sábado, 27 de decembro de 2008

ALBUM DE CROMOS COLEÓPTEROS ( Coccinelidae)

Os rei-rei, as xoaniñas, as "mariquitas". A familia dos Coccinelidae. Coleópteros de tremendo éxito popular, hoxe e sempre; mirados con simpatía e agarimo e tratados cun raro respeto: ausente total no que respecta a outras familias de insectos. Rei-rei, chamámoslles en Cedeira, (xoaniña é palabra moderna, aprendida máis ben nos libros do estandard normativo e mariquitas é castelanismo, ou pareceo), sen diferenciar entre os diversos xéneros e especies: adalias, coccinelas, theas ou propilaeas... todas eran rei-reis.

Son coleópteros de pequeno tamaño ( mínimo en platynaspis), posúen cores agradables e aduvían os élitros con puntos habitualmente negros. Resultan difíciles de identificar por amosar bastante variabilidade na coloración, dentro dunha mesma especie.


Carnívoras, aliméntanse de pulgos de toda clase, tanto na fase de larvas, canto na de escarabello; só uns poucos son vexetarianos ou comen fungos ( mildiu). Son, por iso moi azosos en silvicultura. Adoitan facerse os mortos cando se ven asustados e botan un líquido cheirento e amarelado por un poro situado entre o muslo e a tibia, é hemolinfa, sangue e líquidos


Seguramente ao noroeste do Noroeste o número de especies multiplique por 5 ou 6, ás nove que están na miña colección. Xéneros coma halyzia, adonia, calvia...de seguro teñen representantes, pero polo de agora nin eu din con eles nin eles deron conmigo, (que as veces voando tropezan con un).


Larva e eclosión do imago, (non consigo recoñecer a especie). O punto coral vermello é unha carracha, que seguramente anda xa buscando roerlle a crácara o escarabelliño recién salido. Mundo cruel.



Adalia 2-punctata, fotografada nas hortensias da terraza do Pinzón. Moi variable no seu cor, existindo individuos negros con puntos vermellos. Común, pode invernar activo dentro dalgunhas casas, no monte adormece baixo das cáscaras o nos brións.



Adalia 10-punctata, de debuxo moi variable, e máis fácil de recoñecer pola cabeza. Esta estaba sobre unha mesa do Areal de Morouzos. Común, pero non moi abundante.



Coccinella 7-punctata, o rei-rei de sete puntos, é a que con máis facilidade se pode topar un ao dar unha volta por calquera lado. Considerana benefactora por ser devoradora de pulgos. Os pulgos non pensan o mismo. A veces, no monte de uces, vese unha gran eclosión delas, poiden ver centos delas nas Alcaias da Ribeira Chá, e a ducias, a vendabal da Garita do Limo




Coccinella 9-punctata, o de nove puntos xa é máis raro de ver. Nesta ocasión sobre unha labaza.




Cocinella 11-punctata, unha soa observación de esta especie. Un exemplar por demáis moi cuquiño marcando un anel pálido arredor dos puntos.



Propylaea -14 punctata, común, e asimesmo non abundante. Téñoa vista no Sarridal, polo Camiño da Ribeira e no areal de Vilarrube. Non é moi exclusiva co habitat. Nos tempos que corren máis lle vale.



Platynaspis luteorubra, non é nada fácil de ver por ser diminuto. Nen as manchas vermellas se distinguen a simple vista e menos aínda o fino pelusiño que o recobre e o diferencia de especies afíns (chilocorus, exochomus).




Thea 22-punctata e, afortunadamente, bastante común e aínda que tampouco en grande número, pode verse en habitats e plantas diversas. Nos xardíns parece estar moi a gusto, pero fotografei un na trasduna de Vilarrube.



Esta é a colección de fotos do meu anaquel de rei-reis. A ver se algún día aumenta.

2 comentarios:

  1. Preciosa colección de escaravellos, saludos

    ResponderEliminar
  2. Graciñas José Ramón...non son moitas as especies de rei-reis que teño, pero todos eles me parecen moi bonitiños... a invitación de fotografar a bichería da Capelada segue en pé...a mandar.

    ResponderEliminar