XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 23 de decembro de 2008

PLANTAS INVASORAS



Un dos problemas graves, descoñecido polo gran público, que afecta a pervivencia do equilibrio ecolóxico, é a proliferación de numerosas especies forasteiras, alleas ao noso mundo natural que andan a ocupar e invadir os berces ecolóxicos autóctonos.

Mimentas e eucalitos versus loureiros e castiñeiros

A globalización, a mixturación, ten chegado xa ao monte, ao río e ao mar. Plantas, reptís, mamíferos, crustáceos, insectos...especies antes nunca vistas nen por aquí antes nunca criadas andan xa establecidas no noso habitat; ameazando en moitos casos á sobrevivencia das especies autóctonas, que, polo que se refiere ao noso noroeste de Noroestes, inclúe delicados e valiosísimos taxones botánicos únicos.



Herba da Pampa: o exemplo da equívoca beleza traidora

Non só o esmagante monocultivo do eucalito, que, por obvio, nen comentaremos nen deixaremos de sinalar, senón unha extraordinaria variedade de especies vexetais exóticas teñen xa enrraigado entre nós. Por causas múltiples e moi variadas: a expansión da xardinería recreativa, a moda psicoanalizable do mascotismo, as desafortunadas intervencións de obras públicas (¡ eses quilómetros e quilómetros da Herba da Pampa na autopista !)... a ausencia dunha lei reguladora...e... a perigosa inocencia iñorante que todos poseemos.



O esmagante perigo do Carpobrotus: alfombra e afoga o areeiro.A Consellería de Medio Ambiente parece tomar concencia do problema e ven de editar unhas fichas informativas sobre algunhas destas invasoras; non de todas, dende logo: sería imposible, e non tanto polo elevadisimo número existente canto por describirse cada ano especies novas. Compre que amáis  se tomen medidas inmediatas de erradicación, con plans e obxetivos concretos e legais para evitar as prácticas expandidoras de especies foráneas.






Crocosmia: o implacable gladiolillo inzador


E non só as plantas están a invadir e alterar os ecosistemas. Aves como a cotorra arxentina ou o pico de lacre andan a aniñar polo sur de Galizia e considéranse xa naturalizadas. O cangrexo americano de río ten poboacións considerables asegún onde: no encoro das Forcadas por exemplo,  é fácil velo fora das augas, nas pozas das rodeiras ou polo medio das felgos das ribeiras. A tartaruga da Florida, carnívora famenta, pasouse do acuario ao río e alí onde se cría amenaza a toda larva ou insecto acuático.


Cangrexo americano, o amenazante depredador dos encoros
E hai insectos que viñeron, canda a súa planta nutricia, (o Gonipterus scutellatus do eucalito), e setas que agacharon as súas esporas nas madeiras exóticas, como o federento e espectacular Clathus archerii, chegado de Oceanía, e visóns que se asilvestraron por que escaparon das granxas (ou os soltaron, non os ecoloxistas se non os animalistas, que compre sabermos diferenciar) ou mexilós de mares exóticos e peixes de mares de fora.

Clathus archerii, o exotismo dos Mares do Sur no noroeste do Noroeste.
Hai que agradecer a sensibilidade da Administración e os esforzos por concienciar a poboación, (que efectivamente en liñas xerais non ten nen idea deste problema e o mellor tampouco lle preocupa). Os traballos para erradicación destes invasores non han de ser doados nen baratos; témome que en casos estemos diante dunha guerra perdida. Tan só en España cóntanse por centos o número dos taxons invasivos. Xa que logo compre iniciar accións decisivas, meditadas e inmediatas. A eliminación do Carpobrotus dos sistemas dunares, (por ser fácil e por poñer en perigo aos valiosos endemismos do Noroeste ártabro), debería de ser unha acción executiva ¡xa!.



Fermoso Carpobrotus, perigoso "carpobrutus"


A Asociación Ecoloxista Verdegaia, permisos en man como es debido, limpou as primeiras dunas da Frouseira, meus parabéns admirativos. En Cariño, como non anden atentos, decamiño lles come medio areal. En Cedeira hai que limpar un bó pedazo de plaia. En Vilarrube hai manchas pequenas que non se deben deixar medrar. En Valdoviño resiste, pesia todo, nalgunhas dunas intermedias. En Pantín, igoal que nos areais ferroláns de Doniños, Ponzos ou Santa Comba, empeza a ser un problema grave. Morouzos, parece estar libre desta peste, pero non se libra, coma Cedeira, Vilarrube e todos os outros, da Arctotheca caléndula, cespitosa especie chegada non hai tanto de Suráfrica e que está amosando unha extraordinaria velocidade de expansión

Arctotheca caléndula proliferando na trasduna de Vilarrube

Falta aínda a responsabilidade dos cidadáns. Non somos conscientes que poseer unha especie viva, (se vexetal ou animal non importa), obriga a unha serie de responsabilidades para con elas mesmas e co habitat salvaxe que as rodea, e do mesmo modo que a todos nos parece que non é razonable libertar a unha mascota doméstica, tamén nos debería de parecelo o feito de baleirar en terra fértil unha maceta cunha planta exótica viva.

Lunaria annua, do pé da casa ao medio do monte.
Remata aquí esta entrada. Ogalla fose de interés para alguén. Procurei presentar algunhas especies invasoras que poidesen ser recoñecidas facilmente. Para dar unha dimensión da situación que estamos a vivir, de verdadeiro caos xenético, van a continuación unhas cuantas fotos de flores, (todas elas liberadas ou escapadas de xardíns,) atopadas nas miñas andainas silvestres.



Moitas mercedes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario