XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

mércores, 21 de setembro de 2016

Cartafol de milesias

As moscas nunca foron santos da miña devoción. Anoxado delas dende cativo, altura na  que andaban revoando a centomiles por todas partes sen que as tiras de pegamento, os platiños con venenoso azucre sonrousado e os centos de andoriñas poidesen reducir apreciablemente o seu número, houben de esperar a facerme vello pra poder apreciar a súa gracia e beleza; que a teñen. 

Ao mellor por que agora son cada día menos e poucas; ao mellor por coñecelas máis e poder así estimalas no que valen e, ao mellor, dende logo, polo abraio que me causou coñecer aos sírfidos, esa familia de dípteros posuída do espíritu da confusión e do disfraz,   levoume a caer rendido da súa fasquía e intelixencia evolutiva. 

De entre todas elas, e eles,  sen dúbida algunha Milesia crabroniformis, a raiña das moscas, é a miña favorita. Velaí ela:


Milesia crabroniformis é o máis grande sírfido europeo, acadando facilmente os 2,5 cm de corpo e pasando dos tres se medimos as azas extendidas. Un espéctaculo adubado, aínda mais, polas intensas cores, marelas, negras, laranxas, vermellas e pardas que axuntadas ao deseño corporal do disfraz de véspora, arrouban a ollada dun xeito instantáneo.




O nome xenérico milesia, se atendemos ao dicionario etimolóxico de termos naturalistas de Pedro Romero, derivaría da cidade jónica de Mileto, onde se criou a primeira escola de filósofos naturais, que tivo en Thales, Anaxímenes e Anaximandro aos seus máis conspicuos representantes.


O apelativo específico, crabroniformis, lembra a imitación das formas e cores da Vespula crabro, táctica mimética coñecida co nome de mimetismo batesiano, arte antroida do disfraz e o disimulo, na que a familia sirfidea é mestra maior. 



Especie realmente pouco abondosa, ocupa unha ampla faixa territorial perimediterránea, na que nunca é facil poder botarlles un ollo. Non son moitas as ocasiós nas que servidor podo ter observaciós directas desta fermosa mosca. Se hei de lembrar non irían máis alá de tres ou catro as oportunidades de rexistrar na memoria, en foto aínda menos, o voar ou chuchar desta espectacular moscaza. 



En troques neste mes de setembro,  non moi lonxe da miña casa dei cuns pés de fiuncho que eran visitados regularmente por unha mosca raíña. Xa imaxinaredes que dende a primeira observación eu tamén visitei regularmente eses mesmos pés de fiuncho, a mesma hora sempre, ao sol se por,  e nen un só día deixaron de aparecer. Deixaron, en plural, pois días houbo en que dúas ou tres aparecían a chuchar nas flores do fiuncho e mesmo, ledicia e delicia, a copular despreocupadamente sobor da folla dunha maciñeira.

E aínda diría eu que parecían ter consultado o kamasutra!!!.

 Vede se non tan infrecuente posición amatoria:


Advertido, xa que logo, do que parecía ser un bó ano de milesias, non só visitei eses mesmos pés de fiuncho, se non todos cantos andaban non moi lonxe, e, en case que todos eles, foron aparecendo exemplares da mosca raíña, que se acompañaban dunha variopinta fauna de sírfidos pequeneiros, (scaevas, epysirphus...) dalgunha ca outra avéspora e himenópteros e, como non, da xa omnipresente e multimediática Vespula velutina nigricollis, con quen a confunden o común das xentes e sen piedade as esmagan: velaí como o salvador disfraz mimético da milesia se volveu en contra dela. Compre saber diferencialas. 


Plantas de fiuncho algunha ca outra vai quedando. A arborización tola e ultraliberal da Galicia; os desbroces a matarrasa das gabias das estradas; o uso tolo e perigoso dos herbicidas, esa paixón polo glifosato dos déspotas cuatrianuais, e a modernísima manía corpuscrística de alfombrar as rúas con carretadas de fiuncho, deixaron as poboaciós desta planta moi diminuídas; pesia a todo, algún ca outro pé de Foeniculum vulgare, aínda dá en medrar e florear pra alivo da miúda xente artrópoda que depende deles. Hoxe por hoxe as umbelas do fiuncho representan unha das últimas oportunidades de diversificación na mantenza pra un bo número de especies. A ver por canto tempo.


Por se ascaso cada día rarean máis aproveitei esta fartura de moscas setembrinas  e fíxenme cunha abondosa ceifa de imaxes que engrosaron demodo o cartafol de milesias que gardo nos escuros abismos bitais dos meus discos duros. Unha pequena escolla do mesmo é a que hoxe me atrevo a ensinarvos, coa espranza de que, confíado a beleza desarmante da grande mosca raíña, non vos aburra nen defraude: e aínda ao mellor poidades coñecer de nova conta a un ser extraordinario que revoa contento na nosa terra entre chopiño e chopiño de zume de fiuncho. Valaí van elas.













E polo de hoxe nada máis. Quedade na paz do páxaro. Ogallá  esta escolma de imaxes da fermosa milesia fora do voso gosto e sirva así pra manter a vosa fidelidade inexplicable a este blo que coma un Guadiana intermitente aparece e desaparece sen que a ciencia atope outra explicación razonable non sendo as ouras dos indovindos cotiáns deste o voso seguro servidor.

Apertiñas totus meus.

A mandare.




Nota marxinal: As imaxes que co formato de foto van santificando este discorrer foron tomadas a dous metros de distancia da mosca raíña, e aplicando a tope, xeralmente, o zoom dixital. A moderna tecnoloxía da captura de imaxes, permíteo, sempre e cando a luz sexa o suficientemente abondosa. Esta aclaración e realmente intrascendente e tal vez innecesaria, pero hai varios amigos que andan, por veces, máis pendentes do modo de captura que da captura mesma. Obrigado.



PAZ E PALABRAS

2 comentarios:

  1. Si que dan xogo as flores do Fiuncho. En Valdoviño hainas espesas, pero móvense moito por culpa do vento e se non levas equipo especial para macro tes que usar parámetros pouco apropiados de velocidade e sensibiliade.
    A mosca ésta penso que a teño vsito eu nos prados de Taraza (Meirás) pero non cheguei afotala. Que bonitos son os sílfidos.
    E grazas pola aclaración fotográfica. Eu desfruto as imaxes pero quero saber as condicións da toma para aprender dos que me levades vantaxe.
    Apertas

    ResponderEliminar
  2. Boa marea, Xabi. Realmente pra conquerir afotalas eu necesito a galla de abelaira que vai comigo, ben o sabes, a todos os montes. Imprescindible. Sen ela sería imposible manter a estabilidade de visión necesaria. Pra min a galla é o complemento necesario dunha cámara de focal longa. Traballando a 130x é a maneira de poder obter documentos, non lles chamarei fotos,en primeiro plano de calquera insecto que se pouse a dous metros do obxectivo. As do discorrer van feitas a 85x, 104x e 130x. Os arquivos dixitais non teñen calidade pra facer unha ampliación, pero pra ilustrar un artigo ou documentar a presencia dunha especie determinada son perfectamente válidos, me parece a min.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar