Permitídeme que atenda a pedicha dunha cativa, esculcadora habitual do bló, e amose uns recortes da iluminación da testeira, coa intención de darlle, e darvos, conta ao detalle das xentiñas que andan remexidas nela, coma sempre ao pilón que grande é bon, sen outro criterio que amosar en compaña a algúns dos habitantes do noroeste do Noroeste, encartados nalgunha paisaxe da nosa bisbarra.

Desta volta a paisaxe elexida é a da Plaia do Castro, na ortegana parroquia de Loiba, unha outra das sucesivas areas nortadas (a Ribeira Grande, a Plaia do Carro, a Favega, a do Castro, o Gavioteiral) que andando cara a leste chegan ata o Picón, xa no Barqueiro, e coas que, non teño dúbidas, debeu de soñar Stevenson antes de encetar a escribir algunha das súas historias de piratas e naufraxios.






Preside o santo a fermosura plena dunha gaivota clara (Larus michaellis) e alumbraio a brancura de escuma mariña da prumaxe da branca de Groenlandia, (Larus glaucoides). Anda de visita un golpe (Vulpes vulpes), soléase unha lagarta endémica (Iberolacerta monticola) e fitando entre a area anda unha escribenta millarenga (Emberiza cia), tamén hai unha cincenta. Toxos, uces, pancracios, merendiñas e unha orquídea (Ophrys sphegodes) serven de acomodo ao escarabello vermello (Melosoma populii), a oferente barbantesa (Mantis religiosa), a bolboreta do alivio (Melanargia lachessis), a unha meniña (Polyonmatus icarus) e a unha grande e fermosa avelaíña (Lasiocampa quercus).
E penso que non fun esquecendo a ninguén.
No nome de todos, agradecido.
Ata outra mellorada.

Nota marxinal: Laióuseme, e con razón, algún esculcador culto do bló de que faga ilustraciós diacrónicas, quere dicir que moitas das especies que rexunto non se dan na mesma tempada, o que, supón, réstalles valor científico. Ten razón, xa dixen. O caso é que nunca pensei nelas coma láminas directamente didácticas ou científicas, senón coma un xogo, un divertimento estético que ofrecese unha instantánea imposible no mundo real e poidese representar un berro colectivo, unha manifestación, a favor da supervivencia de todos. Unhas imaxes que para máis recenderan exotismo a base de axuntar personaxes nosos de cada día.
Unha idea traspasa por iso a todas elas: o noroeste do Noroeste pode ser o sitio máis exótico do mundo se ti es un indíxena hawaiano...ou un indíxena de acolá especializado en diferenciar ronaldos de messis, pero incapaz de distinguir entre unha agabanza e unha orquídea.