XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 15 de xaneiro de 2009

SERPENTINIÑAS da CAPELADA


Penedos no Chao do Limo, concello de Cariño.

A peridotita é unha rocha plutónica, quere decirse feita por presión a profundidades enormes, que en determinadas condiciós, transfórmase en serpentiniña: a fermosa e recovecada pedra que lle confire á Serra da Capelada a súa paisaxe diferencial e propia.


Serpentina, San Andrés de Teixido e a Herbeira: capelada co nubeiro de nordés.

O traballo lento do tempo, calado e incansable, sobre da pedra vai desfacendo os compoñentes máis febles da peridotita... loíndoa... furándoa...escraquenándoa.



Nacen así diante dos nosos ollos esculturas e arquitecturas únicas, obras de arte naturais, sen pretensiós, nacidas da inspiración do tempo e do traballo amodo do bico da auga e do soplo do vento... suxeridoras de irónicas reflexiós sobre a condición da obra de arte humana.

Durante millós de anos, con pacencia e pericia atómicas, os meteoros traballaron, sen presa e sen folgo, ás pedras de mil maneiras: todas aquelas que lles permitía a moi diversa composición e distribución dos minerais polo adentro das estructuras cristalinas da peridotita: sempre a mesma, sempre diversa en cada pena.

Confórmanse así paisaxes diferentes sobre a superficie de cada rocha, trázanse liñas de erosión particulares en cada pena: caligrafías esfuracadas da lingua primeira: a da pedra fundida no crisol do corazón da Terra, a da fé de nacemento do berce mineral do noroeste do Noroeste. A beleza sen mácula humana. A pedra capelada.

De entre as mil formas erosivas que acada a peridotita ao facerse serpentiniña, as bandas columnadas son as que chaman máis a atención de quen as mira. Parecen mesmamente cousa de mouros. Tanta é a requintada elaboración que as conforma.


Nalgún lonxano e esgrevio curruncho da Serra da Capelada... ( que non revelarei para libralas dos ladros que, ao mellor copiando a moda municipalista das "rocallas", andan a arroubar as serpentinas - ¡¡ ese Ouzal que se baleira ano a ano !!-, para decorar seus xardinciños chaletarios...que se aínda fosen legais)... existe un grupo de serpentiniñas nunca vistas, fermosísimas, decoradas cunha profusión tal de bandas columnadas que as convirte nun Monumento Xeolóxico único, sen dúbida algunha de importancia internacional.

As imaxes que a seguir irán, certamente tristes de tanta beleza non captada, quixeran abrir os ollos de quen as mirare, á concencia do dereito natural que posúen os entes de pedra a asegurarse a continuidade da súa existencia, lenta, repousada, de alento cósmico, polos séculos dos séculos.
Amén.






















Moitas mercedes.

4 comentarios:

  1. Grazas Rafa por tanta fermosura !!
    Lourdes e Quique

    ResponderEliminar
  2. Agradecido eu a vós pola vosa compaña e as vosas palabras. Saber que este bló aniña en corazós amigos anímame a seguir poñendo ovos que, a vosa calore, chocarán de certo en paxariños piadores que han de cantar lonxe a melodía natural do noroeste do Noroeste.
    Apertiñas para todos.
    Rafa

    ResponderEliminar
  3. Preciosa entrada, Rafael. Xeoloxía poética. As bandas columnadas que amostras nas fotos, son máxicas. Xa sei que é unha entrada de xaneiro, pero estou explorando o teu blogue de vagar.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. Graciñas ...alédome que che gustara...esta entrada e desas que a un lle deixa dubidas poe se fose o caso de facela un pouco pesada de máis...así es que saber que hai a quen lle encheu o ollo pon ledo.
    Saudiñas.

    ResponderEliminar