XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 27 de decembro de 2009

Eurynebria complanata: as últimas boqueadas. (I)

Lamentablemente non se me lembra o nome daquel premiado co Nobel, que sendo inquerido sobre do que el, cos seus profundos estudos, nos podería dicir sobre a natureza da Divinidade, respondeu que o único que podía afirmar era que Deus tiña unha desconcertante afección polos coleópteros.



Nefeuto, a orde das coleópteras, os escaravellos de toda a vida, é a máis diversa de todas as ordes de seres vivos pluricelulares: aproximadamente 360.000 especies diferentes. Árdelle o eixo. Abellas, avésporas e formigas, as himenópteras, con 200.000 levarían a presea de plata na orde das preferencia divinas; e as lepidópteras, as bolboretas de cada hora, con 160.000 especies ocuparían o terceiro posto nas afeccións creativas da Criadora: para un total de seres vivos coñecidos da orde de 1,5 millós. Suponse que o número verdadeiro podería estar arredor dos 7-10 millós de especies diferentes. A grande maioría extinguiranse sen sabermos nunca delas.

Na hora esta aborbollante diversidade de vidas está a declinar. Moitas destas criaturas están arestora en serio perigo de pervivencia. Cada día máis exténdese a certeza de estarmos a vivir, aceleradamente, unha desaparición masiva e brutal de especies, unha hecatombe natural superior a calquera outra das Eras Xeolóxicas anteriores, mesmo a do impacto do meteorito do Iucatán que disque acabou cos dinosauros. E todo nun alustre: o da Historia dos humanos sobre a Terra. Chámanlle a Sexta Extinción Masiva de especies. Moi mal chamado: sería máis preciso o Primeiro Exterminio Masivo. Pois é a primeira aniquilación de moitedumes de especies causada, non por un cataclismo natural, senon pola acción directa e reflexiva, aloucada, chulesca, destemida e soberbia dunha outra: alcumada a si mesma de sapiens, para maior burla da sabiburía. E estámolo vivindo, causando, co corpo presente e a alma ausente.

Uns poucos exemplos de exterminio de grandes animais, no decurso dos derradeiros 10.000 anos da historia dos humanos, abondaría para dar, aínda á intelixencia máis inapetente, unha idea cabal do que estamos a vivir: o mamute, o oso e o león das covas, o rinoceronte laúdo, o pequeno hipópotamo de Creta, os elefantes ananos de Chipre, Malta e Sicilia, o ciño xigante de Malta, a capibara enorme de Sudámerica, os grandes leóns de Norteamérica, os castores xigantes americanos, o bisonte europeo, o tarpán, o lobo marsupial de Tasmania, o otario de Xapón, a vaca mariña de Steller, o dodo das Illas Índicas, a alca xigante do Atlántico Norte, a cotorra de Carolina ou as encebras da Península Ibérica son tan só unha pequena mostra da hecatombe que a especie Homo sapiens está executando. (Os patéticos desesperos por reproducir e enseñar en choídos de zoolóxico a especies técnicamente extintas, tal o panda xigante da China, feito símbolo da esperanza conservacionista, non fan senón aumentar a expresión dramática da traxedia biocida que estamos a consumar).

Traxedia biocida que según os datos da UICN (Unión Internacional para a Conservacion da Natureza) afectaría a un de cada catro mamíferos, a unha de cada oito aves, a un de cada tres anfibios, e por primeira vez, triste orixinalidade, a un elevadísimo número de especies vexetais: a 70 de cada 100 das plantas. Nin máis nin menos. Non posúo datos do cálculo para artrópodos, pero é de supoñer que anden máis ou menos en forquiñas similares.

Un caso rechamante e nos últimos anos de fonda preocupación no mundo entomolóxico é o da Eurynebria complanata, o carabello das mareas, o orixinal e lindo caraboide que anda entre parágrafos ilustrando estas verbas.

Eurynebria complanata, o carabello das mareas, é un curioso animaliño que vive nas plaias e areeiros, xusto entre as lindes da marea agachado frecuentemente entre as madeiras, xebras e mougada diversa que deixa o mar na liña da area. Dise por iso dela que é halófila, con gusto polo saliño, e mesmo chega a figurar nalgunha ca outra guía de animais mariños. Con toda a razón. É de habitos fundamentalmente noturnos, horas nas que sae a cazar o seu alimento favorito, Talitrus saltator (a pulga brincadora das plaias que antes dábase por millós en cada areeiro e hoxe faise tan rara de ver). No verán, outra orixinalidade, suspende as súas actividades e mantense en estivación, son por iso os meses de inverno os mellores para poder ver a este fermoso, orixinal e escasísimo coleóptero, da familia dos cárabos e do xénero nebria.

Eurynebria complanata, extende, ou extendía, as súas poboacións, polas plaias mellor conservadas dunha ampla zona xeográfica paleártica que vai dende Irlanda e o sur da Gran Bretaña, ata as costás africanas do Magreb e as mediterráneas occidentais. Ano a ano baixando alarmantemente as súas poboacións, chegando a extremos críticos e en casos inviables xa ecoloxicamente. As causas hainas que buscar nas alteracións dos hábitats nas plaias e nos marouzós: a moderna limpeza sistemática dos achegos do mar, tantas veces por mecanización agresiva e profunda, provoca non só a eliminación física de exemplares senón a desaparición das posibilidades de mantenimento das poboacións de Talitrus saltator, a pulga da plaia, o seu alimento favorito, e asimesmo a imposibilidade de atopar madeirames vellos: os seus acobillos perante as lucidas horas do dia.

Na Galizia tense constatado xa a diminución brutal dos efectivos poboacionais do carabello da marea. A asociación naturalista ANABAM, do Baixo Miño, leva unha década estudándoio nas plaias galegas de Camposancos e da Garda e nas portuguesas de Vilanova de Ancora, constatando o seu declive incuestionable; o que os moveu a solicitar a súa inclusión no catálogo galego de especies ameazadas, sendo rexeitada a súa petición, (incomprensiblemente se un pensa en termos ecolóxicos, comprensible se un decide en termos de posibilidades de turismo especulativo) por parte da Dirección Xeral da Natureza, recién estreada no novo goberno galego.

Tamén o grupo naturalista HABITAT ten encetado no ano 2009 unha investigación de campo nas plaias da Costa da Morte.

Ao noroeste do Noroeste teño prospectado os areeiros de Morouzos, en Ortigueira, A Madalena en Cedeira, de Vilarrube en Vilarrube, O Rodo e o Baleo en Pantín, e A Frouseira en Valdoviño. Arestora só tiven a sorte de poder velos en Morouzos e Vilarrube. Sempre moi poucos exemplares: 4 en Morouzos o ano pasado, 7 en Vilarrube, hai uns días, pero que están na liña de escasez dos atopados noutras areas galegas. Pero cando menos aínda se pode dicir que nas nosas plaias agáchanse, sobrevivindo malamente, algúns dos últimos, ogallá que non derradeiros, carabellos das mareas.

Fállanme dende logo moitas plaias e recantos por visitar onde sospeito que esta nebria poida ter os seus niños ecolóxicos e poida aínda andar vivindo tan rufa e resalada coma noutra hora calquera. A plaia da Concha, a de Fornos, as plaias de Loira, a de Santa Comba, a de Doniños, a de San Xurxo, a costa de Lobadiz e Punta Penencia ou as marxes interiores do complexo intermareal do Río Mera, son lugares onde non percurei a presenza do carabello da marea.

De certo nalgúns outros currunchos do noroeste do Noroeste ten que andar cazando pulgas este fermoso caraboide que se non lle quixésemos arrimar outro mérito sempre poderemos dicir del que foi o inventor do código de barras xa que se acredita que non hai dous pares de élitros iguais.

E nada máis por hoxe. Desexando que os galanos das gracias dos días enchan as horas do voso vivir, voume mandando fóra agradecendo coma sempre que me deixedes seguir escribindo para vós.

Apertiñas, totus meus.

Nota marxinal: Ana M. Campos Gómez e Francisco Novoa Docet, publican en 2006 e dentro do Servizo de Publicacións da Universidade de Compostela, Los Carabidae de Galicia, Catálogo, Distribución y Ecología, ofrécendose nel os datos de exemplares recollidos nas plaias galegas que serían estes: Corrubedo, 6; Laxe, 1; Louro,1; Cabalar, 4; Coira,1; Esteiro,1; Traba,4; Illa de Arousa, 1; e Illas Cies, en días diversos: 5, 5, 4, 1, 1. As cantidades prospectadas ao noroeste do Noroeste están en liña, como dixemos, coa rareza xeral das plaias galegas.

As citas previas de exemplares desta especie que veñen explicitadas, non inclúen nen a Morouzos nen a Vilarrube: así coa publicación desta entradiña complétase e amellórase en algo o mal coñecido catálogo de distribución da Eurynema complanata nas plaias galegas. Algo é algo.

Deixo uns aghegos que han de completar as moi coreñas informaciós que van inclusas nesta entrada:

A páxina da ANABAM, Asociación Naturalista do Baixo Miño, da mellor información enrede sobre o carabello da marea: http://www.anabam.org/eurynebria_complanata.html

Para saber de insectos en xeral:
http://entomologia.rediris.es/introento/08cuantos_insectos_existen_en_la_p.htm

Para o caso irlandes:

http://www.jstor.org/pss/25537679

Un estudio monográfico de moito interés sobre as poboacións francesas e italianas, vai en inglés:
http://rchn.biologiachile.cl/pdfs/1996/4/Colombini_&_Chelazzi_1996.pdf

Sobre a Sexta Extinción, o artigo da Wikipedia:
http://es.wikipedia.org/wiki/Extinci%C3%B3n_masiva_del_Holoceno#Extinciones_prehist.C3.B3ricas

E tamén este outro:
http://www.biodiversidadla.org/content/view/full/44353





6 comentarios:

  1. Ola Rafael,
    mentres lía esta entrada pensei no fácil que é colaborar por ignorancia e outras -ancias no exterminio. Vaian pois os parabéns e agradecemento deste individuo algo máis "sapiens" por traballos como o teu.

    ResponderEliminar
  2. Agradecido meu...aleda e estimula saber que un pouso de algo se vai pousando.
    Fálame sempre.
    Saúde e sorte.

    ResponderEliminar
  3. Boas
    Interesante entrada mais... por que carabello e non escarabello?

    ResponderEliminar
  4. Moi boas...carabello por ser a eurinebria da famiia dos caraboides e tamén por... facer lingua: e uhna posibilidade linguística para denominar aos cárabos e diferencialos dos coleópteros en xeral, máis ben escarabellos en senso amplo...e tamén un pouco por enredar.
    Apertiñas

    ResponderEliminar
  5. Parabén por esta magnífica entrada chea de interesante información e bonitas imaxes deste precioso cárabo. Se podo para a semana achégome a etas praias a ver se teño sorte e encuento algún que se queira pór diante da cámara, un cordial saúdo

    ResponderEliminar
  6. Miguel di:

    Noraboa pola entrada, Rafa.
    Bon traballo coma sempre de investigación e de fotografía. O certo é que sorprenden os datos tan pobres que ofrecen as praias deste cárabo. Falando de insectos sorprende falar de menos de 10 individuos, sen dúbida un indicador de que as cousas non van ben.
    Coincido contigo en que as limpezas mecánicas das praias poden estar detrás do declive desta especie, xunto co da súa prea natural, a pulga de auga (que por certo nas praias de Ferrol non é tan escasa, aínda que últimamente vou tan pouco á praia no verán que non o podo afirmar con rotundidade). Onde se poña o feito á man...
    Unha aperta.

    ResponderEliminar