XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 10 de xuño de 2010

Víbora de Seoane en Ladrido. Retrato duns retratos.

Son as 9 da mañá solares do 2 de abril do 2006. Un amigo urbanita e servidor estamos a camiñar dende o Piñeiral de Morouzos cara á Ría de Ladrido. A mañá, fresca e limpa, promete sol. As herbas recolleran algo de orballo. Imos camiñando entretidos coa conversa e co disfrute da fermosura inexplicable do herbazal de Morouzos.

Imos botando de paso un ollo ao principiar do rebulir da vida na primeira primavera. O meu amigo dime: -Mira aí¡ Unha cobra¡. E queda parado como se vise a estantigua.


- ¡Miña madriña! -case berro eu de ledicia- !É unha víbora!. De ledicia si, pois as oportunidades de botarlle un ollo á seoane non son moi moitas. Habela haina, pero en toda a miña vida de andariego polo monte só noutra ocasión dera con ela viviña e feiticeira. E para máis a Vipera seoanei de sempre, dende cando de cativo rebuscaba crías de culebras debaixo das pedras da plaia da Arealonga durante o mes de setembro, que por alí baixaban a se quencer, foi unha teima garimosamente excitante.



-¿Estás seguro de que é unha víbora? Preguntoume meu amigo coa espranza de atopar nas miñas dúbidas a tranquilidade da mañanciña que lle desaparecera coa súa visión e o meu berro. ¿Por que o sabes? Inquiriu de remate, un aquel xa aqueloutrado e con todos os ollos vixiantes e chantados no corpo revirado da cobra. (Sei que pensaba que a seoane podería dar un brinco e chantárselle no pescozo). O meu amigo dos campos que entende, son dos campos de fútbol. E pouco.
Armei a cámara e funme achegando moi amodo o animaliño. Míralle derriba da cabeza, -tentei explicarlle ao meu prudente amigo que se mantiña sabiamente alonxado- non ten as dúas placas cefálicas grandes das culebras, o rabo acaba bastante decamiño, e para máis leva a V, de víbora, ben marcada na cabeza, aínda que a isto último non se lle debe de facer moito caso. A seoane despreguizábase lentamente, atemorizada da presencia inesperada e xigantesca daquelas dúas cousas humanas e escomenzaba a fuxir de nós entre as longas herbas de Morouzos.


Se quería conservar algún rexistro fotográfico daquel encontro debería darme présa, maña e o seu aquel de arriscamento. O amplo ocular da miña cámara por diante ofrecido como primeiro obxecto a atacar, os dedos gardados na manga da sudadeira, e todo o zum que me permitía o modo macro eran todas as prevencións que podía tomar naquelas circunstancias. A simple vista distinguía a pupila vertical do ollo, santo e seña definitivo de ser víbora e non culebra. ¿Pero non lle tes medo? -oín tres metros detrás de min a voz preocupada do meu caritativo amigo- A min danme un noxo bárbaro.

Noxo non me dan ningún, contesteille, en voz máis ben baixa para non axocar nen alebrar máis á seoane. Do medo que me daba, non me considerei obrigado a darlle resposta. Na lidia, se se ten medo ou non, non importa, o caso é que non se note. Nen polo público nen polo animal.

Temple, calma e lentitude de xesto, esas foron as ferramentas coas que traballei estas fotos: que as présas son para os ladrós e os malos toureiros.
E coñecer o encaste tamén axuda: sabía que na fresca da mañá, dunha mañá de abril, para máis, ao mellor recién saída da invernación, pouca enerxía e ganas de atacar habería de ter. Se se amosaba ao sol primeiro era precisamente para irse fortalecendo cara a caza probable que tentaría ao mediodía ou a tardiña. Esas imaxinaciós fortalecían a miña confianza: e o meu valor presumido.
E tamén coma en todas as cousas desta vida, hai que ter sorte.

Iso mesmo, e moita saúde, é o que desexo para todos vós, miñas e meus.

E dándovos as gracias na ialma por seguirdes acompañándome no meu andar polos vieiros do noroeste do Noroeste, despídome por hoxe ata unha mellor ocasión.

A mandare.

Nota marxinal; quen siga habitualmente os comentarios deste bló comprenderá que lle adique esta entrada o destemido fotógrafo de víboras Xabi Prieto, de quen teño as mellores referencias coma naturalista e boa xente. Unha aperta Xabi. E moito ollo.
Que o 3ª Ollar de Seoane está a caer.

6 comentarios:

  1. Boas. Pois é un réptil que semella estar en franca regresión, así que podes darte por dobremente satisfeito, Rafa. O exemplar ademáis ten un debuxo a cabalo entre a V.Seoanei Seoanei e V.S."bilineata". Fíxate que, sobretodo na parte anterior do corpo, case non se aprecia o famoso zigue-zague (que tampouco é realmente tal na Seoanei, pero que recorda un pouco). O exemplar da foto posúe unha ancha banda central escura e dúas liñas ocres a cada lado.

    Eu son máis partidario de empregar o teleobxectivo para este tipo de fotos (ou o zoom nas compactas como a que teño eu), se non é imprescindible ter o primeiro plano. Para qué arriscarse?. Non hai foto que valga unha vida e xa houbo casos de trabada a fotógrafos por achegarse demasiado. E a Seoane, sin ser unha víbora especialmente perigosa, comparada con outras especies europeas, sí pode fastidiarte bastante (o veleno varía moito dun exemplar a outro, parece ser..)

    E graciñas polo comentario sobre mín.

    Un abrazo.

    Xabi Prieto

    ResponderEliminar
  2. Magnífica e moi agradecida lección,Xabi...descoñecía as posibilidades de subespecies na seoane...simplemente pensaba que eran diferencias entre individuos, teño outras dúas fotografadas, (estas estaban mortas) e unha delas dei con ela no areeiro de Vilarrube...sendo o caso de andaren en regresión da que pensar que nos sistemas dunares ártabros se poda dar con elas mellor canoutros hábitats...os usuarios deberían de andarse con ollo e non sairse dos pasos de táboas...que xa que están.
    De novo moitas gracias polo comentario e o coñecemento. A non perder as mañas. mestre.
    Apertas, e a mandare.

    ResponderEliminar
  3. É que os sistemas dunares son lugares idóneos para observar moitos dos nosos répteis. Especialmente os que teñen diversidade de microhábitats: herbazais, silveiras, charcas, dunas de area, etc, como o de Morouzos, que coñezo bastante ben.
    Algunhas sp manteñen nestes lugares densidades elevadísimas, como por exmplo o Esgonzo (Chalcides striatus).
    A Víbora é un dos réptiles que se atopa con maior frecuencia en zonas de areal-duna, como dís. Pero tamén aparece moito nas turbeiras, lugares como sabes, fríos e hiperhúmidos. O máis oposto ás soleadas e secas dunas!
    Debe ter un transtorno de personalidade "bi-polar" a pobre Víbora. Aínda encima!


    Unha aperta.

    Xabi Prieto

    ResponderEliminar
  4. A outra que atopei, polo grosor debería de ser unha femia preñada, foi no cantil que baixa as gabeiras da Barca de San Andrés, baixo uns toxos, nun meidodía soleado, e esta sí que atacou, como un lóstrego, ao longo barolo de castiñeiro que usaba eu para baixar e que lle acheguei, con precaución infinita, ao fuciño...na mesma lostregada instantánea, vista e non vista, desapareceu no fondo da toxeira..estendeuse e destendeuse...atacou e fuxíu nun nada...ese día entendín o seu perigo vertixinoso...dende aquela, cada vez que ando polo cantil, sacudo sempre co meu barolo as herbas que logo ei de pisar, para axocalas se fos o caso e ando con botas outas e piso con mil ollos...unha trabada da seoane no cantil paréceme que sería dobremente perigosa.

    No monte sí, pero se pode ser con sentidiño.
    Apertas.

    ResponderEliminar
  5. Moi boas fotos Rafael. Noraboa pola observación e as imaxes.

    ResponderEliminar
  6. Que ben saber de ti José Miguel...alédame que che gustasen as fotos...a observación é vella...saqueina do conxelador para conversar un pouco de algo diferente as prantas coas que me parecía que o bló andaba un aquel enquistado...botamos moito de menos os anovos do teu bló...ben sabes que son un aprendiz continuado da túa sabiduría, o noroeste do Noroeste necesita das túas noticias ornitolóxicas. Apertiñas mestre, saúdame ao Ricardo.

    ResponderEliminar