ORQUÍDEAS do NOROESTE
Na nosa bisbarra cítanse 14 especies de orquídeas (Guía das orquídeas de Galicia, Baía Verde, Carlos Cortizo e Elvira Sahuquillo ). Son, certamente, un dos tesouros botánicos do noroeste do Noroeste. Neste artigo presentaremos as 11 especies que poiden localizar dende as máis fáciles de ver e atopar tales a Dactylorhiza elata ou D. maculata, ata as raras e dificultosas, Epipactis palustris ou Spiranthes spiralis.
Dactylorhiza elata con Zigaena sp.
Dactylorhiza elata, sen duda a máis frecuente e fácil de ver, así como unha das primeiras en aparecer, visible xa a mediados de abril e ata primeiros de xullo, presente en cunetas, campeiras, areeiros..etc. Orquídea cunha grandísima variación morfolóxica e de cor dende os púrpuras e lilas aos rosas o que leva aos especialistas a proclamar outras tantas variedades de especimens.
Dactylorhiza maculata

Dactylorhiza maculata é abundantísima na Serra da Capelada, fácil de recoñecer polas manchas ( máculas velahí o nome) das súas follas se non queremos diferenciala da D. ericetorum, que para moitos especialistas sería a verdadeira especie presente no ouzal do norte cantábrico. A súa clasificación exacta requeriría analise polínico e para os efectos divulgativos desta páxina é absolutamente irrelevante. De rosa a branca coas manchas violetas ou rosa forte aparece entre as herbas e as uces nos meses de maio e xuño, escaseando xa en xullo.
Gymnadenia conopsea

Gymnadenia conopsea, (do grego conops= mosca, polo aspecto das flores) ten unhas poboacións relativamente abundantes no alto da Herbeira dentro do concello de Cedeira, e aparecen exemplares aillados por todo o alto do cantil dende Cortes ao Limo. É unha planta pequena e discreta que pasa inadvertida pola semellanza de cor coas uces e os timus. Floreaa nos meses de xuño e xullo, moi especialmente neste último. Recoñecible polo seu longo esporón.
Ophris apifera

Ophrys apifera, fai referencia no seu nome a pilosidade do labelo e o seu aspecto de insecto ( oprhys=cella, apis=abella). Este xénero é un dos más fotografados e máis coñecidos pola súa vistosidade. Na nosa comarca aparece nos sistemas dunares, (Morouzos, Vilarrube, Valdoviño, Doniños) sempre en pocas cantidades e, pesia a súa fotoxenia e beleza, dun xeito discreto e non moi fácil de detectar se un non anda atento. Coma todas as outras orquídeas do sistema dunar ten na praga de porco bravo, que foza e destroza as dunas e busca os seus bulbos ( orchis= testículos), unha das maiores ameazas para a súa supervivencia.

Oprhys sphegodes, diferénciase notoriamente da anterior tanto polo espello maculado, (unhas veces en forma de H, outras en forma de U) de cor azul-violáceo, como por ter sépalos e pétalos verdosos, (rosas en apífera). Fácil de encontrar nos sistemas dunares, sobranceiramente en Vilarrube, durante o mes de abril.

Serapias cordigera é unha das tres especies do xénero serapias ( de Sárapis deus greco exipcio da fertilidade) presente na Galizia e na nosa bisbarra. O nome cordigera ( cordi= corazón, gera= portadora) fai referencia a forma de corazón do epiquilo. Presente con escasos exemplares pola nosa comarca, cítase en Doniños-Santa Comba, e nos arredores da Ría de Ortigueira subindo cara o interior ata o Concello de As Somozas, onde hai unha poboación pequena nos arredores do campo de fútbol. De todas as serapias é a que ten a flor máis grande e vistosa, co seu aquel de exotismo tropical.

Serapias parviflora ( parvis=pequena, flora =flor), é a máis abundante e fácil de localizar das especies do xénero. Presente en todos os sistemas dunares nun número apreciable nas campeiras da trasduna. Diferénciase notoriamente da anterior tanto pola forma e tamaño, coma pola característica de ter os pelos do epiquelio brancos e non vermellos como en cordigera.

Serapias lingua, co epiquilo glabro, sen pelos
Serapias lingua, o nome fai referencia a forma do epiquilo, pasa por ser das orquídeas máis abundantes de Galizia, pero non tanto na nosa comarca onde non é nada frecuente e cítase tan só nos arredores da Ría de Ortigueira e en Doniños. Sempre a poderemos diferenciar das outras dúas por non ter pilosodade no epiquilo.

Spiranthes aestivalis é unha das dúas especies do xénero presentes na Península ibérica estando ámbalas dúas presentes na nosa bisbarra. O nome do xénero ( spiro= espiral, anthos= flor) fai referencia a curiosísima disposición en espiral das flores arredor do talo. O nome da especie, aestivales sinala a característica da floración en pleno mes de agosto. Moi escasa e difícil de atopar ten unhas poboacións moi localizadas en poquísimas espazos da trasduna dos sistemas dunares de Morouzos, Valdoviño e os da costa ferrolá. Eu só fun quen de atopala, e nun número reducidísimo, no medio e medio do areal de Valdoviño.

Spiranthes spiralis é a outra especie do xénero. Imposible de confundir coa anterior por florear no outono, polo seu menor tamaño, é moi pequena, por ter pilosidade por todo o talo e un maior número de flores e unha disposición descaradamente en espiral arredor de todo o talo, amáis este xurde non do medio da mouta basal senon so pé dela, sendo a única orquídea con esta característica. Escasísima, igoal que a anterior, os únicos exemplares que coñezo e poiden atopar, están dentro do patio do colexio de As Somozas, ao pé do muro, mirando a norte.

Epipactis palustris, xoia da Costa Ártabra
Epipactis palustris ten as súas poboacións galegas, escasísimas, restrinxidas a poucas colonias de poucos individuos, en Corrubedo e na Costa Ártabra. Persoalmente só localizei unha poboación de non máis de cuarenta exemplares, moi reunida en poucos metros cuadrados, na trasduna do Sistema dunar de Valdoviño. Pesia a non estar amenazada a nivel global, se o está a súa presencia na nosa comunidade polo que cumpriría tomar medidas de protección pola vía de urxencia.
As outras tres especies de orquídeas que Cortizo e Sahuquillo citan para a nosa comarca, Listera ovata, Cephalantera longifolia e Platantera bifolia seguirán a ser obxeto de desexo deste servidor de vosté, que as percurará con tanto interés coma ate o de agora, e agarda que con mellor fortuna.
Ningún comentario:
Publicar un comentario