Dende logo miña ben querida e pouca xente os medios de desinformación -as redes sociais á cabeza e sendo primeiras- non deixan de amilagrarme cada día se coubera un pouco máis. De repente, da noite á mañá, todos os espazos mediáticos, inmediáticos e merdamediáticos, rebentaron xubilosos ao dar cun novo tema que lles facía medrar a audiencia: os plastipellés. Por fin podían sorpasar ao monigote de Pedro Sánchez.
Sabido é que a linguaxe das redes desinformativas, públicas, privadas ou sociais -sexan estas o que queiran ser- afilladas das comenecias políticas, fosen estas as que fosen, está pensado pra desubicar, deslocalizar, desenfocar, confundir e engañar: pra mintir con primor e sen roibor as masas deseducadas que criou a democracia, ese artiluxio das élites pra controlar á xente: a ver se me entendes.
Nunca soubera eu, ata estas xornadas de risa apodrecida, que os pellets eran nada diferente a aserrín de madeira prensada- pregunta ti con que pegamento- pra ver de substituir os toros de madeira que os primitivos usábamos pra darnos unha pouca de caloriña en chegando as friaxes do inverno. Pra churrasco, aínda non se inventaron; ou si, e eu non me enterei.
Pero estes días ao parecer e por orden dos medios de confusión e desinformación, (públicos, privados ou sociais), os pellets agora transmudáronse nunhas pequenas particulas esféricas plásticas de cor branco ou traslucido -dalgúns milímetros de diámetro- que ao parecer da noite pra mañá apareceron por moreas por toda a costá galega, provocando o comprensible interés de todos: da prensa, das radios, das televisións, das redes sociais e claro está dos dos partidos políticos que cheiran no aire o vicioso período electoral. De todos menos ao parecer da Xunta de Galicia que, rueda sobre mojado, van deixando que o tema arrole por si mesmo a ver si, a forza de iren arrolando, os plastipellés se enrolan entre as areas e ao paso de poucos días deixan de verse e daquela non sendo visibles, deixarán de ser noticia de interés.
A vosoutros, miña ben querida e pouca xente sei que este tema, presentado polos medios e as redes como de auténtica novidade, de rabiosa actualidade dicíase, sóavos a tema vello, recéndevos ao fenicado propiamente, por ser ben coñecido e denunciado neste o voso blogue.
A vosa memoria non vos engaña. O 29 de decembro do ano 2008, si, si do 2008, este o voso blogue recén saído a luz pública nese mes, denunciaba e presentaba probas fotográficas da presenza de infinitas boliñas de plástico brancas e traslúdicas que estraban os areeiros da bisbarra e concretamente, na area do Baleo e Pantín. Premede pra lembrar e comprobar, facer o favor.
Aínda non tiñan nome de seu: non eran noticia mediática nin tema de interés político. E si, si, o Prestige e o -por algúns- añorado Nunca Máis eran xa historia da Historia. Pero aquelas esferiñas plásticas non eran noticia pra ninguén, non sendo vosoutros miña pouca e ben querida xente, que naquel mes do ano 2008 no que nacía este blogue eramos case os mesmos que somos hoxe pero coa voz e a palabra máis feble. Hoxe dezaseis anos van a voz e as palabras seguen a ser as mesmas pero posuidas do ronco son cascado que o pasar dos anos vai deixando en herdanza de desmemorias e desenganos.
Pois boa verdade é que dende ese ano de 2008 no que dei pra miña conscencia coas esferucas plásticas, e con preferenza nos meses de inverno, raro foi o ano no que non poidera ver as areas do noroeste do Noroeste inzadas desta varredura noxenta e claro está perigosa. Se non sabemos de que andan a morrer tantas aves mariñas, sabemos tamén que non morren por comer estas boliñas que tanto se parecen a bagas ou sementes?
E dicir plásticas, por certo, é non dicir nada: que plástico con que composición entre os milleiros existentes? E si están nas areas...de onde sairon? Quen os perdeu ou os verteu? Quen debe ser responsable? Quen debe controlar o seu tráfico? Santiago? Madrid? Bruxelas?
Non é nigunha novidade, lamentablemente. Esta peste leva anos aparecendo puntualmente nas nosas areas e sendo denunciado publicamente por unha ínfima minoría de naturalistas. Con caso cero. De todos, miñas donas, meus señores. De todos: de partidos, de institucións ou de redes sociais. De todos. A ver agora canto lles dura o tema. Confirmo: ate o prosimo monifate.
Apertiñas miña pouca xente.
Seguir a ser bós que guapas xa sodes.
A mandare.
PAZ E PALABRAS
Despos de Data: Plastipellés, voz que usei na primeira versión, claro está era voz de urxencia que ela mesma se recoñecía insuficiente pois asumía a forma pellets. Voz esta ao parecer de orixe inglesa, derivada do francés pelote (bola). Compre buscar voz propia. Anda a pensarse na palabra granza, voz usada en castelá e ao parecer en portugués, pra denominar aos refugallos reciclados do plástico con forma esférica, con orixe nos refugallos do cereal, sobranceiramente arroz, e usada asimesmo pra os refugallos das minas. Asumindo que pellets, leva xa en si o siñificado de esfericidade de pelotiña da orixe francesa da voz pelote, poucas voces galegas poderían adecuarse mellor que a voz bolecha. Bolechas plásticas de merda química empreñadas. Ou se o feminino non gustase usemos bolechos, e así deixaríamos á marxe aos nosos simpáticos e xa patrimonias Os Bolechas do admirado Pepe Carreiro. Bolechos é a miña opción final. Bolechos plásticos empreñados de quimicallada. Sáibase.
Despás de Data: Efectivamente todas as imaxes deste discorrer non son de "rabiosa actualidade" senón que son documentos gráficos tomados no ano 2008 nas areas de Pantín e o Baleo. Os bolechos plásticos levan décadas aparecendo puntualmente, se no inverno máis e mellor, polos areeiros de Galicia. Velaí a verdadeira gravidade.