XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 29 de decembro de 2008

ÁLBUM DE CROMOS DÍPTEROS ( Syrphidae)

Os sírfidos son unha familia de dípteros, (moscas, máis que menos) de tamaño grande e de cores e deseños vistosos. Nestas grandes moscas abundan os marelos e os negros, cores aposemáticas, avisadoras dun veneno que elas en realidade non teñen: practican a táctica do mimetismo batesiano, técnica que consiste en simular ser o que non se é: perigosas avésporas. E funciona. Sobre todo con/en humanos.
Confeso que dende cativo non lles tiven moita simpatía ás moscas. Parecíanme feas, porcas e noxentas. Só agora, de vello, ao tratar á familia dos sírfidos, reconcilieime con elas.

Velaí van.
Milesia crabroniformis, a raíña do fiuncho.

Milesia crabroniformis, con 3,5 cm. de ala a ala, é o sírfido de maior tamaño da comarca e o máis rechamante de cores. Vése voar de preferencia polas mañás e á caída da tarde, ben entrado xa o vrao. Anda pacendo polos fiunchos, donde é bon de mirar se queremos velo.

Epysirphus balteatus, repousando na herbadouro, Ranunculus repens.

Epysirhus balteatus
é un dos máis comúns e abundantes. Moi fácil de observar: voa durante todo o vrao, por todos os sitios e a todas as horas do día.


Eristalis tenax sobre crepis sp.

Eristalis tenax, máis apagado e discreto, de corpo groso e robusto. Moi abundante en todo habitat, campos abandonados, beiras de camiños, silveiras etc. Voa durante todo o vrao.


Eristalis taeniops, nas pallas da vexetación do Lago de Lanzós.

Eristalis taeniops, é posible nas ribeiras húmidas de augas paradas. Non chama a atención sobre os fondos onde se pousa. É o único sírfido europeo que ten os ollos raiados.

Eristalis arbustorum en Vilarrube, sobre Menta suaveolens
Eristalis arbustorum é asimesmo frecuente, aínda que en menor medida que tenax. De colores vivos e elegantes ten as alas manchadas en dourado cun centro negro.

Helophylus trivittatus, no encoro das Forcadas.

Helophilus trivittatus é especie de ben entrado o verán. Atópase nas ribeiras húmidas con chapuceiras. Gusta de voar nas horas centrais do día. 

Helophilus pendulus, na silveira, Rubus ulmifolius.
Helophilus pendulus, comparte xénero, hábitat e horarios co anterior, véselles revoar polos mesmos lares, se anda un raro que non ande o outro.

        Syrphus ribesii, repousando á paparrandona.
Syrphus ribesii, e un gran sírfido de porte elegante e calmado. Non é doado de ver se un non anda por zonas húmedas, con arborado e campeiras amplas. O Val de Moeche, por exemplo. E aínda así. Fácil de recoñecer.


Magnífico exemplar de Volucella zonaria nas herbas do camiño.

Volucella zonaria é moi fácil de recoñecer polo intenso contraste cromático. Sírfido anchote, de apariencia robusta, que gusta das cunetas e das rebordelas das pistas.



Scaeva selenitica e Merendera montana, no último do vrao, no primeiro do outono.

Scaeva selenítica. Sería para min imposible distinguila das outras dúas especies de scaeva que poden andar por aquí. Esta foto foi determinada por Miquel Carles-Tolrá de Insectarium Virtual. Mercedes para él e para todos os benefactores de IV.

Ningún comentario:

Publicar un comentario