Emociona sentir como a alma se enchoupa con esta chuvieira, a gaceiros, de adhesións que os naturalistas galegos estamos a conquerir -e agradecer- e que dun xeito natural e espontáneo está alagando a faz da Galicia sen burocracias, firmas, DNIs, nen avais empapelados: un arrole de vontades civís libres, multiplicadas en rede, que van rebotando dunha en outra imparablemente, coma as moléculas de osíxeno que se impulsan as unhas ás outras pra formar a brisa que nos quentou á cariña.
Isto é Galicia!!!!
Adhírense: Verdegaia, asociación ecoloxista; Nordés, Asociación de desenvolvemento das terras da Faladora; Son do Sor, Asociación Cultural; Xurxo Souto, artista, escritor, comunicador social; Rosana Rey, periodista; Pablo Bermúdez mestre, acordeonista; Félix Díaz Hermida, doctor en informática; Alba Yañez, mestra de EI; Ecoagroturismo Arqueixal, emprendimentos de respeto natural; Xosé Manuel Pita, mestre xubilado; Lois Pardo, xestor cultural; Xosé Arriví, psicólogo, María Rodriguez Santiago, TCAE no CHUS; esta crónica no blogue Bichos e demais familia; Xosé Antonio Leonardo, químico; Deli Labraña, enxeñeira técnica agrícola no centro de Mabegondo; ... a túa ben sabemos que non tardará en chegar. Non hai présa.
(O texto que se dioloquer haberedes de ler escribiuse no ano 2020 pra ser editado na revista da Asociación da Rapa das Bestas de Sabucedo, antes da cruel e nefasta pandemia. Convidáranme os veciños a ofrecer un parladoiro sobre o Samain dentro dos actos do MUSA, esa alquimia de magosto, muiñeiras e caliveras, que con todo o rigor galaico esixido orgaizan cada ano con ledicia, bo gusto, pouca burocracia e moito...pasa besta! entre follas caídas, carballos espidos e as friaxes de novembro que eles, dentro de muiños ben preservados, derrotan con filloas da pedra, a caloriña das lareiras e o alento dos fornos: que así e todo nunca chegan tan adentro como os da amistade dos seus corazóns. Terra de mestrías varias e abondosas, San Lourenzo de Sabucedo, deixou en nosoutros, non fun só, unha lembranza doce, garimosa e tenra que o tempo que pasa, e todo o quere diloer, non pode esvaecer por máis que o intenta. Sendo o caso que a rapadoira pandemia tallou as posibilidades de editar o artigo, dei agora na idea de recuperar o texto e a memoria de Sabucedo, pra honrar na lembranza a quentiña acollida da aldea de San Lourenzo e das súas xentes de Montes, amolar as intencións da maladía vírica -e mal que lle pese publicar o escrito- e de paso, vindicar a grandeza dun seu veciño do vilar do lado, San Xoan de Cerdedo, o meu moi admirado Padre Sarmiento a quen xa dera en mentar no Musa aquel. Sáibase).
Cartaz de denuncia, que facemos noso, do proxecto de instalación de macroeólicos en Sabucedo no traxecto da Baixa das Bestas e no Campo das Rosas por onde pacen as greas, que me fixo chegar o filósofo e bo amigo Manuel Cabada Castro, galego de Sabucedo cabal e sabio.
Sarmiento e os cabalos bergantiños
A atenta amabilidade dos veciños e veciñas de Sabucedo permitíume no último MUSA, onde tiven o privilexio de ofrecer unha palestra, entresacar dela uns minutiños de publicidade pra recomendar a lectura e o coñecemento da obra inxente, oceánica, de Frei Martín Sarmiento, quen -se as actas do Mosteiro de San Martín de Madrid non minten e como moi ben nos amosou no ano 2008 o profesor da Universidade de La Laguna José Santos Puerto, nado en Cacabelos do Bierzo- viña sendo natural de San Xoan de Cerdedo: pra logo, un case parroquián de San Lourenzo de Sabucedo. Un veciño. Honra e gloria de Montes. Por iso.
As liñas e verbas que han vir non pretenden ser outra cousa que unha documentación veraz, exemplar, dalgunha das razóns que me sostiñan ao recomendar o achegamento á obra extraordinaria, galeguista e moderna, do pontevedrés de Cerdedo Pedro Xosé García Balboa, Perucho, quen aos quince anos escollería, prá súa vida de freire, o nome de Martín Sarmiento.
Era moita e orixinal a preocupación de Frei Martín por todas as cousas da natureza. Xeografía, astronomía, botánica, agricultura e como non zooloxía, coexisten na súa obra, a carón das súas grandes aportacións en pedagoxía, lingüística ou historia, nunha amalgama coherente e extraordinaria que calla nun labor monumental sen par nen igual en toda a historia da literatura: a Obra de 660 pliegos, que el subtitula De Historia Natural y de todo género de erudición.
Non son poucos os parágrafos desta obra nos que Sarmiento trata dos cabalos bravos do monte que naquel tempo denominaban bergantiños, voz apelativa que coma tantas outras ao mellor conviña volver a pronunciar.
Pra valorarmos a antigüidade da raza, documéntanos Sarmiento a presenza entre os autores clásicos latinos destes cabalos bravos galegos, subliñando o aprezo e os eloxios das súas calidades montesías e ao tempo a mitoloxía marabillosa que, tal os neboeiros do uzal no que pacen, envolvía a súa orixe entre misterios.
Escúsenme se deixo de escribir pra poderen vostedes escoitar a propia voz de Martín Sarmiento:
“Gratio Falisco, poeta al cual citó Ovidio, escribió el poema latino Cynegeticum o De la Caza. Habla de los caballos y en el versículo 514 dice: Os cabalos galaicos poden atravesar os Pirineos.(1) Aquí da noticia Gratio de los caballos gallegos que eran especiales para andar por tierras quebradas. De esto ya hay bastante escrito” (1580-1581) (2)
“De la raza, antigüedad, nobleza y velocidad suma de los caballos gallegos, o bergantiños, hay en Silio Itálico un largo pasaje que se debe leer todo desde el verso 312 del libro XVI. Volviendo Escipión a España después de destruida Cartago, dispuso que en España hubiese unos Juegos Públicos. Se redujeron a correr caballos, como en el Circo, con premio para el cochero que corriese más con ellos. Los caballos eran españoles y los más eran asturcones y gallegos. A todos puso Silio nombres. Dice que el primero que abrió la carrera era el caballo gallego Lampón. Véase el verso 333: Voa diante de todos e fuxe avanzando polo aire en rápida carreira o Galaico Lampon e exultante atravesa a nado inxente espazo, deixando aos ventos ás súas costas;(3) De uno muy veloz se dice que bebe los vientos. Pero del caballo gallego Lampón pondera Silio que era tan veloz que dejaba atrás los vientos: Ventos post terga relinquit”. (1595)
Non debería extrañarnos, xa que logo, que se poidera crer que as bestas do monte eran empreñadas polo vento de vendabal:
“La fábula de que las yeguas concebían del céfiro se fundó en la multitud y en la velocidad, según Justino: “Que tantas hai na Galllaecia e na Lusitania, e tan rápidas, que non sen razón se pensou que as concibira o vento; (4)(1582)
“También trajeron para los dichos juegos caballitos de hacia el país de Tuy, y uno de ellos se llamaba, según Silio, Camphasus. Lo que hace al caso es que los gallegos creían que ese Camphaso era de la raza de aquellos caballos troyanos que Diomedes apresó a Eneas después de haberle vencido a las orillas del río famoso Simoenta”. (1596)
“Cuando Diomedes vino a las costas de Galicia, traería consigo la raza de aquellos caballos troyanos que Diomedes tomó a Eneas, los cuales estimaría mucho por trofeo de tan señalada victoria… Es verdad que Silio dice que eso lo creían los gallegos, credebant, en señal de que el no lo creía. Ni yo tampoco. Pero… ¿quién dudará que el bergantiño, que es de la especie perfecta del caballo, no pueda contar con más abuelos que un hombre? La verdad es que los bergantiños se crían en los montes de Galicia de inmemorial y sin que se sepa su origen”. (1597)
E tanto que de inmemorial. Nós sabemos que moito antes de que coa palabra escrita se abrisen as portas da Historia, nos sucos das pedras galegas as xentes prehistóricas da cultura dos petroglifos, deixáronnos xa gravada, en libros de graíño, a testemuña das formas puras das bestas bravas do monte.
“…los antiguos hablan de otros caballos españoles. Estos eran los tieldones y los asturcones. Plinio dice: Na mesma Hispania, unha raza galaica e astúrica. Desta raza de bestas nacen uns que posúen unha elegancia no agallopar. (5) Este modo de andar se llama tolitim, y tolutarios los caballos que andan así.”(1587)
Polo que podemos leer, debemos entender que a andadura das bestas bergantiñas, tiña unha cadencia propia, rítmica, unha andadura de seu. Andadura que Frei Martín comenta un algo máis:
“Ese modo de andar era a compás. Hoy diríamos que los caballos gallegos caminaban a la prusiana. Así lo dijo Marcial: Este pequeno cabalo astur, que acompasadamente move as súas rápidas ancas, vén dun pobo rico en ouro” (6) (1588)
E o Sarmiento historiador desengana a quen pense que estes Astur Equus eran propiamente asturianos do Principado, como os entenderíamos hoxe, lembrándonos que eran de Asturica, Astorga, o terceiro convento galaecico da idade romana
“Ni Astur ni Asturica suponen por lo que hoy llaman Principado de Asturias, sino por los astures augustanos del obispado de Astorga que entra en Galicia, pues solo allí en Val de Orres, estaban y están las minas de los pueblos auríferos”. (1588)
Referéncianos Frei Martín algunhas outras citas clásicas que dan testemuña dalgunhas outras características das bestas bergantiñas entre elas o seu pequeno tamaño:
“Los asturcones primitivos eran caballitos pequeños. Minori formis, dice Plinio. Brevis, dice Marcial. Y Silio Itálico le llama Parvus sonipes… Así la raza de los verdaderos asturcones y tieldones se conserva en los caballitos gallegos que en Galicia llaman hoy bergantiños, porque hacia el país de Bergantiños se crían muchos. Unos nacen en montes y despoblados sin ver gente ni aún sus dueños, otros nacen y se crían en las casas de los particulares. Los montaraces son indómitos, no indomables, velocísimos, robustos y fuertes. Muy pequeños de cuerpo y que se sustentan de poco; sin haber probado jamás ni freno, ni herraduras, ni cebada” (1590)
Comenta asimesmo Frei Martín a permanencia e a existencia dos cabalos bergantiños na Alta Idade Media, nun parágrafo imperdible de grande valor histórico:
“En el tomo V de la Crónica de Yepes (escritura1) que es una donación de San Rosendo a Celanova hay esto Rebaños de vacas e cinco mohinos célticos, quer dicir acémilas na nave rompida, quer dicir na Barrosa (7) Este texto es difícil. Diré lo que alcanzo. Célticos alude a los tieldones bergantiños, cuyo origen de la voz es céltico. En tiempos de Plinio aún había en Galicia la distinción entre los pueblos célticos y los pueblos romanos. El llamar san Rosendo célticos a los caballitos gallegos no lo inventó sinó que por tradición se conservaba este nombre. Y es cierto que aunque sea dudoso o falso que esos caballitos tenían el origen de Troya como Silio Itálico refiere - que los de la tierra de Tuy lo creían- a lo menos no se le podrá negar el origen céltico, mucho antes que los romanos”.(1969)
De sustancia e interés son os dous parágrafos que a seguir vou copiar íntegros por parecerme que ilustran con precisión vívida e grafismo detallado sobre diversos aspectos do comercio, negocios e vida cotián que a mediados do século XVIII, tempo de Frei Martín, se desenvolvían ao redor das bestas bergantiñas:
“Los caballitos gallegos, o los bergantiños, tienen historia aparte. Su extracción para Castilla no es el menor ramo de comercio de Galicia. Salen a centenares y quedan a millares, los cuales, porque en Galicia hay poquísimo ganado borriqueño, sirven los bergantiños en su lugar para portear sardinas, sal, carbón, vino, etc. Por lo mismo de haber tan pocas burras –no siendo tales cuales para leche- no hay en Galicia los atravesados partos de los mohinos. El día de Santa Ana hay en Santiago una feria a la cual concurren infinitos bergantiños de venta y los más, indómitos y cerriles. Es increíble el bajísimo precio al cual se venden, pues aún las cabras se venden a mayor precio. Los valencianos y murcianos suelen sacar de cuatrocientos a quinientos caballitos, sabiendo el menosprecio de esos animales”. (1593)
“Los valencianos y murcianos los aplican al arado, lo que no vi hacer en Galicia. Según el bárbaro precio que hoy tiene el ganado vacuno en Galicia, será muy útil que los pobres gallegos que no tienen ni aún un par de vacas, compren un par de bergantiños y que los pongan al arado y aún a los carritos, que son muy pequeños. Ayer estuve con uno que solicita traer de Galicia un par de bergantiños para ponerlos a una berlinita. Y ya un tahonero puso dos en un carrocín, en el cual pasea a su hijo por Madrid. Y si en Castilla se introduce la moda de pasear a los señoritos en carrocines tirados de dos o cuatro bergantiños de seguro se aumentará el comercio. La circunstancia de ser tan fuertes, tan vivarachas y tan ligeras y veloces promoverá la moda. En este caso, se podrán escoger, como en peras, dos muy iguales en edad, cuerpo, hermosura, brío, y color domándolas y adiestrándolas antes”. (1594)
Nunca foi Frei Martín un escritor ocioso ou van: ao contrario endereitaban o seu labor as posibilidades de melloramento das condicións de vida e comercio das xentes do seu tempo, se galegos e pontevedreses, máis aínda. Intelixencia moderna, erudito sabio e home sensible, moitas das súas previsións, consellos, proxectos ou degoiros -incapaces de ser entendidos por unha sociedade inquisitorial, trentina, ancorada en costumes revellidas- quedaron arrombados nos seus escritos, ou ben foron aplicados a posteriori por algúns outros persoeiros que bebendo nas súas fontes, levaron a canda eles a mesma fama que o Miño lle debe ás augas do Sil.
Fiquen aí as palabras de Frei Martín que necesitarían máis espazo do que podo invertir en expoñelas e comentalas.
“Lo que convendrá hacer es mantener siempre sin mezcla la raza de los bergantiños montaraces y perficionar la raza de los bergantiños ya domesticados” (1597)
Frei Martín Sarmiento, natural de San Xoan de Cerdedo, en tantas cousas un adiantado ao seu tempo; en tantas outras, un adiantado ao noso.
Sempre en Sarmiento.
Rafael López Loureiro, en Cedeira a 19 de febreiro do 2020.
Notas
(1) Callaecus lustratur Equis scruposa Pyrene. Todas as versións en galego dos textos latinos que aparecen nesta entrada han ser conversións persoais das pertinentes traducións ao castelán que o eminente latinista Xosé Antonio López Silva realizou pra edición da Obra de 660 pliegos que editada polo Consello da Cultura e o CSIC correu a cargo de Henrique Monteagudo, mestre de sarmientistas. Nestas notas ao pé reflíctese o texto latino correspondente.Sáibase.
(2) Os números entre parenteses refiren aos pertinentes parágrafos da Obra de 660 pliegos da edición de Henrique Monteagudo.
(3) “Evolat ante omnes, rápido que per aera cursu/ Callaicus Lampon fugit, atque ingentia tranat/ Exultans, spatia, et ventos post terga relinquit
(4) Qui tanti in Gallaecia, et Lusitania, ac tam pernices, visuntur, ut non inmérito vento ipso concepto videantur”
(5) In aedam Hispania, Callaica Gens, et Asturica: Equini generis (hi sunt quos thieldones vocamus, minori forma apellatos Asturcones) gignunt quibus non vulgaris in cursu gradus.
(6) Hic brevis ad números rapidos qui colligir aunque, venit ab Auri feris gentibus Astur Equus.
(7) Gregues vacarum et célticos V. Innemiles, id. est, zumalzisii, in nave fracta is. Est, in Barrosa.
Calquera ben entende, se entende ben, ca estes cabalos bergantiños son os mesmos cabalos capelados que rinchaban nas abas de Herbeira, os lourenzos de Sabucedo e terra de Montes, os bravos do Galiñeiro, os asturcóns de Astúrica, os barbantiños da Barbanza e tantos outros. Quen non se abraiou ao ler no texto de Martín Sarmiento “Lo que convendrá hacer es mantener siempre sin mezcla la raza de los bergantiños montaraces y perfeccionar la raza de los bergantiños ya domesticados” ? Canta clarividencia, canta previsión de futuro, canto talento despreciado. Doen todas e cada una das neuronas ao deslumbrársenos o entendemento coa fulxencia limpa e clara da intelixencia de Sarmiento. Agora que os cabalos bergantiños, capelados, lourenzos, asturcones e máis, todos o mesmo, andan esmorecendo se non esvairon de vez, como non doerse ao saber que houbo un home, unha mente preclara, adiantada ao seu tempo, un xenio único nunha historia de imbéciles e escuros, un talento solitario entre conxuras de necios, un galeguista da cerna que nos advirtira do que había que facer pra que non pasara o que pasou.
Noutro orde de saberes, queda aí un breve exemplo do estilo sarmientiño, callado de datos, de anécdotos, e fiel reflexo, asimesmo da importancia de Sarmiento como historiador: en tempos de cronicóns mentireiros, de falsas xenealoxías, de boato de palabrería oca, el clamaba pola búsqueda do dato, pola cita precisa que o confirmase, pola atención a vida diaria do pasado e a maneira de vivir, máis que os relatos interminables de heroicidades en guerras e batallas. Moderno e devanceiro sempre, afirmaba que sería imposible saber a Historia se non se sabía Xeografía e nela se incardinaban os sucesos do pasado. Xenio puro.
Non é o formato de bloguer o máis adecuado para comentar, nen tan siquiera grosso modo, as moitas suxerencias, ideas e informacións que o cadoiro de coñecementos de Frei Martiño, desperta na intelixencia. Pero cando menos subliñar esas valiosas informacións que nos legou sobre o comercio de cabalos bergantiños que van reflictidas neste pequeno texto e que se comprimen nesa elegante fórmula numérica: salen a centenares y quedan a millares.
Polo de hoxe nada máis. Agradecer a vosa fidelidade ao blogue, e a adhesión que estades a amosar ao Dia do Naturalismo Galego e convidarvos, se non é moito pedir, que fagades arrolar a idea, cada quen coas súas posibilidades, pra ver de axuntar cada día unhas poucas máis de vontades a este proxecto civil e non burocratico de adhesión libre de xentes convencidas: linda cousa.
Miña pouca e ben querida xente, sede bos que guapas xa sodes.
A mandare.
Paz e Palabras
¡¡¡¡ Contra os MACROeólicos, os MICROeólicos, e os MAReólicos: os URBANITAS -da cidade que sexa- que pedaleen en dinamos se queren seguir vivindo a lo loco a lo loco e que se gañen a súa enerxía coa suor da súa frente, pero que non nos APLASTEN á xente RURAL !!!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario