XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 11 de decembro de 2015

Corzos, carrachas, bacterias e a maladía de Lyme.


O día  2 deste mes a páxina da Universidade de Santiago vén de informar que a neuropediatra Mª Esther Vázquez López, médico adxunto no Hospital Universitario Lucus Augusti, recén deu lectura a súa tese doctoral que baixo o título "Estudo da enfermidade de Lyme na area sanitaria do Hospital Universitario Lucus Augusti e a súa relación coas poboacións de corzos parasitados por Ixodes" e logo de ser escoitada polo tribunal examinador mereceu o calificativo de cun laudem

Xa que logo información científica fresquísima, (recendendo aínda a laboratorio e monte) e a que quixéramos comentar neste discorrer.



A maladía de Lyme, "...é unha patoloxía infecciosa e multisistémica que no home presenta un espectro de manifestacións diverso, fundamentalmente a nivel cutáneo, neurolóxico, reumatolóxico ou cardíaco"(0) "Esta enfermidade foi describida por primeira vez en Europa no 1909 como "eritema crónico migratorio" e en Estados Unidos en 1975, na localidade de Lyme (Connecticut) de onde tomou o seu nome actual. No 1985 aislaríase o seu axente causal, a bacteria Borrelia burgdorferi"(2) Doenza emerxente que nos últimos tempos anda a incrementar as taxas de infección entre a cidadanía, sen chegar a ser nen moito menos un andazo xeneralizado, motivo polo que o Sergas e as autoridades sanitarias do Estado andan estudiando as derivas da súa incidencia e os motivos da súa emerxencia polo menos dende o ano 2000.(3)



A maladía de Lyme está provocada por bacterias do grupo das chamadas borrelia, razón pola que a esta doenza coñéceselle tamén co nome de borreliose "...a investigación realizada por Vázquez López posibilitou que se identificaran por primeira vez en Galicia seis xenoespecies de borrelia das cales cinco son patóxenas para o home e atópanse entre as de maior interese como causantes da endermidade de Lyme" (0)



En esencia os mecanismos vectoriais desta doenza son sinxelos de entender: as borrelia están presentes nos organismos de pequenos roedores, o furonciño con prevalencia, paxariños ou reptis onde andan a chuchar sangue as larvas das carrachas do xénero Ixoides. As bacterias pasan así o sangue das carrachas que farán de reservorio e vector. No seu ciclo vital as carrachas ixodes pasarán de larva a adulto, en catro fases, adoitando cambear de hóspede buscando animais de maior tamaño. A cada novo hóspede as carrachas inocúlanlles as bacterias borrrelia. No final adulto do seu ciclo adoitan infestar animais de gran tamaño, entre eles os corzos. 



A tese da Doctora Vázquez López, comproba "que existe unha correlación positiva e significativa entre a taxa de incidencia da enfermidade de Lyme e a densidade destes rumiantes silvestres" (0) A mesma doctora "comproba que hai outros factores que interveñen na infección das carrachas Borrelia, polo que entende necesario realizar estudos máis amplos que permitan a súa identificación." (0) 



A emerxente maladía de Lyme afecta de modo bimodal a poboación:  a) aos menores de entre 5 e 9 anos, idade pediátrica, e b) aos maiores de sesenta e cinco anos.(5) As razós desta dimodalidade están por ser coñecidas. Igualmente a poboación afectada, e ten toda a lóxica, é practicamente poboación rural, con moi poucos casos de infectados residentes en urbes, nos que se comprobou que participaran en actividades de contacto coa natureza. Existe asimesmo un vencello demostrado entre a humidade ambiental e a existencia da enfermidade de Lyme, explicado por que as bacterias borrelia, anoxando a secura, prefiren ambientes húmidos. 



Os mapas de distribución da enfermidade, elaborados polo Sergas (sempre observados co escepticismo de sabermos que non están todos os que son; persoalmente sei de dous casos que no entraron nas estadísticas) advirten dunha maior prevalencia no norte de Galica, zona de maior humidade, especialmente na provincia de Lugo e a súa montaña, conquerindo en casos taxas elevadas (3,8 por cada mil no caso de Ourol) que nos fala da existencia dun serio problema de saúde pública a nivel puntual. (5)



Afortunadamente a maladía de Lyme ten tratamento eficaz con antibióticos e diagnosticada na súa primeira fase, non vai ocasionar molestias maiores, que poderían verse agravadas, nunca con consecuencias fatais, de ir deixando evoluir a taxa e a diseminación de bacterias dentro do organismo.



A demostración académica de existir unha vinculación entre as poboaciós de corzos e a borreliose de Lyme, ofrécenos aos olladores da natureza unha imaxe actual dos cambios e as interrelaciós sociolóxicas permanentes entre natureza e sociedade. A abundancia de corzos, e de xabaríns, é un factor moderno, de non máis de trinta anos, que a súa vez hai que vencellalo coa arborización industrial, caótica e ultraliberal do territorio galego, coa desaparición da agricultura e cos novos xeitos de xestión da caza que se introduciron nas últimas décadas.



A aparición de casos da doenza de Lyme entre as xentes urbanitas, poucos afortunadamente de momento pero susceptibles de aumentaren, hai que relacionalo coa moda moi publicitada de saír ao monte a facer actividades turísticas. Compre sabermos o que hai. As autoridades sanitarias xa recomendan efectuar as saídas ao campo levando roupa clara, que cubra todo o corpo e aplicando un repelente de insectos a roupa e pel e unha revisión a concencia da roupa antes entrare nos coches. Unha información diáfana previa a todos os participantes, digo eu, non sería cousa a desprezar. Inescusablemente se estas se realizan durante o tempo de primavera e vrao, estaciós nas que as carrachas ixodes están activas.



Remato por hoxe este breve discorrer, que non tivo outro obxectivo que dar a coñecer os resultados dunha investigación recientísima e advertir das mudanzas ambientais que se van producindo lentamente diante dos nosos ollos, presentando os finos vencellos que se crían entre os diversos axentes naturais e sociais na altura dos tempos. Unha zooloxía postmoderna, corzos e porcos, una arborización selvática e descontrolada con eucolitos e piñeiros, métodos novedosos de xestión da afección cazadora e as modernas actividades ociosas urbanitas, sendeirismo e trail, vannos explicando todas elas, observadas no seu conxunto interrelacionado, o repuntar dunha rara doenza vella, a maladía de Lyme da que ao mellor empezamos a escoitar falar a partir de agora.

Ao noroeste do Noroeste xa conversamos do tema.

Mil mercedes, miñas e meus. Se ata o de agora andamos tranquilamente polo monte malo será que non sexamos quen de seguir disfrutando dos seus camiños. Coñecer pra mellor prever nunca será cousa peor. Digo eu.

Apertiñas.

A mandare.



Notas marxinais: 

Se de cotío este bló tenta discorrer coa prudencia debida, nun tema que afecta á información sanitaria, moito máis. Recomendo encarecidamente  a visita e lectura aos achegos que van vencellados acó abaixo. Deles van entresacadas as informaciós que se comentaron e dende logo están mellor e máis ampla e correctamente  tratadas ca neste discorrer. 

Especialmente interesante ao meu parecer  o artigo "A enfermidade de Lyme en Galicia (2000-2013)" do Boletín Epidemiolóxico de Galicia, de xullo do 2014. Recomendar igoalmente o Informe sobre o Estudo da Enfermidade de Lyme en GaliciaInforme final . Com só ambolos dous obtense unha impronta rigurosa do estado da cuestión ao saber do SERGAS.

Os números que se intercalan entre parentese polo medio do texto, son unha especie de notas a pé de páxina que nos conducen a cada un dos achegos de onde se entresacou a información. Obrigado.

Souben da tese da doctora Vázquez López, polo feisbu de José Otero, o que me estimulou a recoller algún ca outro dato máis sobor deste tema, e a quen quero agradecer dende acó me abrise os ollos a un tema do que descoñecía absolutamente todo. Obrigado.

Confeso ter sido moi escéptico ao respecto das enfermidades transmitidas por carrachas, tema do que sempre escoitara badaladas, seguramente por cousa de estar afeito a, sen querer eu, volver pra casa con máis dunha chantada na pel, quedar alí presente chuchando en min varios días ata facer aparecer unha chamativa  roibez delatora e nunca ter sentido síntomatoloxía nengunha. Pero sexa por caso de andar achegándome a idade xubilar de risco ou por que o medo é libre, de pouco pra acó ganeilles respeto. Moito.


Achegos:

0) Noticia da páxina da USC da presentación da tese de Mª Esther Vázquez, Ler.

1) Información da Biblioteca Nacional de Menciña dos EEUU. Entrar.

2) Artigo na Wiki. Premer.

3) Informe sobre o Estudo da Enfermidade de Lyme en Galicia. Informe final.Da Rede Galega de Saúde Pública. Ollar

4)  Prevalencia de enfermidades transmitidas por carrachas (ixoidae) que afectan os rumiantes en Galicia e estudo dos factores de risco.Ir.

5) A enfermidade de Lyme en Galicia (2000-2013). Boletín epidemiolóxico de Galicia. Xullo 2014. Saber.

6) Borrelia burgdorferi e a enfermidade de Lyme na Microbewiki, enciclopedia dixital aberta especializada en microbios. Entrar.


PAZ E PALABRAS

4 comentarios:

  1. Importantísmo post Rafa. 3,8 casos por mil habitantes en Ourol!!! Sei que parece pouca cousa pero pareceme unha porcentaxe elevadísima tratándose dunha doenza tan perigosa..
    Qué medo...

    ResponderEliminar
  2. OLa Xabi...home eu respeto se que collín. No caso de Ourol e de Ribeira de Piquín, con porcentaxes similares, si hai unha incidencia digna de ser atendida. As taxas de incremento anual da enfermidade de Lymr tamén son importantes, pero non penso que sexan pra coller medo. Cunha normas de comportamento adecuadas non hai maior perigo.Para máis ten tratamebto eficaz con abtibióticos.
    Vémonos no monte.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Rafa, por fin entrei no Noroeste do Noroeste, decirche que me parece un artigo moi interesante este das "carrachas", pero sendo un profano do tema sinto decirche que me quedei como estaba. Unha aperta . Seguirei lendo o que escribes, a ver se vou aprendendo algo !!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa meu! Que ledicia saber que andas por acolá adiante! Non perdas as mañas...isto das carrachas, as bacterias e a maladía de Lyme enténdese mellor, coma calquera outra cousa, cun par de chiquitos no lombo. Quedamos pra esa escola. Xa nos veremos.

      Unha forte aperta.

      Eliminar