
A gaivota de patas mouras, a Rissa tridactyla, é xente de mar adentro que non se quere nas costás non sendo cousa de ter que criar. Pasa a súa vida piélago adiante vivindo da pesca de pequenos peixes. Nalgún tempo debeu de ter polo noroeste bós lugares de aniñada, e aínda os ten, pero xa non fai uso deles. Estímase en tan só 8 as parellas que poden criar na costa galega.




As gaivotas polares brancas - a de Groenlandia, Larus glaucoides e a hiperbórea, Larus hiperboreus- xunto á de patas mouras, Rissa tridactyla, deixanse ver estes días por todos os portos e plaias ao noroeste do Noroeste. Dende Ferrol ao Barqueiro, este ano está marcando cifras moi altas de arribamentos, autenticamente de récord. Fálase xa da autopista atlántica Groenlandia -Galizia. ( Ver,http://travellingbirds.blogspot.com/2009/01/se-buscan-gaviotas-blancas.html)



Rissa tridactyla era cromo que faltaba no meu álbum, e xente coa que nunca collera trato, pesia a sere un arrivante habitual. Tiña uhna teima con ela. Os meus escasos coñecementos naturalistas non me permitían recoñecela doadamente. Para máis nunca foron moi abondosas. Pero este ano todo cambiou: hai tantas que é facilísimo velas: uhna oportunidade realmente. No porto de Cedeira hai un grupo numeroso que voan ao pé do muelle e mesmo repousan no abrigo da punta.


Rissa tridactyla adulta, coa "roupa" de inverno.
Poiden, nuhna tarde ventada e orballeira con raiolas de ourovello cedeirés, encher o ollo de Rissas sen fin. Co mestre Ricardo Hevia para máis gozo, que cun outro amigo controlaban a tropa de infindas gaivotas. Hai uhna hiperbórea, dúas ou tres glaucoides, uhna delas adulta, e moitas rissas, parte de novidades de Ricardo, palabra de dios, que me enche de ledicia: rissas por fin. E uhna hiperbórea, que para min é nuncavista.



As rissas non fallan: pousanse na abrigueira da punta do espigón, a dúas e a tres, pasan voando a rentes de min, aproveitan a chegada do Brual e do Narducho para ver se cae algo, deixanse ver ben, algo axocadas do ferragacho da cámara, hai rissas noviñas, hai adultas con plumaxe de inverno e hai unha... ¡coas plumas reproductoras do vrao!






Nos días que seguiron houben de ilas ver en cantas ocasiós tiven (tamén ás brancas pero estas voan máis lonxe e hai días que non se ven, e ao mellor xa se foron...). Andan arrimadas ao muelle e parecen cada día máis confíadas, andan petiscando e collendo folgos para mandarse á altamar. Achéganse mansas ás escalerillas e míranme alí sentado, e míroias, e mirámonos. E pasan os intres sen sentilos e dan as horas felices das Rissas.

...pero non todas as que viñeron volverán...esta apareceu morta no areal de Vilarrube na mañá seguinte as furias do vendabal...conócese que morreu rebentada...a vida mata, saibase.

...e estoutra noviña, malpocada, leva xa, só dous días en terra, un anzolo do palangrillo cravado na boca: o sabor doente do aceiro civilizado, a gastronomía da deixadez...o humano mata, saibase.
Unha bágoa.

( E moitas mercedes)