Por ver de atopar a maneira de fuxir, mais que sexa coa imaxinación, das fríxidas témperas, que na hora nos teñen encollidos, dou en resgatar do fondo do disco duro do computador unhas poucas imáxes dos días quentes de xullo e agosto que xa daquela estaban listas pra se publicar, pro que por unhas ou outras razós quedaran inanes e conxeladas agardando tempos mellores.
Así, directamente da memoria dixital á tixola de blogger, con un pouquiño de óleo, o seu aquel de allo, o seu pisco de sal e se cadra o seu punto de pimenta, hase guisar esta fritura de produtos conxelados, sen maiores miramentos culinarios e co desexo confeso de que guste, aproveite, e ao tempo vos alonxe a frieira. Ogallá.
Velaí vai.
Non vexo moito por estes lares a Espelliños de plata, Issoria lathonia. Se os meus arquivos andan ben, non máis de dúas ou tres veces. A última delas neste xullo que pasou. Foi no concello de Cerdido, nunha desas pistas de pedra, cavorcos e poeira que nesta terra de desfeitas acompañan sempre aos riachos, e aínda aos regos, no seu andar cara outros, ou cara o mar. Fora un bon día para ver lepis, máis dunha ducia diferente recontei. A máis prezada por rara e difícil de pousar, esta espelliños. Aledoume a mañá.
Esta volainiña, unha avelaíña de nome científico Pterophorus pentadactyla, non é moi coñecida das xentes seguramente polo seu reducido tamaño e o discreto dos seus costumes. Anda de cotío polos prados e xardíns onde haiba cadrifollos, Convolvulus sp, ou roseiras. Esta está fotografada no meu pequeno xardín. Eu, non coñendo o seu nome popular, dei en chamarlle plumiñas polo curioso aspecto flocoso e emplumado das ás. Con nomes semellantes corre noutras linguas europeas, en inglés por exemplo: White Plume Moth, pois iso, a polilla de pluma branca.
Branca tamén, moi fermosa e extraordinaria é esta Ericka mackaiana alba unha desas xoias botánicas da Serra da Capelada que me parece non é a primeira ves que chupa bits neste bló. E ao mellor non é a derradeira, para algo é unha das miñas uces favoritas. Por se interesa, esta é dun pequeno mato que anda polo alto da Herbeira. O caso é dar con el.
Linda libeliña macho inmaduro (que é macho por ser azul, que é noviño polas ás pardas) da especie Calopterix virgo, sen dúbida a máis común e doada de ver pola nosa bisbarra, onde aleda e adovía a flor das augas mainas de todos os nosos ríos. Afortunadamente abondosa. Que o sexa por moitos anos.
Velaí a unha parella de Exosoma lusitánica facendo un dos deberes obrigatorios de todo vrao. Sen dúbida tamén un dos escarabellos máis comúns e abondosos cos que case é imposible non atoparse en calquera paseniño, mais que sexa desatento, polas beiras dos camiños ou carreiros.
Esta labiada, unha Stachys silvatica, tiña perdidas xa moitas flores, pero as poucas que lle quedaban estaban debuxadas dunha maneira particularmente marcada e certamente regaláronme unha imaxe curiosa e sorprendente. Andar, anda por todas partes, con preferencia nas beiras de camiños medio deixados e degradados, esta é da pista que segue ao Río Mera abaixo dende a Ponte da Cardeal.
E por alí mesmo andaban rifando con xenio, movendo as pólas ruidosamente (dei en pensar se non sería un ratiño) esta parella de machos de vacaloura, escornabois ou alicornios, o que gustedes, que o galego por palabras fermosas non ten problemas. Fíxenlles unha boa xeira de fotos que fican gardadas en conserva para outra mellorada, se cadra.
Este bonito e pequeno escarabelliño, un Psilotrix viridicaulis, é tamén moi común e doado de mirar en calquera dos marouzós do noroeste do Noroeste. Este, sen remirar os arquivos non sabería dicir de cal é, pero podedes pensar en Vilarrube ou na Frouseira, no Rodo ou en Morouzos, en Santa Comba ou Doniños, en Ponzos ou Esmelle. Andaios todos. Miragreiramente, aínda no da Madalena de Cedeira, que xa non existe.
Lus con fus no malpocado Lago de Lanzós do areal da Frouseira. Ducias de grosos coleópteros encetan a revoar ao redor dos copos das árbores da ribeira. Veñen,(saberan eles de onde, eu supoño que do adentro dos seus tobos nas areas dos grandes marouzós de enfrente) voando por riba das augas. Un vénse directamente a min, ou parécemo. Aceno instintivamente coa mao e dou con el no chan, á beira das augas. ¡É un Copris lunaris! Atontado coma quedou deixoume facer cantas fotos quixen. A lus da noite estropeumas case que todas. Esta será das mellores. Nada sabía eu deles é dos seus costumes nouturnos e vranceiros. Os merlos, que na noitiña esperaban por eles para a cea do día, si.
Este sírfido, unha desas moscas que practican o mimetismo batesiano (amitan seren avésporas para que as vaian deixando en paz), repousaba nas paredes da cabana da casa. Eu apoñería por que se trate dunha Scaeva pyrastri, pero xa dunha volta asegurei tal e resultou sere Scaeva selenítica. Así é que deixa a ver.
Lycaena alciphron revoando con acomodo de toxo en uz. Son as finais de agosto e é o cabezo do Caxado, cimeira en lousas da Provincia da Coruña. A carón do chan andan as carrachas embravecidas, víndose arriba. Hai quen, sen decatarse, levou para a súa terra dúas ducias delas escondidas nas alorzas da pel. Seica, deveras, aínda lle escozen ao lembralo: a memoria residual do organismo, chámanlle.
Por alí tamén rexistrei este intre risoño, onde toda imaxinación bestial pode coller acomodo. Pero para que ninguén se acalore, direi que a formiga pasou coma chegou, apurada, e o gurgullo segueu ao seu, sen dar mostras visibles de decepción. A uz é unha Erica tetralix, aos outros dous non sei cristianalos. Seguramente calquera de vós saberá.
Tampouco sei quen é este fermosísimo bichiño. Seguramenete un< dictyoptero da superfamilia Blatellidae, emparentado coas cucarachas, e da familia Ectobinae e dubido entre o xénero ectobius e o phyllodromica pois con exactitude non dei con el en ningures. Caio máis na opinión de sere un Ectobius sylvestris en calquera das súas cinco fases de ninfa, pero vai ti saber. Aí queda, unha outra mostra máis da fermosa riqueza natural en biodiversidade do noroeste do Noroeste. Fotografado no Caxado.
Velaí á leiburiña, unha delicadísima e fina herba, Agrostis delicatula por iso, que enfeitiza as beiras dos camiños coa mesma gracia e beleza que tería unha brétema rosada apousándose amodo na toneira da terra, tal un bafo de humus, cal un fume de rosas. Unha das miñas herbas favoritas. As do santo nas Ribeiras do Sor.
Facendo os deberes andaban por Vilarrube, xa nos últimos días de agosto, esta parella de asillidae, tremendos e feros depredadores de todo bicho alado, que así mirados, calmados nas obrigas dos quefaceres anuais, non parecen tan terribles como de seu se lles pinta. Home claro.
E rematamos a tixolada de conxelados con esta imaxe dun escudiño ben fermoso e bigarrrado, un Carpocoris fuscispinus/mediterraneus que se paseaba a canda outros cinco ou seis pola umbela, xa froitada como se ve, dun Daucus carota, nos primeiros días de setembro e nas últimas luces da tarde do Areal de Vilarrube.
Coa esperanza de que os condimentos conxelados desta fritura conservaran aínda o recendo e o sabor dos días quentiños, soleados e gratos do prácido vrao do noroeste do Noroeste e con eles fuxisen, máis que sexa na memoria, as agudas frieiras desta nordesía que cae, heime despedir de vós, miñas e meus, co agradecemento de sempre e o desexo de que tirásedes bó proveito da lectura destas letras refritas.
A mandare.
Nota marxinal: Co permiso de todos, gosto de adicar esta entradiña, saudosa da quentura, aos amigos María José e Luismi que dende os Madriles, e ao mellor escaqueándolle olladas ao traballo, len este bló entre sospiros dun prósimo e seguro achegamento as terras do noroeste do Noroeste eo que de certo fano en canto poden, que non son tantas veces coma a eles e a nós nos gustaría. Apertiñas, meus.
Estimado Rafael,
ResponderEliminarRevisando as minhas notas deste ano vejo, com desagradável surpresa, que esquecim um assunto do que tinhamos falado alô por Abril: As caraminhas da praia do Rodo!
Resulta que quando andava com aquilo tivem que marchar a Inglaterra e depois não me lembrei do tema. Ainda que é inexcusável, só podo dizer que o sinto muito.
Não sei se tes notícia recente do estado desses indivíduos, e se seguem sob ameaça de ser cobertos polo mato. Se este é o caso, manhã mesmo passamos o assunto à Direcção Geral de Conservação da Natureza e, se queres, solicitamos uma intervenção (tal e como se nos oferecera naquela altura).
Uma aperta desde Compostela,
Boas Miguel...desgraciadamente algúns matos foron practicamente asoballados...eu pasei polo Rodo a pouco de falarmos e fixeron unha intervención que consistiu en desbrozar o silveirón do pe da pista...certo que acabaron con moita silvamar, pro non con aqueles que afogaban os especimens da duna...tiven pena e non moitas forzas para ilos ver consumindo...algunhas xestiós diante de instituciós que fixen non tiveron moito éxito...irei a velas un día de estes, pro algúnhas delas de seguro estánrán practicamente afogadas se non houbo un ha mao caritativa, decidida e clandestina que as salvara. Ogallá.
ResponderEliminarApertas e unha ledicia saber de novo de ti.
(Calquera día nos miramos por Compos, tamén terra miña).