XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 27 de xuño de 2010

Salada de campo e plaia

Gosto das saladas. Á súa frescura e variedade de ingredientes, engádaselles a súa facilidade de realización e xa teñen listo un menú recurrente para sair do paso nos intres eses en que no se sabe que dar de comer. Para máis, adoitan agradar máis ca outros xantares, de máis costosa realización e máis pesada dixestión, de sabor por riba uniforme e ingredientes únicos.


Imos aduvar esta salada de hoxe coma sempre, con productos xenuinos do noroeste do Noroeste obtidos polos paseos amodos destes días que, a canda á vida, foron pasando.





Encetamos o aliño cunha fermosa bolboreta, unha Pontia diaplidice, retratada no areal de Vilarrube. Faltaba na miña colección de Piéridos, esa familia que inclúe as brancas das berzas, as auroriñas, as limoeiras e algunha outra, e deume moita ledicia facerlle unhas cuantas fotos, aínda que iso si sempre de perfil, non se me abreu nunca de alas. A felicidade, xa se sabe, non se debe esixir completa: non duraría nada.




Nos campos que arrodean as muradas do Castro de Cerdido floreaban chufonas, ergueitas cara ao ceo coma un chafarís de careixós floridos, estas Dactylorrhizas elata, unha das orquidáceas máis abondosas e fermosas da bisbarra. Os servizos de xardinería municipais respetáranas e pasaran coa máquina ao seu redor. Cultura e sensibilidade natural. Recoñezo a voz de Cerdido: vén de quercus, non de porco.





Florean arestora amodiño, coma con medo, os lindísimos pés da telladiños, Hockenya peploides, en case que todos os areeiros da bisbarra. Gostan de medrar valentemente na primeira liña da plaia, destemidas dos arrumbos das mareas e das máis perigosas chanclas e toallas turísticas, que un ano sí e outro tamén pisan nelas con inmisericorde iñorancia. En Pantín non me explico como sobreviven as tropas do Classic Surf, sempre acompasadas do paso ledo e despreocupado dos novos.






Esta pildoriña, que chaman píllara dos marouzós ( en realidade din das dunas), un macho de Charadrius alexandrinus andaba a canda outros e outras polas areas de Vilarrube. Tíñase documentado a crianza desta especie neste noso areal ártabro, pro seica deixara de criar: demasiados perrumanos ladrando a todo correr pola area adiante. Parece que van menos cans, algún, pesia os carteis admonitorios, aínda se ve: non saben ler, os acompañantes humanos tampouco.



Velaiquí a fermosa Gymnadenia conopsea, unha escasa orquídea que xa medra, xullo é o seu mes, polos ouzais capelados. O santo é das penedías do Limo, moi arrimado á beira do cantil. Rebuscara nela o ano pasado e non fora quen. Esta tempada en troques sáltame á vista por todos lados. O outro día baixando polo Campo das Vacas, rumbo á Punta do Cadro, vin catro ou cinco moi lindiñas. Sae tamén no Ouzal e nas abas cedeiresas da Herbeira: por ducias nos anos bos.


Moitedumes de Centaurea borjae adobíaban eses mesmos territorios. Non parece ser pesia a súa catalogación unha especie en perigo de extinción. Unha ledicia. Pero mellor que siga con esa consideración. Na imaxe un Bombus sp. ( ao mellor pascuorum) poliniza a unha delas. Non era o único, outros moitos andaban pacendo en outras tantas flores.



Non son moitos os capaces de recoñecer nesta enorme herba que en galego corre co apropiado nome de herba xiganta, ao Acanthus molli, o acanto da linguaxe culta e estudiada, que aprendimos na xuventude bachillera como decoración propia da orde corintia, nos estilos clásicos gregos da arquitectura. A da foto ao pe dunha casa das Pontigas, en Regoa, na beira da carretera.

Cantaruxaban no alto dos marouzós, confundidos coas cores do helichrysum, defendendo o territorio e tendo conta da rolada de noviños, que xa medraban independientes, as costureiras, que por acolá chamamos lavercas, e nos libros para mellor se entender Motacilla flava. Fíxenlles un feixe de fotos a ver se... esta, a mellor, non chega a medio regular.



Baixei a mirar de perto a plaia de pedras e bolas de Teixidelo. No camiño a sorpresa desta linda e moi pouco frecuente leguminosa, un Lathyrus clymenum, un outro entre as máis de mil especies do xénero que se atopan polo mundo.


Rebuscaba eu os Iris latifolia , entre nós herba de San Xoán, dos que xa dei conta nunha entrada anterior, cando discernín montado sobre unha das súas follas a este extraordinario e rarísimo lucánido, parente xa que logo do alicornio ou vacaloura, nada menos ca un Platycerus sp. ( separar entre spinifer e caraboides, non está ao alcance dos meus coñecementos: agradécense comentarios ao respecto). Ata o presente só os mirara e fotografara na fraga dos Casais. E non tantos: só dous.




Ese mesmo día e nun tarreo ao pe das casas do lugar de Teixidelo, brilaba esta alba abeluria, que noutrures din estralote, e nos libros Digitalis purpurea, que ven así a aumentar a miña colección de albinismos botánicos que pouco á pouco vai acrecendo. Xa hai material para unha entrada curiosa.



E esta Alauda arvensis, a laverca, aínda me deixou facerlle un rexistro medio regular. Que será todo o pobre que se queira pero é o mellor que lle poiden facer nunca. A vexetación na que se escondía é a do marouzón de Vilarrube.




Ben sei que o Polygonum maritimun é unha vulgaridade de cada ribeira nosa das plaias de cada día, sempre ao pe da marea, pero por iso mesmo vén hoxe ata este bló, para que se vexa pertiño dos ollos a delicada beleza das súas floriñas miúdas, tan abondosas coma despreciadas polos ollos.


Iris foetissima é o máis discreto dos tres lirios que se dan na nosa bisbarra. Á espadana amarela dos regos, Iris pesudacorus, é imposible non a coñecer; a herba de san Xoán, Iris latifolia, é unha rareza para todo o mundo, menos para os seguidores deste bló que tiveron novas dela nunha entrada anterior. Algunha vez haberá que poñer a todas as iridáceas xuntas, nun álbum de cromos.



Esta rara planta, sen clorofila, ten a virtude de poder ser confundida, polos pouco andados, cunha orquídea. Nada que ver. É unha orobanchacea, unha familia de plantas parásitas con dous xéneros ( cistanche nunca o mirei por acolá; sí este ano no intermareal do Grove) e variadas especies de non moi fácil clasificación se non atendemos á planta da que se nutre. A da foto é Orobanche hederacea, parásita da hedra, e na opinión de Xosé Ramón García, con moi poucas citas en Galizia. Serán todas do noroeste do Noroeste, pois acó é moi común.



A lebre aniña no monte e a papuxa na silveira e chegado o tempo os noviños saen do niño e andan sós a buscarse á vida. Así o facía esta críanza de Sylvia atricapilla, a papuxa das amoras para nos entender, que miraba destemidamente prósima ao ocular da miña cámara, espreitándome por entre as follas dos matos do Castro de Cerdido.

E con este tenro aderezo final vai quedando rematada a ensalada, non desexando outra cousa máis que fose do voso gosto e vos dese moi bó proveito, e agradecendo na ialma que escollésedes esta taberna, perdida no noroeste do Noroeste, para degustar, entre petiscos de alas e flores, una entradiña natural condimentada sen conservantes nen colorantes.

A ver se non se nos acaban os ingredientes: para que os netos e fillos poidan seguir sabendo de sabores.

Apertiñas, totus meus.

A mandare.

7 comentarios:

  1. Entrada preciosa, como siempre. En las Sylvia atricapilla jóvenes generalmente no se puede distinguir el sexo. Los machos jóvenes se parecen a las hembras jóvenes y adultas.

    ResponderEliminar
  2. Vese que non dei enviado correctamente o comentario ontes, porque non saíu.. É igual, agora xa foi.

    Cada día que pasa góstame máis o teu bloge, Rafa. Non sabes cómo se agradece ver fotos e comentarios interesantes sobre Escornabois, Orquídeas, coleópteros ou poliños voantóns de Papuxa. Todo un refresco neste mundo noso tan cheo de rarezas e exotismos..

    O único defecto que tén o TEU bloge é que NON TEÑO TEMPO A LELO TODO, MECAGOENLAPÚS!!

    Por certo, facía anos que non oía falar do conto do traxe novo do emperador..Encántame esa historia, certamente aplicable ao "caso Frouxeira"

    Unha aperta

    ResponderEliminar
  3. Boas amigos...moitas gracias a anónimo polas precisiós sobre o sexo dos noviños de papuxa...nada tan pracenteiro coma aprender e de páxaros levo moitas asignaturas aá rastro...

    ...Xabi o que debeu de pasar é que internet andou fundido dous días por estas rúas e non había maneira de conectar...iso debeu de ser...

    ... No "O caso Frouxeira" non vexo moi ben quen poda ser o meniño que levante a lebre... quen si me parece o emperador é o Lago de Lanzós que anda espido de auga e moitos só o ven vestido con multitude de plumas...

    Triste Lago de Lanzós...se o deixaran en paz todos...

    Unha aperta, meu.

    ResponderEliminar
  4. Sobre o da Frouxeira..non me dei conta de que habías contestar algo así (coñecía a túa postura por Miguel).

    Como un servidor está moi cansado xa de todo este asunto vamos deixar o debate para mellor ocasión.

    Desde logo tes motivos para estar contento, Rafa, porque todos os indicios apontan a que a lagoa vai estar moi chea de auga nos próximos anos, que é do que se trata, para vós.

    Porque teño a sensación de que a xestión da lagoa vai ir orientada por unha solución dese tipo...

    Prefiro non opinar. Xa dixen todo o que tiña que dicir onde me deixaron facelo.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Sobre o da Frouseirs..opina o que queiras, este bló sempre estará aberto as túas opiniós , e a de calquera,que se expresen sen insultos nen ofensas...eu coñezo o debate de refilón, por comentarios de Miguel, e dende logo neste curso naceu viciado: só se protesta cando non son "os nosos".
    Non é o meu caso, eu non son de ninguén, só teño a miña intelixencia e sensibilidade e con elas, sexan como e cales sexan, eime de ir manexando.

    Penso que os asuntos, os malpocados e desgraciados asuntos medioambientais ( menuda palabra que contén xa unha proposición de principio dunha rebaixa do 50%) deberían tratarse con coñecementos ecolóxicos, e non ecoloxistas, "oculoxistas" e moito menos politicoloxistas.

    Só traballos científicos rigurosos de ecólogos, (eu como sabes só coñezo o de Don Jenaro Dalda), independientes nos poderían dar as claves para afrontar os problemas e dar coas soluciós exactas. Mentres non teña algún outro traballo que amplíe os meus saberes conformareime coas conclusiós de Dalda, que para máis parecenme coincidir coas miñas observacións.

    Non tiña nen idea de que se pensa deixar o lago( a min o de lagoa non me cadra) no seu proceder natural...aínda me extrañaría.

    Unha aperta Xabi.

    ResponderEliminar
  6. Vaia, vexo que prefires a palabra "lago" antes que "lagoa", tal e como Dalda e a ciencia da xeografía decretan (A Frouxeira é, evidentemente, unha "lagoa litoral").

    Imaxino que o resto do estudo de Dalda (que tampouco debemos considerar infalible) o interpretas co mesmo rigor científico...

    En fin...Como che dixen non teño ánimo para falar disto. Vexo moito romanticismo, demasiada política, e moi pouca evidencia científica.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  7. O termo lagoa é evidentemente científico, pro Lago é o termo tradicional con que sempre lle chamamos por acó...aí está o lugar e parroquia de Lago, e non de lagoa, daí a miña escolla...o de Lago de Lanzós é unha deciión estética, fundamentada na máis vella denominación que poiden atopar...lagoa de A Frouxeira, é un concepto xeográfico moi moderno, no que se tivesemos que seguir as opiniós dos filólogos, repasemos as ensinanzas de Alvaro Porto Dapena, que tampouco é infalible, claro, teríamos que escribir Frouseira, coma sempre se dixo, e non Frouxeira, coma se dí dende que se acuñou o termo científico de "lagoa de A Frouxeira"
    Ata no nome anda todo embarullado e moi mal traído nas cousas do malpocado Lago de Lanzós.
    Nas miñas opiniós sen dúbida hai o seu aquel romántico, e ademáis gústame.
    Apertiñas, Xabi

    ResponderEliminar