Andan as rías na altura das horas presumindo de ser o fogar acolledor de invernía das lindas e lizgairas carociñas, Alca torda, chegadas as nosas augas, máis mornas, dende as xeadas mareas do Norde onde pasan o vrao pescando, aniñando e criando.
Os elegantes mascatos, Morus bassanus, baixaron hai xa tempo por centomiles e, algúns, aínda andan baixando. Arestora grupos pequenos entran nas rías, mirámolos en Viveiro e Cariño, detrás das madas de peixe, asexándoias dende o alto e zoupándose a auga destemidos, seu corpo feito lanza, nun descenso acelerado dende outuras impensadas, regalándolle aos ollos un espectáculo abraiante de vertixe e valentía mariñeira. Cousa fermosa, abofé.
Así os miramos estoutro día en que os trafegos dos días nos levaron a pasar a tarde a Cariño. Nas horas de lecer, no asexo do sol, mentres este collía pra o trasmonte, sentamos na punta do coído que rompe a Praia da Concha en dúas e desfrutamos ate o ollo cansar de ver. As carozas andaban lonxe e quedas, os mascatos menos cerca e máis rebuliceiros. Nada que os largavistas non amañaran. O das fotos é fariña doutra saca.
E tamén as miramos en Sada a onde fomos deixar pasar as horas desfrutando dos centos de alavancos que repousan ao carón da súa praia: un dos grandes espectáculos naturais do Golfo Ártabro. Non deixar de ir velos. Non sei moito das cousas desas augas, pro hai un mes que andei por aí e non había nen a cuarta parte. Estarán, como todos, de recalada; supoño.
Miramos tamén enfrente de Gandarío, mergulladores do pescozo negro, Podiceps nigricollis, serruchos, Sterna sandvicensis, e un bon bando de pentumeiros, Melanitta nigra. A todos lles fixemos fotos: tan tristes e tan pouca cousa que no fondo fondal da arca do esquezo as deixamos. As menos peores, estas de carozas e mascatos, son as que con moita ousadía iluminan, ao mellor escurecen, esta entrada de hoxe, víspora dos Reis.
Sexa logo por tan leda circunstancia polo que, de maneira excepcional, ao remate desta entrada van engadidos catro Videomínimos que agardamos sexan do voso agrado. Alavancos, mascatos e carozas son os protagonistas estelares.
Moi bos Reis pra todos, miñas e meus; mil gracias mil, e ogallá que o Ogro Logrón Urdangorrón non se achegue a perturbar, nesta noite de ilusión, os vosos soños de inocencia.
Na hora, quen non está indignado está corrupto, paréceme.
A mandare.
VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV
Caroza, Alca torda, no porto de Sada.
Mascatos pescando ao axexo.
Carociña saíndo do porto ao luscofusco.
Alavancos pacendo na Praia de Sada.
Sempre se queda ún mirando cando andan os mascatos a traballar, dende logo un dos máis fermosos dos nosos páxaros mariños, para o meu gusto polo menos...
ResponderEliminarnunca escoitara o nome de carozas para as alcas, dende logo é axeitado, por acó a todo álcido se lle chama araxo.
Parece que este ano están por todos lados.
Unha aperta Rafael.
Boas Toñito...acó en Cadeira as alcas son carozas e os "arae" aros...o de araxo sona moi ben, e é un novo étimo que engadir aos meus coñecementos, obrigado.
ResponderEliminarCertamente este ano as carociñas son boas de ver. Aproveitemos.
Unha aperta.