XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 22 de decembro de 2008

Gaivotas e paxareiros

A moi especial situación xeográfica do noso territorio, no noroeste do noroeste ibérico, esquina entre Atlántico e Cantábrico, é unha privilexiada atalaia para a observación de numerosas aves mariñas que unhas veces migrando, outras divagando, outras abeirándose dos nortes ou dos vendabais veñen a repousar as ribeiras da nosa costá. ( No galego que aprendín de cativo, costá, aguda e acentuada era o apelativo que se usaba para nomear á terra acantilada que daba ao mar, costa, sen acentuar, era sempre un camiño empinado. Eu que nacín e crieime na Calle da Costa, seino ben). No outono, (tempo de paso e migración das gaivotas escuras ( Larus fuscus) que dende as terras bálticas buscan os climas máis benignos do sur), é frecuente poder contemplar o espéctáculo de bandadas de centos, cando non miles, descansando nas areas das plaias, xa en Vilarrube, xa en Pantín, xa na Frouseira.


Gaivotas descansando en Vilarrube

Retornan tamén as papoias, Larus ridibundus, que en xullo marcharan para as súas zonas de cría no norte, agora xa sen a cabeza achocolatada propia da súa plumaxe veraniega, pero si coas noviñas do ano que andan polos esteiros dos ríos buscando os seus poucos metros de territorio. Na nosa bisbarra Larus ridibundus e maioritaria e case exclusiva, sendo rarísimas as Larus melanocephalus, que pola contra fan da Ría de Ares a súa area de invernada favorita. O gran ornitólogo Antonio Gutierrez, sen duda o mellor gavioteiro do país e de moitos paises, tenas controladas case que unha a unha e sabe delas a vida e os milagros. No seu blog Gaviotas y anillas http://gaviotasyanillas.blogspot.com/ poderedes disfrutar e asombrarvos cos seus saberes. Non deixedes de visitalo: é a mellor información posible, e para máis, posta ao día permanentemente.




Papoia, Larus ridibundus, co traxe de verán


No inverno, tempo no que todo parece adormecido e flores e insectos desaparecen da vista e mesmo as setas non se deixan ver, os disfrutadores da Natureza temos nos páxaros e nas aves todo un mundo para seguer a gozar das ledicias da Natureza. Moi especialmente neste curruncho norestado onde rarezas extraordinarias pasan o inverno diante dos nosos ollos. Referireime a dúas delas que sendo auténticas xoias pasan desapercibidas polo común das xentes.



Larus delawarensis no esteiro do Río Condomiñas, Cedeira.

A gaviota da foto é extraordinaria: unha americana, Larus delawarensis, (bautizada co nome de Cecilia polo ornitólogo ferrolán Pablo Gutiérrez http://www.travellingbirds.blogspot.com/ ) que todos os anos, dende o 2003, ven a invernar a ría de Cedeira. Chega puntualmente no Nadal, ela seguramente pensa que o fai no solsticio, e pasa no esteiro do río Condomiñas todo o inverno. Ao chegar abril vaise, ninguén sabe adonde.

Cecilia no ano 2oo7
Ata agora non faltou ningún ano a súa cita coa ría de Cedeira e este ano xa está aquí. Podedela ver facilmente entrepontes, no medio e medio da vila, sempre está aí. É fácil de recoñecer, é un pouco máis grande que as papoias e máis pequena que as claras, para máis ten o peteiro amarelo-verdoso e a mancha, no canto de sere vermella, é negra. Todos os anos arriban as costas galegas e cantábricas unhas poucas gaviotas de Delaware e os ornitólogos e paxareiros afeccionados coma o que escribe, buscámolas con delectación; algunha quedou sorpresivamente a pasar aquí o ano enteiro, pero que eu saiba nengunha amosa unha querencia e fidelidade tan firme pola súa zona de descanso coma a cedeiresa Cecilia. ¿ Hai por aí algún concelleiro de Turismo que a nomee turista invernante de honor ? Por certo todos os anos un bó número de afeccionados armados dos seus telescopios e cámaras veñen a vela e facerlle fotos.

Gaivota branca, Larus Glaucoides, entremedias das escuras.
Notables sen duda, e obxeto de desexo dos paxareiros ibéricos, son as pocas gaivotas polares ou de Groenlandia, Larus glaucoides que cada ano,e arrastradas polos feros ventos do norte,veñen a descansar as costás e plaias galegas. Amosan unha especial querencia pola plaia da Concha de Cariño, onde raro é o ano onde non se poden ver. Quenes as teñen ben controladas son Ricardo Hevia e José Miguel Pumar, (Galician birding, http://galicianbirding.blogspot.com/). Este ano, canda as cedas nevaradas de primeiros de decembro, arribaron dúas delas. Daba gloria velas defendendo o seu cacho de plaia na desembocadura do rego que atravesa a plaia. O ano pasado deixouse caer unha por Cedeira, e adoitaba descansar entrepontes, sendo facilísima de ver e fotografar. Aquí quedan os documentos gráficos, para que cando volvan as podades recoñecer, son fáciles, chaman demasiado a atención coa súa brancura.


Larus glaucoides con Larus fuscus
Estes comentarios quixeran ser unha maneira de agradecer a Antonio, Pablo e José Miguel o moito que teño disfrutado e aprendido coas súas ensinanzas, tanto na lectura dos seus blogs, que volvo a recomendar, canto polas súas palabras nas desgraciadamente poucas veces en que puiden disfrutar da súa compañía paxareando por acó e acolá. Moitas mercedes, meus mestres.

Larus glaucoides en Cedeira

2 comentarios:

  1. Hola Rafael:
    Muy bonitas palabras. la verdad es que me he quedado impresionado con este, tu nuevo blog.... es cierto que no trata en exclusiva de mi "debilidad", pero como casi todo el mundo, yo también fui cocinero antes que fraile, y siento una profunda admiración por varios temas que tratas en el blog, como los insectos (me encantan los sírfidos), las orquídeas y los helechos. Vaya, que seré un incondicional de tu bitácora.
    Un saludo y enhorabuena.
    Antonio Gutierrez

    ResponderEliminar
  2. Graciñas Antonio,
    ...alédome das túas palabras...moitas mercedes...pois de sírfidos, orquídeas e felgos xa metín algunhas cousas...de felgos teño o catálogo moi deixado...a ver se este inverno me dedico a eles...
    Saúde e sorte.

    ResponderEliminar