrutar da súa infrecuente presencia pola nosa praia. E ao remate un sinxelo videomínimo que, ao mellor, non trema máis ca outras veces. Agardo que por iso non guste menos. Quedar en paz coa brancura invernal do gaivoto. Ogallá vos guste.













E polo de agora nada máis, miñas e meus. Agradecervos sinceiramente o andardes mantendo fidelmente este bló dende ese outro lado do telón de teclas. Sen vós sería tan só unha inmaterial ilusión dixital fallida.

A mandare.




Un achego pra saber diferenciar glaucoides de hyperboreus: premer.



VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
Gaivota branca hiperbórea en Cedeira.

6 comentarios:

  1. Que fermosa gaivota!
    Mágoa non poder desfrutala en directo e, polo mesmo, agradecemento por achegala a quen somos de "fóra de portas".
    Saúdos
    Sefa

    ResponderEliminar
  2. Boas Sefa..benvida de novo por acolá...só falta que te animes e te achegues en persoa...as fotos non lle fan xustiza, nen moito menos.
    Apertiñas.
    Rafael.

    ResponderEliminar
  3. Parabéns pola branca Rafa, pra máis desas clariñas...moi fermosa, tamén os gaviotos lles teño especial cariño, son todo poderío...
    Pois nada Rafael unha aperta, e que sega pola zona para disfrutala.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas Toñito...imos ver se hai sorte e se acomoda por acó...unha glaucoides que andou no 2008 ficou unha boa tempada, ate rematar o inverno...Saúdos e unha aperta.
      Rafael

      Eliminar
  4. Hola Rafael,

    Felicidades por esa hiperborea y muchas gracias por tus amables palabras. Sí, cómo tú dices en el post, el 2009 fué un año excepcional de "gaviotas blancas".Este 2011-2012 se está revelando también excelente, quizá no tanto cómo aquel pero uno de los mejores sin duda.

    Saludos

    ResponderEliminar
  5. Boas Pablo...moitas gracias pro non ten moito mérito só hai que botar o ollo, hoxe por exemplo non había nengunha, ren de ren...o meu comentario sobre o teu labor é sentido, de ti, de teu primo e dos outros blogueiros e de quen andamos a aprender; e cando queremos regalar o ollo pasamos o tempo mirando os fermosos santos do teu bló.

    Saúdos.

    ResponderEliminar