XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 11 de xaneiro de 2016

Podedes chamarme gorrión...

...e que Melville me perdoe... pero botádeme trigo. 


Quixera dicir que  haberá pouca  xentiña, se houbera algunha, a que eu teña máis retratada cós gorriós: as humildes, discretas, pouco rechamantes xentes pardas a quen nunca tiven na estima suficiente pra  facelas aparecer no bló. Moi pouca educación a miña. Dentro das miles de fotos que van publicadas me parece que falta a primeira na que saia unha gorriona ou un gorrión. Ausencia inxustificable. E xa non digamos adicarlles un discorrer enteiro parándome en parolar amodo con eles, interesándome no seu, querendo saber, aprender deles. 

Unha desproporcionada inxustiza.


Gorrión e gorriona, son os nomes comús do Passer domesticus na fala tradicional da maior parte do territorio de Galicia. Variantes serían: gurrioisgurrión e gurripacho. Pardal, o outro étimo moi extendido (e as súas variantes pardao, pardelo, pardolo, pardaregopardau e paradau),(4), está presente nunha ampla faixa do sur de Galicia, constituíndo un continuo co portugués, e nos últimos tempos vai acadando un estatus que leva camiño de se convertir nun monopolio.


Ambas as dúas, pardal e gorrión levan séculos convivindo sen conflito, tanto en  galego coma en castelá, pra nomear ao Passer domesticus, o paxaro da casa. Ao pé deles recolléronse xirolo, vivo aínda hoxe pola banda da Limia, paxaro naviñego, por Navia de Suarna, e ainda charrao e charrau. Voces moi minoritarias e puntuais nas súas respectivas zonas de uso. Gorrión, por outra banda, é o nome galego da caravilla que impide que saia a roda do eixo do carro. Nalgures ténse chamado pardal do mar ao munxe, a explicación de Ríos Panisse de ser por andaren en bandadas unhos e en madas outros, non me enche o ollo de todo. 


Ambos os dous étimos teñen, claro está, unha presenza na etnografía, cantigas, refrás e xogos tradicionais da Galicia. Cada pardal co seu igual. Estorniños e pardais, todos queren ser iguais. Máis que cen de pardal vale unha de asnal. Cada gorrión quer o seu espigón. Por medo ós gorrións, non quedan sen sementar os leiróns. Tirados todos eles do Eladio. Asimesmo: Paxariño ghorrión / non me comas as cereixas / que non teño pai nin nai/ nin a quen lle dar as queixas, cantareliña recollida por Rivas Quintas en Dorrón, e aínda este verso da autoría de  Ramón Cabanillas e recordada por S. Cerradelo: "Quen me dera ter un niño! quen me dera ser pardal!" ("No desterro" 1913).


Poidera ser o caso de non haber moita xente que escoitara falar do Xogo do gorrión que se adoitaba xogar nos velatorios para ir pasando a noite: " La Nai, o sea la mujer que lo dirige, pone a cada uno de los que toman parte en el entretenimiento el nombre de un pájaro: cotovía, ferreirolo, laberca, maceirento, papuxa, pardau, paspallás, reiseñor, xílgaro, etc. y llamando al gorrión le hace rapidamente una pregunta para que diga qué pájaro vió. Si al contestar acierta con el nombre de uno que figure en el juego, el que lo tenga le sustituye inmediatamente, se repite el diálogo con las preguntas y así van sucediéndose unos a otros. Conviene advertir que cada uno sabe el nombre que representa, pero ignora el nombre de los demás y el intringulis del juego está en que al que no contesta las preguntas con rapidez y sin equivocarse, le dan con un trapo mojado en pleno rostro, para lo cual tiene la Nai un pequeño recipiente con agua". Recollido textualmente do Dicionario Enciclopédico de D. Eladio Rodriguez, ese manancial de  enxebrismo.


Non parecen existir dúbidas sobre a preeminencia temporal da voz pardal, que se extendería por todo o ámbeto peninsular da Baixa Idade Media pra pouco a pouco ir perdendo uso en favor da nova forma gorrión, ata quedar acollida aquela tan só nas áreas do galego-portugués e o catalá que a manteñen viva. A orixe deste étimo estaría no latín pardalus a súa vez achegada do grego pardalos e remite sempre a cor propia do gorrión. 


Menos seguridade existe na orixe do étimo gorrión. Covarrubias, (1611) é o primeiro en afirmar que  ten unha orixe onomatopeica: "Díxose gorrión del canto o chillido que tienen girri o gurri y así muchos le llaman gurrion quia garrir". Opinión que se seguirá mantendo na primeira edición do DRAE de 1734. "Llámase gorrión por el sonido de su canto"  pero que desaparecerá dos posteriores dicionarios da Academia. (7). Posteriormente esta mesma tese dunha orixe onomaopeica será sostida por Bernis.


O dicionario de Fernández del Rosal, tamén en 1611, apunta con precisión a unha orixe latina (realmente prevista por Covarrubias: quia garrir) ao supoñer: "Gorrión, como garrión, de garrire latino que significa gorjear, propio de paxaros". Nesta liña irá pescando tamén o DRAE na edición de 1884 ao precisar: "Del latín garriens p.a. (participio activo) de garrire, chillar". Opinión que se mantería asimesmo na edición de 1899. Decir só que este verbo latino garrir (berrar, chilar) nomea cientificamente ao gaio ou  pega rebordá,  Garrulus glandarius, da que todos coñecemos o seu berro preventivo. Seguramente a palabra cedeiresa gharrulaxe, cativería enredando, balbordando ou simplemente estando, poda ter unha orixe neste mesmo verbo garrire.


Os romanistas centroeuropeos, o alemán Schuchardt e o suizo Meyer-Lübke, puxeron en relación a voz gorrión co vasco gorri: vermello.(7) Opinión  que no  Corominas-Pascual non se toma en consideración dada a ausencia de cor encarnada no froixel do gorrión. En todo caso si hai que deixar sinalado a intersección semántica que se da entre pardal e pardillo, este si co peito vermello, e a frecuente asimilación da voz gorrión a un diverso número de especies, asegún os lugares, convertindo a voz en casos nunha sinonimia de paxariño pequeno.


Non deixa de ter interés preguntarse por cousa de que a voz pardal, (presente nos romances, mesmo estendida en principio por toda Iberia incluíndo o extinto romance andalusí; aínda nos dicionarios clásicos do SXV e SVI, aparecen de cotío sempre xuntas, explicándose a unha a outra) foi recuando pouco a pouco ate quedar acollida en áreas periféricas mesetarias.


No Corominas-Pascual aventúrase a hipótese de que o termo pardal sufríu unha contaminación de sinonimia, ou metafórica, co membro viril masculino o que transformaría o termo en obsceno e fortemente vulgar e causaría a lenta e progresiva sustitución de pardal por gorrión.  Sinonimia que según Alcover, sigue mantendo actualmente no catalá de Valencia, Tarragona e Mallorca, onde aínda hoxe pardal pode siñificar gorrión ou a outra cousa. O paxariño. Olla por onde.


Esta sinonimia ou vencello dos gorriós coa sexualidade ten un longo percorrido na historia occidental, xa dende a Idade Clásica. Sebastián de Covarrubias, que era cura, comenta no seu dicionario xa citado: "Plinio (libro 10 cap 16) dice de este animal que es luxuriosísimo" e tamén "Al que es pequeño de cuerpo y garañón dizen que es un gorrión" espandindo así, a equivalencia entre pecado, gorrión e luxuria e fornecendo de argumentos a posteriores tratantes de gorriós: en 1802  publícase en Madrid o ensaio diálogado "El gorrión perseguido por dos patriotas" da anónima autoría de "Un zeloso del bien público y del Estado" onde se propagan  descriptivamente  as teses do Padre Corominas : "...es la desenfrenada lujuria que tienen..." "En el tiempo de celos y crías se ve que saltan seguidamente muchas veces la hembra." (8).

Confirmando  a pervivencia no século XIX do significado lúbrico que no final do Medievo, na opinión de Corominas e Pascual, provocou o lento abandoo do termo pardal e a  progresiva substitución por gurrión, garrión, gorrión

 Velaí van seis razós en medio minuto:



Certamente nunca tiveron moi  boa fama. Á acusación moral clásica de usar sen taxa da luxuria, (que se pensaba lles provocaría o mal caduco ou gota coral, dise a epilepsia, orixe do seu nome clásico Passer apatiendo, paxaro que padece) haberá que engadirlle o mal dizer campesiño que sempre os acompañou por seren tan voraces canto intelixentes consumidores de sementes recén prantadas. Nunha sociedade cerealista, ratos e gorriós enemigos públicos. Por medo ós gorrións, non quedan sen sementar os leiróns, xa se dixo cima de acó



O pardal é unha especie fortemente ligado a humanización, de todas as aves seguramente a que máis. Non se coñecen comunidades de gorriós habitando medios naturais. A súa existencia vai ligada a ocupación humana do territorio, de tal modo que en canto unha pequena población e abandoada polos humanos os gorriós desaparecen a canda a eles. Aí andan  sempre ao noso lado: rebuscando unhas faragullas na varanda da cafetería, roubándolle os petiscos as pombas, chíando no tellado de enfrente, baixando aos xardíns a peteirar entre as herbas, e tantas veces releando entre eles en ghreadas berrallonas se non son combates de amores entre machiños.


Veciños nosos, ofrécennos a impresión de seren os paxaros máis abondosos e comús, o que seguramente non sexa certo, por non ocuparen amplísimas zonas do territorio que si son colonizadas por outras especies, o pimpím, por exemplo.  Bernis (1989) xa deixara claro a inexistencia de gorriós en zonas salvaxes, enxebres e naturais. Orixinarios do Oriente Fértil, especúlase coa posibilidade de que o seu incremento poblacional vaia ligado ao desenvolvemento neolítico das culturas agrarias cerealistas, época na que iniciarían a súa relación de comensalismo sedentario ligado ás actividades humanas, que lles posibilitaría no futuro, hoxendía, expandirse por todos os continentes.(2).


Para Galicia (Carrascal e Palomino, 2008) danse cifras de entre 3,6 e 7,8 millós de individuos, para o conxunto do Estado (Bird Life 2004) entre 63 e 130 millós.(2) Cifras en todo caso discutibles, demasiado aforquilladas, pero que ofertan un dato que máis alá da constatación de seguir a ser unha especie común e abondosa, permitirán  establecer unha cota imprescindible e  interesante cara o estudo permanente do declive poblacional que se anda a percibir. En Inglaterra nas últimas décadas fálase da perda de 5 millós de parellas, mor dos cambios na residencia humana, e a intensificación de métodos de cultivos industriais.


Esta diminución das poboaciós de gorriós, lígase dun xeito primordial ao abandono das pequenas comunidades agrarias humanas; para o caso de España tense documentado un lixeiro descenso constante de efectivos, que nalgús casos puntuais (Maresme) acadou a cerca do 60 % dos seus efectivos (2).


Actualmente un novo perigo, modernísimo, anda percorrendo as rúas e prazas das cidades. Non son poucos os concellos que teñen destinada unha partida presupuestaria non pequena (na Barcelona de Ada Colau, herdando presupostos anteriores, 470.000 euros) para controlar a expansión praguicida de pombas urbanas. O movimento animalista, esa enfermidade budista-disneiniana do ecoloxismo, empurra con tesón para que o método de caza e eliminación física das pombas, mediante trampas, gaiolas e posterior gaseo, método certamente mellorable, sexa substituído por unha esterilización das colonias de pombas mediante a inxesta de pienso modificado con aportes de sustancia químicas, nicarbazina entre outras posibles, que impidan a fecundación das aves.


Molins de Rei e Cardona, en 2013 e Badia del Vallés e Alicante en 2015 xa empezaron a poñer en pé un plan fundado no suministro de anticonceptivos as pombas, seguindo a  línea de Italia, Francia, Costa Rica,  Perú e tantos máis. Todo un negocio internacionalizado en vías de expansión mercantilista.  Ollar acó: (a)(b)(c)(d). Ou preguntarlle a Google e veredes o que vén: o espaleo de sustancias anticonceptivas pola naturaleza de xeito masivo e pouco controlado.

Quen, e como,  garante que este pienso inzado de anticonceptivos só vai ser consumido por pombas? É este o método ético de control da poboación urbana de pombas patrocinado polos animalistas?(¡!)

Ollo, moito ollo, non vaia ser que andemos principiando a crear un grande problema a cambio de non resolver nada.

 Ollo. Moito ollo.


E me parece que vai chegando por hoxe. Mil gracias mil por andares aínda lendo este o voso bló. Que hoxe non andou falando de rarezas se non do máis común dos nosos paxariños da casa, o Passer domesticus, o pardal, a quen non lle importará que lle chamemos gorrión se lle botamos trigo... sen anticonceptivos.

Apertiñas, miña xente.

A mandare.


Notas marxinais:

Xa que se citou vai o texto completo do dicionario de Sebastián de Covarrubias: Gorrión:  "Avecilla muy conocida por criarse en los agujeros de las casas, dentro de los lugares, especialmente donde puedan hallar algún grano de trigo o migajas de pan que comer, y así acuden a los corrales donde hay aves, a los mesones y paraderos donde comen las bestias. Díxose gorrión del canto o chillido que tienen girri o gurri y así muchos le llaman gurrion quia garrir. Esta avecilla es muy astuta y recatada y con andar siempre entre gente nunca se domestica. Llámase en latin passer apatiendo, según la opinión de algunos porque padece el mal caduco o gota coral. Plinio (libro 10 cap 16) dice de este animal que es luxuriosísimo y a esta causa vive tan poco que el macho no pasa de año, las hembras viven algo más; en sintiendo aire corrupto de pestilencia desamparan el lugar si se conservan es señal de sanidad. Al que es pequeño de cuerpo y garañón dizen que es un gorrión".

Todas as imaxes son de pardais que visitan o meu pequeno tarreo na percura do pan remollado que, cando me sobra que son moi panceiro, deito no tellado da caseta. 

O videomínimo vai editado a unha resolución o doble que habitualmente, pero nunha nova demostración da miña analfabetez dixital, aparece co mesmo tamaño de sempre. A ver se algún día aprendo. Agradécense mestres.

No día de hoxe, sobre das tres da tarde, o contador interno de visitas deste bló rexistreu a lectura 100.000. Centomil obrigas pra con vosoutros. A mandare.

Achegos:

1) "Los nombres del "gorrión común" y "campestre" en los Atlas Lingüísticos españoles" (1983) Amplio, documentado e con mapas de distribución dos étimos. Teresa Mejía, Guadalupe Ruíz e Elena Zamora. Adentro.

2) A ficha do Passer  domesticus na Enciclopedia dos Vertebrados Ibéricos. Dádelle.

3) Ficha de SEO Bird Life. Ollar.

4) "Os nomes galegos das aves" S. Cerrradelo. Ir aló.

5) A voz pardal no DdD. Abrir.

6) A voz gorrión no DdD. Entrar.

7) Etimología de gorrión. Ler.

8) Un achego a lectura de " El gorrión perseguido por dos patriotas" Entrar.


PAZ E PALABRAS


2 comentarios:

  1. Xenial Rafa, non coñecía o do método anticonceptivo, en fin, unha peniña. O "animalismo pelucheiro" outra moda en aumento, como se poñen as xentiñas. Por certo polo Barqueiro decimos, "chámame ghorrión e bótame maínzo".
    Unha aperta Rafa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas meu,,agradecido...si é que certamente o do animalismo de peluche é un problemón ecolóxico...outro mais...por se non había dabondo.
      UNha aperta

      Eliminar