XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 23 de xaneiro de 2009

TRYPOCOPRIS PIRENAEUS var. CORUSCANS

Non importara que se saiba que, dende que de cativo argallaba carreiras de escarabellos da pataca, compitindo co meu irmao sobre quen era mellor entrenador, teño cos escarabellos un cariño especial. Con todos, gózoa mirando para eles. Pero se tivera que escoller un entre todos, non o dudaría: Trypocopris pirenaeus var. coruscans, a xoia da braña.



Este fermoso e espectacular becho -seguramente coñecido de todos, " quen o ve xamáis o esqueze"- pertence a familia Xeotrupidae da que non se dan máis de 40 especies en Europa. Na miña colección só teño a catro deles. De seguro, ao noroeste do Noroeste, hai moitos máis. A ver se un día se deixan caer.

Geotrupes stercorarius paseándose polos altos da Herbeira, as once e media da mañá do 23 de agosto do ano pasado.


Geotrupes mutator, atopado morto en Fernando Lago, Cedeira, o 4 de maio do 2008.
Trypocopris pirenaeus, exemplar da especie nominal, un pouco máis grande e moi diferente de coloración, uniforme, escura e mate, ca variedade coruscans... á que só lle pode cadrar ben o adxetivo galego... coruscante.
Engadado eu tamén de sempre por esta xoia da braña, cada vrao alento polo intre en que ei de tropezar con él pois afortunadamente é relativamente frecuente na nosa comarca, e non hai ano que falle.




Case que sempre miraba a exemplares solitarios, pasando ao meu lado voando con presa, fungando, relocindo coa raiola as súas cores, algúns mortos polas pistas e de vés en cando algún pousado, sempre co seu aquel de derreado, sen moitos folgos paa remontar. Así é que un día de agosto do 2006, despóis de seguir a brincos a un que pasou voando polo meu lado, e chegarme a onde aterrara, tiven un encontro bonito...


...na campeira, a metro e medio de onde aquel pousara, máis de duas ducias da miña xoia das brañas, afaenábanse arredor dunha bosta de vaca, uns tentando chegar a ela, outros furando, activos, sen folgar, arrequecéndolles...


... simplemente non o podía creer... as oportunidades de observar a vida natural espida son un galano dos días e son raras e poucas... senteime á caron da herba durante horas e poiden gozala...


No adentro da bosta, con códea reseca ao sol e molo húmido, tantos ou máis escarabellos remexíanse sen parar...algúns pirenaeus nominais víanse tamén entre tantos coruscentes...


... agora podía comparar a gusto a uns e outros...tamaño...formas...cores...faceres...

Nas horas que pasei ao pé da obra, moitos outros foron chegando polo aire...case ningún aterraba ao lado...a metro ou metro e medio case sempre, para ter que facer logo un penosísimo camiño entre uhna selva de herbas...

...ata chegar a ansiada meta onde se refuciñában con ganas buscando a súa parte do pastel...

...que era todo un ferve-ferve de élitros coruscantes, lustrosos, tan increiblemente loídos que salían do corazón do esterco tan limpos e relocidos coma entraran...

... ningún andaba parado...todos indo de acó para aló...trafegando sen folgar.

De vez en cando algún cortaba ou refacía un pedazo de bosta e arrastrábaia lonxe, a cousa dun metro, onde a metía nun furado, o seu niño,tapandoio as veces...

...cómo é que chegaban alí todos eles ?...porqué a aquela palastrada e non a outra ? ...cómo é que sabían dende lonxe que alí se xuntarían?... habería máis bostas-asambleas pola serra ?...cántas ?...no mesmo día ? ...?
Alleos as miñas iñorancias, que aínda son, mansos e confíados, sempre ao deles, non facían caso de min nen dun estafilínido (Ontholestes murinus, apoñería), que se dedicaba á caza, sen piedade e sen crueldade, das lambonas mosquiñas dos defecos.
Sei que será difícil poder volver a vivir unha escea parecida, por iso estimo en máis a gracia que un día o monte quixo ter en min: a convidada a unha farrada inesquecible nun día moi especial: o 17 de agosto do ano 2006.
Sí, o día da Xira das Festas da Patrona. Aquel día, na Capelada, tomei unha bufa de bichos. Laida. Aínda me dura.


Agradecido, (miña posible media ducia de lectores).

5 comentarios:

  1. gustoume pro un pouco porco
    de brais
    e anton :)

    ResponderEliminar
  2. Ola Antón, ola Brais...dame moita ledicia ver que andades a mirar este bló..espero que algo aprendades e que non vos quite moito tempo para facer os deberes diarios...un pouco porco sí que é, pero como de momento internet non traspasa os cheiros, a cousa vaise librando.
    Unha aperta dobre e ate mañá, que espero que nos vexamos.
    Rafa

    ResponderEliminar
  3. Rafael, eu asistin no 2010, no camiño que sube dende Trasmonte ata a Garita do Vilar, á maior festa de "xoias da braña" que nunca vira. Centos e centos delas papando nun regueiro de bostas. Realmente espectacular.
    Subscrivo totalmente o que dis do 17 de Agosto. Tamén me dura a min. Bufarron doente. Penso que aínda arrastro as consecuencias da do 2010.
    Bicos por todas partes.

    Jose

    ResponderEliminar
  4. Dende Madrid, vouche dicir unha cousa: non sei se non é unha bosta de vaca. Ten pelos. E non será de can, ou mesmo de lobo? Esto teria o segredo da concentracion de xoias: ó seren unha sustancia muito mais rica en nitróxeno, ó millor lles fai mais gracias ós bichos estes. Non sei eu dor gustos dos escarabellos... E perdoa se podes ó meu medio falar galego, mestre...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non hai nada que escusar, meu amigo: galego cen por cen, cen por cen galego. A bosta era de vaca seguro. Esas palastradas dun tamaño considerables só podían seren de vaca ou boi, pro estes non se ven pola Capelada. De poucas cousas ten un maior cantidade de observacións ca dos excrementos das vacas. Doutra banda este comportamento non é excepcional, sempre se reúnen en grupos máis ou menos numerosos (atención arriba ao comentario de Jose, fiable, sei quen é, de presenciar "centos e centos papando nun regueiro de bostas")

      Pero ata que me fixeches reparar polo teu comentario na presenza duns fíos, que parecen certamente pelos, non lles prestara atención. Non me explico cal poda ser a súa orixe, se v exetal, animal ou micolóxica. Estarei máis atento.

      Obrigado e benvido ao nororeste do Noroeste.

      Saúdos.

      Eliminar