XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 25 de febreiro de 2011

Corzos ao lonxe



Por ver de calmar os desasosegos das horas desfrutando da impensada xornada primaveiral que nos regalou o febreiriño tolo  (xa volverán as abreguías, xa), dei en pasar a tardiña  deixándome ir indo amodo por entre as herbas e as areas de Vilarrube: mirando como xa revoan as pampurriñas, (unha fermosa Polygonia C-album  andaba rifando entre as  flores primeiras dun louro cunha Pararge aegeria); escoitando a linguaxe dos paxaros, esa metáfora do coñecemento hermético; ulindo os recendos a humidade da auga que quedou apozada logo dos agaceiros das últimas choivas, ou esbarando a ollada desatenta, esquecida de min e de todo, polo espello limpo da flor das súas augas, que se estiraba na última luz do día.
Ía  servidor coa tarde, deixando xear.

Devalando os pensamentos sen pensar, (esa sorte de meditación intrascendental da que nacen as ideas creativas  máis orixinais e fecundas), entre os  próximos plans de Costas para facer a Rexenaración Medioambiental de Vilarrube, (terror pánico o nome e os antecedentes: non hai tanto toraron toda a toxeira do marouzón co mesmo argumento)  e as lembranzas do malpocado aspecto  dos montes da República Eucaliteira, que avanza xa, imperial, ate as Asturias Medias (andara eu no  dia de ontes por Tras da Costa e a desfeita que os agresivos e pouco considerados métodos de extracción do eucolito provocan na terra -fochancas, lixugaduras, fealdade- virárame o ánimo) viñan ensombrecendo o meu aceno ao compás do serán: escondíase o sol tras da negra sombra eucaliteria do Pericoto de Pantín.
Daquela, iluminándome a faciana,  apareceu entre as herbas entralladas do chan o sorriso de xofre e blancor dun amarelle bravo, esa  certeza de primaveira, esa espranza. 

Reconfortado o ollo,  levantado o nubeiro da alma (¡que doado!¡un algo de beleza, por favor!), entretido o espíritu na contemplación das fondas pisadas dun raposo na area esponxada, fóronme levando os meus pés ate o carrizal do esteiro do  Río das Mestas e alí dei en lembrar unha recente conversa co sabio Rafael Usero, mestre e amigo, sobre o pleito que sostiveran no século XVIII durante 35 anos (do 1752 ao 1787) os veciños de San Fiz de Esteiro e os de San Martiño de Vilarrube polos dereitos sobre a corta dos xuncos, daquela de grande utilidade e valor para o gando. Pleito que se tivera que dilucidar nas máis outas instancias xudiciais do Estado, nada menos ca na Real Chancillería de Valladolid, o equivalente ao Tribunal Supremo actual, e no que acabaron dándolle a razón aos veciños de Vilarrube.  
E alí, ao pé das súas disputadas canas, e ao lonxe, moi ao lonxe, nacendo das sombras grises que anuncian a noite, alumbraron os brancos cus de tres corzos.
É sempre un galano para os ollos e un motivo de ledicia para o espíritu, poder mirar o tranquilo discorrer da vida da xente ceibe. Souberon decamiño de min. Fitáronme coa ollada analisadora e decidiron que aquel humano estaba lonxe de máis para ser motivo de preocupación. Deixáronse ir amodiño.
Un macho e dúas femias. Estas recoñecidas polo pincel que lles sae do borrón branco, espéculo  tamén, e aquel polos corniños, que aínda andan recubertos do liber. Acomodados, tranquilos, o macho mesmo se deitou un pedazo a folgar, e só de cando en ves, botaban un ollo na dirección  onde eu andaba: a galiña nos catro reás.
Mágoa da pouquísima lus que lle quedaba ao día. Tanto coma das  coreñas condiciós fotográficas de quen suscribe e da lonxanía dos corzos. Mágoa, gustaríame poder amosar mellores imaxes. Pro terei que conformarme e solicitar a comprensión que a vosa liberal condición, de seguro,  me concederá. Aí quedan unhas moi poucas instantáneas libradas das moitas que lles fixen e que case todas houben de borrar. E estas, se tivera vergoña tamén deberían ir ao reciclaxe.





Rematemos acó esta deslaimada entrada entrallada nas últimas luces do día. Vaia polas ánimas.
 Co santo dunha abruñeira floreada en esplendor, máis xa no fusco ca no lusco, quero agradecervos de todo corazón o voso xeneroso seguimento.
Apertiñas, miñas e meus, moita saúde e sorte.
A mandare.





VideosMínimosdoNoroeste

Corzos no esteiro do Río das Mestas



(Se alguén me demanda porque este video, de pulso alborotado, lle provocare unha forte dor de cabeza, ao tempo que mareos e algunha vertixe perigosa, saiba que non prosperará o inquérito pois xa agora se lle advirte dos seus posibles efectos pra saúde, e así cada quen accederá ao seu visionado baixo a súa persoal responsabilidade. Dixen).

2 comentarios:

  1. Noraboa Rafael,ben fermosos esos corzos. Sabenche ben de quem teñen que escapar, e con quen poden ficar facendo vida, sen preocuparse demasiado.Un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Gracias Antonio, pro eu quedei moi descontento das fotos, ter unha oportunidade de miralos en grupo e mansamente non é moi doado (aí si que os desfrutei), a mágoa foi a luz e a distancia (claro que de máis perto non andarían tan confiados).
    Unha aperta Antonio, dalle duro ao bló (e o estudio das plantas, non me caibe dúbida que xente de principios ecolóxicos e formación estricta e científica no tema agricola, van a ser moi necesarios e van a ter moitas oportunidades nos anos vindeiros: hai todo un mundo por reconstruir)

    ResponderEliminar