...unha outra volta retornamos a mirar as airas de videira, os outos de castañeiras e os vales de ouro...
...as repoboacións infindas de piñeiral e as veigas fervendo de choupos marelos...
...que arrastran da ollada ata os lonxanos cumes azuis, ouzal do lobo e o xabaril...
...patria dos ventos, berce das neves, solar de soles, casal das cores...
... ceos dos espazos limpos, aos que se achegan os chafarís das follas acabadas...
...as que pechan os teitos dos camiños cun cobertor de verdes tépedos e promesas do outono víndose...
...e a quen agardan sen presa os tesos que enmarcan polo horizonte ao mundo, eles, aló no fondal da terra nados...
... retallados nas ribeiras das augas bravas, confurcadas e pretas, oreladas de árbores lanzais e valentes...
...que, de querer, rebentan en luz nunha festa de foguetes vexetais: borbollós de cor no oculto da sombra dun monte de uceiras...
...un monte suspendido no espazo que gabea sobre a gravidade universal e acobilla nel o se acurrunchar das xentes...
... sempre a favor da soleira, esquecidos da esgrevia montesía que os arrodea e acolle......e acordados na mesta e pecha verdescencia que os envolve e os garda...
... e deféndeos e protéxeos... do vento, da xeada, da neve e da ollada das aigas que pasan, lonxe, voando, outas...
...esculcando a face mol do bosco no que se esconde o gaio e adormece a martuxa...
... e polo que triscan e brincan as corzas que falan de vagariño coa raposa...
...mentres aperta co agarimo morno do outono as aldeias, os niños de xabre e lousa das xentes do monte...
...acomodadas ao abeiro das abas dos cumes espidos, non sendo urces, carpazas e xestas seu vestido...
...se non é a maxencia requintada da fartura de follas dunha fraga de soles.....que enchen o val dunha lixeira ledicia, arrebolada ao infinito por pespuntes de cor e harmonías de luz...
...e recrean na ollada a fermosura do mundo, imaxinada nos soños da infancia...
..no que as follas dan a vida, e as escuridades a recrían...
...conformando, con luces de acibeches, barrocos xogos de recovecadas e escraquenadas liñas de laranxas castañadas...
...no que o sol nace ou morre pra refacer o mundo a diario......deseñando as formas do que existe e vive na luz e pra a luz...
...coma ti e eu, coma eles e vós, coma todos nós, que imos indo, querendo ou sen querer, facéndonos paisaxe, lama, poeira e esquezo...
...trazos finais en fin dunha luz que nos deu o ser quen fomos, e nos dá o ser quen somos...
...árbores dunha fraga de días e horas nas que todo se esvae e se diloe......tarreos farturentos de ilusiós e proxectos que amarelean no serán da vida...
...lembrando con sorrisos da memoria amada o que se foi, e acepta mainamente a dourada presenza do solpor próximo...
...que corea, con firmeza de artista, o mundo que se vai e se esvae, o que arrola co día marmurando amores...
...e sinte, na fin de todas as horas, que cando menos soubo que poidera vivir a ilusión de ter sido......unha raiola de luz preñada de cores de cor Courel.
Mil gracias mil, miñas e meus.
A mandare.
Graciñas Rafael,
ResponderEliminarlevácheme alí e lembrei...
Unha aperta
Paco
O Courel anda sempre a agardar por nós, pro agora vai rebentando de turismo...se é de respeto e coidado coa Natureza sempre será mellor motor económico ca as louseiras, das que por certo unha deixou de traballar.
ResponderEliminarSaudiñas, Paco.
Mirámonos na beira do mar.